Catro chamadas en seis minutos e sanción se non colles o teléfono: O Sergas é condenado por incumprir as normas das listas de substitucións

Fragmento da condena ao Sergas por incumprir as normas de chamamento das listas de substitucións CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior censura que Sanidade relegase ao último posto das listas de contratación a unha traballadora que non atendeu as chamadas que lle realizou irregularmente

“Foi a Administración a que incumpriu claramente as esixencias previstas no Pacto de Selección [de persoal temporal asinado entre o Sergas e os sindicatos] convertendo en inxusta e excesiva a penalización que se fixo caer sobre a traballadora”. Así vén de condenar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) á Xunta por relegar ao último posto das listas de contratación de substitutos do Sergas a unha traballadora que non atendeu o teléfono cando a chamaron dous días seguidos para traballar. Un deles recibiu catro chamadas en seis minutos e o seguinte tres chamadas en catro minutos o que para o tribunal converte en “evidente que non se respectou o intervalo non inferior a 15 minutos entre cada unha das comunicacións” que establece a norma sen que a Xunta xustificase tampouco no xuízo “ningún tipo de urxencia”.

A sentenza volve poñer en evidencia a situación do persoal que vive coa presión de ter que atender en calquera momento as chamadas para traballar e só as pode rexeitar con causa xustificable documentalmente

A sentenza do TSXG, que chega despois de tres anos de loita da persoa afectada contra a Xunta, volve poñer en evidencia a situación laboral en que se atopan centos de traballadores e traballadoras temporais da sanidade, que acumulan ao longo da súa irregular e inestable vida laboral centos de contratos e que viven coa constante presión de ter que atender en calquera momento as chamadas para traballar que lles poida facer o Sergas. Rexeitar eses ofrecementos ou mesmo non coller o teléfono sen causa que poidan xustificar documentalmente pode supoñerlles ser relegados ao último posto das listas de contratación, pero só se se cumpren determinadas condicións pactadas en 2016 entre o Sergas e os sindicatos. E esas condicións son as que a Xunta incumpriu no caso polo que agora é condenada.

Exemplo dunha das protestas das enfermeiras eventuais baixo o cancelo #legadodosergas contra o sistema de listas de contratación © Facebook

“Ningún tipo de urxencia xustificou a Administración, pese a ser da súa incumbencia a carga da proba sobre ese substancial extremo”, sinala a sentenza

Entre esas condicións o pacto das listas de contratación establece que o Sergas debe realizar os chamamentos a traballar ás seguintes persoas que lles toque por quenda “mediante comunicación telefónica rexistrada que deixará constancia da data e das horas en que se efectúa, o obxecto da chamada así como a identidade da persoa que a realiza”. “Nos chamamentos de carácter urxente efectuaranse dúas chamadas”, di a norma, mentres que “nos restantes chamamentos en que medie un prazo de antelación suficiente á data de inicio do vínculo, efectuaranse un mínimo de tres chamadas, nas cales se procurará que o intervalo entre cada unha delas non sexa inferior a 15 minutos”. Neses casos, “se o chamamento se efectúa cunha antelación inferior a 3 horas ao inicio da prestación de servizos, a aceptación será voluntaria para o/a aspirante en primeiro chamamento e obrigatoria en segundo chamamento”. 

Todas esas condicións, di o TSXG, foron incumpridas polo Sergas no caso agora sentenciado, ou cando menos o Sergas nin se molestou en argumentar xudicialmente o contrario. A traballadora afectada recibiu un día catro chamadas telefónicas “ás 13:13, ás 13:16, ás 13:18 e ás 13:19 horas” e ao día seguinte tres grupos de chamadas para tres tipos de listas de substitución distintas (lista xeral, de tempo parcial e de área especial) “ás 12:38, 12:40 e 12:42” supostamente para empezar a traballar menos de tres horas despois, ás 15:00; “ás 13:06, 13:08 e 13:12; e ás 13:34, 13:36 e 13:37”.

A sentenza sinala por unha banda que as chamadas non respectaron o intervalo entre elas de 15 minutos establecido na norma, pero ao tempo salienta que se fosen urxentes “a posible aceptación sería voluntaria no primeiro chamamento”, o que impediría que a traballadora fose sancionada. Porén, di a sentenza, “ningún tipo de urxencia xustificou a Administración, pese a ser da súa incumbencia a carga da proba sobre ese substancial extremo”. 

“Non é de recibo equiparar, no presente caso, á hora de penalizar, unha renuncia inxustificada a un chamamento coa non recepción dunha comunicación telefónica desaxustada ás esixencias normativas”

A Xunta, salienta o tribunal, “incumpre o deber de xestionar as listas de vinculacións no modo que positiviza o propio Pacto [cos sindicatos] e, estando respaldada polo principio de facilidade probatoria pola tenencia das fontes de proba, non acredita a urxencia da cobertura”. Por iso, conclúe, “non é de recibo equiparar, no presente caso, á hora de penalizar, unha renuncia inxustificada a un chamamento coa non recepción dunha comunicación telefónica desaxustada ás esixencias normativas”.

Para acadar esta sentenza, a traballadora afectada tivo que loitar contra a Xunta durante tres anos. As chamadas que non atendeu producíronse o 15 e o 16 de novembro de 2016 e con esa mesma data o Sergas comunicoulle que era relegada ao último posto das listas de substitucións. A afectada presentou un recurso de alza na vía administrativa que o Goberno galego non lle contestou ata xaneiro de 2018, desestimando as súas alegacións. Así que recorreu á vía xudicial e interpuxo un recurso contencioso-administrativo no que en marzo de 2019 un xulgado lle deu a razón. Daquela foi a Xunta a que recorreu a súa condena ante o TSXG, que agora ratifica que o Sergas sancionou indebidamente á traballadora e deberá devolver á traballadora ao posto que lle correspondería na lista de non pasala ao último lugar, recoñecerlle os dereitos en materia de antigüidade e “indemnizala no importe dos danos e prexuízos que lle ocasionou”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.