De culpar os sindicatos a culpar á COVID: centos de persoas agardan que a Xunta resolva oposicións de catro anos antes

Exames de oposicións da Xunta no recinto feiral de Lugo en marzo de 2021, coas distancias ampliadas por mor da pandemia CC-BY-SA Xunta

O Consello de Contas certificou que xa antes da pandemia varios procesos selectivos acumulaban catro anos de demora, que o Goberno galego atribuía daquela aos sindicatos e agora ás restricións, malia que o propio Executivo levantou a alerta sanitaria hai ano e medio

A finais de 2019, xusto antes da chegada da pandemia da COVID, a Xunta tiña aínda abertos procesos de selección de persoal derivados da oferta pública de emprego de 2015, catro anos antes. Así o sinalou a finais de 2021 o Consello de Contas nun informe sobre como xestiona a administración galega o seu persoal ao que o Goberno galego alegou que a culpa era das esixencias que lle facían os sindicatos. 

Ano e medio máis tarde o Goberno galego aínda non foi quen de resolver as eivas detectadas polo Consello de Contas e agora ten procesos de acceso ao emprego público abertos desde 2019, cos mesmos catro anos de demora que daquela, con centos de persoas aprobadas pero que agardan aínda pola baremación dos seus méritos ou pola súa praza. Se antes a culpa era dos sindicatos, agora a explicación que ofrece o PP é a pandemia.

Alegacións da Xunta ao Consello de Contas que atribuíron en 2021 a demora de oposicións a esixencias dos sindicatos CC-BY-SA Praza Pública

A finais de 2021 o Consello de Contas emitiu o informe [aquí o PDF] no que criticou que a 31 de decembro de 2019, a poucas semanas da chegada da pandemia, a Xunta tiña aínda abertos procesos de selección de persoal derivados da oferta pública de emprego de 2015. O Goberno galego alegou a ese informe que esa duración “atópase condicionada polas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública que esixen un determinado período de tempo entre a publicación da convocatoria e a realización do primeiro exercicio”. Pero Contas desbotou esas alegacións porque nada novo achegaban ao seu informe. De feito, fixo ver que a propia Xunta admitía a “necesidade” de axilizar eses procesos.

O PPdeG cualifica a actuación da Xunta como “exemplar”, mentres sindicatos como CSIF falan de “situacións dramáticas” entre as persoas afectadas polas demoras

Aquel informe de Contas foi rematado, alegado pola Xunta e feito público en outono de 2021, ao mesmo tempo que o Goberno galego levantaba a alerta sanitaria pola COVID. A pandemia obrigara nos meses previos a adiar diversos exames e convocalos despois en sedes múltiples e con medidas de protección como maior distancia interpersoal. A esas medidas e á paralización inicial das administracións nas primeiras semanas tras a declaración da pandemia atribúe agora o PPdeG a demora nos procesos selectivos. Así o dixo o pasado 21 de xaneiro no Parlamento de Galicia o vicevoceiro dese grupo parlamentario, Alberto Pazos Couñago, ante unha iniciativa do BNG para axilizar os procesos pendentes.

Para Pazos Couñago, fronte ás protestas que están a lanzar as persoas afectadas por estas demoras, “a Xunta vén desenvolvendo as súas convocatorias de emprego público de maneira exemplar”. “Coñecemos as obrigas establecidas”, dixo tamén, para rirse da oposición por segundo el esquecer a pandemia. 

Pleno do Parlamento do pasado febreiro no que o PP xustificou coas restricións da COVID as demoras que seguen a rexistras os procesos de acceso ao emprego público © Parlamento de Galicia

Porén, se hai catro anos a Xunta atribuía a demora dos procesos a esixencias dos sindicatos no comezo dos mesmos, no prazo entre a convocatoria e as primeiras probas, agora as demoras rexístranse ao final, na baremación dos méritos e o nomeamento para as prazas. Persoas que xa aprobaron os exames e que teñen fondas expectativas en obter unha praza seguen sen tela confirmada e polo tanto vense obrigadas a acudir a novas convocatorias por se a anterior non lles foi tan favorable. É o que está a pasar en convocatorias para prazas en centros sociosanitarios, ou forestais.

Desde o CSIF fálase de “situacións dramáticas” dalgúns opositores que “unha vez superada a oposición, non son chamados por Función Pública para tomar posesión dos seus postos de traballo ata pasados moitos meses e aos que tampouco se lles facilita información sobre cando se fará efectiva a toma de posesión no seu posto”.

“Unha alta porcentaxe de quen aspiran a obter un posto de traballo na Xunta o fai cun gran esforzo, baixo unha gran presión e vivindo situacións de auténtico drama persoal e familiar”, di o sindicato, que asegura que recibe “moitas” chamadas de opositores “desesperados, que pasan apuros para pagar o alugueiro, con ameazas de desafiuzamentos, ou que teñen que recorrer ao banco de alimentos para poder cubrir as necesidades dos seus fillos”.

José María Barreiro, director xeral de Función Pública desde 2009 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Fontes sindicais coñecedoras do proceso atribúen parte do atasco á falta de persoal na propia Dirección Xeral da Función Pública, á fronte da que está desde 2009 José María Barreiro, un dos altos cargos máis veteranos da Xunta. Un persoal reducido que non só se fai cargo das oposicións senón tamén dos concursos de traslado do persoal que xa traballa para a administración, procesos nos que tamén se están a rexistrar demoras. [A Xunta regula a mobilidade no emprego público con sete anos de demora e amplas marxes para a discrecionalidade]

Falta de persoal na propia Dirección Xeral de Función Pública, ou tribunais con persoal non especializado e que debe facer outras tarefas son algunhas das explicacións dos atrasos que dan fontes coñecedoras dos procesos fronte ao argumento da pandemia do PPdeG

Outras fontes sindicais salientan que son máis complexos por número de persoas candidatas e periodicidade os procesos selectivos de Sanidade e Educación, organizados por eses departamentos de xeito independente ao resto de prazas das que se encarga Función Pública. Neses eidos os procesos adoitan resolverse en menos dun ano entre a convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o nomeamento do novo funcionariado.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Función pública tería responsabilidade directa nas demoras no comezo dos procesos, ata o nomeamento dos tribunais, que nalgún caso pode tardar ata un ano, e no final, unha vez que se rematou a fase de baremación e é ela quen ten que darlle publicidade e facer oficiais os nomeamentos. Pero varias fontes consultadas coinciden en que polo medio a configuración por parte de Función Pública dos tribunais que teñen que desenvolver o proceso con funcionarios non especializados nesas tarefas e que deben seguir desempeñando o seu posto habitual, tamén é unha das causas das demoras. Agora e antes da COVID.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.