Con 2.700 funcionarios en postos outorgados 'a dedo' ou sen motivación suficiente, cada consellería decidirá cales seguirán igual e elixirá os tribunais que avaliarán ao resto sen participación dos sindicatos
O Consello de Contas emitiu hai uns meses un informe específico sobre a xestión por parte da Xunta do seu persoal público que revelou que uns 2.700 funcionarios están en postos de libre designación ou en comisións de servizos outorgadas sen motivación. Controlar esa discrecionalidade era un dos obxectivos declarados polo daquela presidente Feijóo cando impulsou a lei de emprego público aprobada a comezos de 2015. Porén, non foi ata agora que o Goberno galego desenvolveu efectivamente aquela lei no que atinxe á mobilidade do persoal funcionario coa publicación no DOG hai uns días dun decreto que entrará en vigor o 10 de outubro e que segue permitindo amplas marxes de discrecionalidade.
O decreto foi aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 4 de agosto, pero tanto o presidente Rueda na súa rolda de prensa posterior como os seus servizos de comunicación ocultaron esa decisión que mesmo os sindicatos coñeceron só coa publicación do texto no DOG mes e medio máis tarde. Un texto que entre outras cuestións permite que cada consellería decida que postos poden seguir sendo outorgados por libre designación ou quen compón os tribunais que elixan postos como as xefaturas de servizo sen intervención dos sindicatos.
Cando Feijóo impulsou a lei de emprego público de 2015 a súa daquela conselleira de Facenda, Elena Muñoz, hoxe secretaria xeral da vicepresidencia segunda, salientou que a norma contemplaría a designación das xefaturas de servizo “por concurso e non por libre designación”, algo que afectaría a preto de 600 postos, segundo a propia administración. Esa foi a norma xeral, pero a lei estableceu unha ampla excepción: “agás aqueles que, polas súas especiais características, deban proverse polo sistema de libre designación”.
O que fixo a lei foi establecer que é a Relación de Postos de Traballo (RPT) de cada consellería, que se modifica periodicamente, a que fixa que postos son de libre designación polas súas especiais características ou responsabilidades, algo que se fixo seguindo unhas instrucións cunha ampla marxe de discrecionalidade. E o concurso específico quedou como un desexo de futuro a regular no decreto agora aprobado con sete anos de atraso.
Segundo un estudo elaborado polo CSIF, a finais de 2018, cando xa se modificaran o 80% das RPT para fixar as novas características de cada posto, o 38% das xefaturas de servizo seguían estando cualificadas como de libre designación. Nesa liña incidiu o informe de Contas de finais do pasado ano, que criticou que o concurso específico previsto por lei desde 2015 só se empregara ata finais de 2019 “para a cobertura do 2% das prazas ocupadas que prevén ese sistema de provisión”.
O que fai agora o decreto de desenvolvemento da lei é establecer como deben ser os concursos específicos para aqueles postos que as RPT non sigan considerando de libre designación. E tamén neses casos a discrecionalidade da Xunta seguirá sendo elevada.
Os tribunais dos concursos específicos, pensados para as xefaturas de servizo que non se sigan dando por libre designación, estarán formados por cinco persoas, catro delas propostas pola consellería convocante do posto e sen participación dos sindicatos
Os tribunais que avalíen as candidaturas do persoal aspirante estarán formados por cinco persoas, catro delas (presidencia e tres vogalías) propostas pola propia consellería convocante do posto, sen participación dos sindicatos (ao contrario do que ocorre nos concursos específicos da administración estatal), e coa única presenza dunha secretaría con voz e voto da consellería competente en materia de función pública.
Esas comisións de valoración deberán avaliar a adecuación das candidaturas ás bases que cada consellería fixe para cada posto, cun límite do 55% da puntuación total para os “méritos” que acumule a persoa. Isto permite que ata o 45% da puntuación se poida decidir na fase de valoración de “capacidades”, que pode consistir en “entrevistas”, probas prácticas ou entrega de memorias.
Hai uns meses o Consello de Contas revelou que uns 2.700 funcionarios están en postos de libre designación ou en comisións de servizos outorgadas sen motivación
O decreto agora aprobado e que entrará en vigor o 10 de outubro tamén contempla que os postos adxudicados por concursos específicos sexan obxecto dunha “valoración cada cinco anos” que realizará unha comisión tamén designada pola propia consellería ou entidade instrumental da que depende o posto. Isto permitirá garantir a estabilidade desas persoas nos seus postos obtidos por concurso específico por períodos superiores aos da duración dunha lexislatura e polo tanto dun goberno, que se cambia de cor só poderá mudar antes eses postos a través dun procedemento máis complexo de “remoción do posto de traballo”
No seu informe de hai uns meses o Consello de Contas tamén puña o foco nas comisións de servizo, que cifraba en preto de 1.900. É unha figura que a Xunta vén empregando para cubrir postos de todo tipo que non poden quedar baleiros, dando un prazo ás posibles persoas interesadas en ocupalos de tan só cinco días para que presenten as súas candidaturas, o que provoca a sospeita en diversas fontes sindicais de que podería haber avisos previos a persoas concretas para que estean preparadas. Non calquera funcionario pode decidir en tan pouco tempo se quere mudar ou non o seu posto de traballo.
En todo caso, Contas lembraba que “o carácter excepcional das comisións de servizos require de motivación xustificativa das razóns de urxencia e interese público para a cobertura do posto e da ausencia doutro procedemento para facelo”, algo que o ente fiscalizador botaba en falta. Porén, o novo decreto que agora vén de entrar limítase a establecer os supostos en que se poden conceder comisións de servizos pero nada di dos criterios a priori para outorgalas aos posibles candidatos.
O texto limítase a dicir que a proposta que finalmente faga cada consellería “deberá ser motivada, indicará as razóns obxectivas que xustifican a concesión da comisión a favor dunha persoa con respecto aos demais solicitantes e remitirase ao órgano competente en materia de función pública para a súa resolución”. Unha redacción que viría á fin dar resposta á queixa de Contas de que ata agora as comisións de servizo estaban a outorgarse sen sequera motivalas.