A enfermaría volveu este martes á rúa noutra demostración de forza contra as "precarias" condicións laborais do seu colectivo e contra os "malos tratos mantidos durante anos" cara á súa profesión por parte do Sergas. Como fixeran milleiros de profesionais coincidindo coas oposicións en Silleda hai tan só tres meses, daquela lideradas por Eventuais en Loita, o persoal insiste na "deterioración progresiva" do seu labor, que provoca a falta de efectivos, a fuga de moitas compañeiras cara a outros territorios con mellores condicións e o fastío da maioría. E non descartan ir á folga se a Xunta non senta a negociar.
Así o manifestaron desta vez nunha convocatoria que xorde do colectivo A por Todas, que se define como unha plataforma "independente, apolítica e asindical" conformada por enfermeiras de toda Galicia que se erguen ante a pola progresiva precariedade da súa categoría e que xa levou a cabo algunha acción nos últimos meses. Como a presentación masiva de queixas ante rexistros hospitalarios na que xa advertiron da súa intención de "recuperar e estender os dereitos laborais perdidos nos últimos vinte anos".
A enfermaría, convocada polo colectivo A por Todas, mobilizouse en Lugo, Santiago, Pontevedra, A Coruña e Monforte contra a "deterioracion progresiva" das súas condicións laborais
Nesta ocasión celebraron concentracións ante o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo; o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), o Hospital de Monforte e o Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS). "Polos nosos dereitos", reivindican desde un colectivo que conta con importante apoio entre a enfermaría, incluído o doutros como Eventuais en Loita, que xa levan anos rachando os marcos tradicionais da mobilización e a reivindicación laboral no Sergas.
"Levamos tempo vendo como os nosos dereitos e condicións laborais do noso sector se deterioran progresivamente. Vemos cada día unha sanidade, cada vez máis deshumanizada, na que tanto usuarios como traballadores somos números que só contan para as estatísticas", reclama o colectivo A por Todas, xurdido o pasado mes de abril. "Tempo despois da COVID, continuamos sen mellora de contratos, sen persoal suficiente e con moitos problemas que veñen de máis atrás... Tiña que xurdir", explican desde este movemento que este martes amosou o seu "desacordo coas directrices" do Sergas que, din, provocan "a situación actual de falta de enfermeiras que poidan facer fronte ás necesidades actuais, tanto na Atención Primaria como na Atención Especializada".
"Isto é consecuencia da precariedade laboral existente que obriga os profesionais a buscar fóra da nosa comunidade mellores condicións laborais", din respecto a unha falta de efectivos que desde o sector levan anos denunciando e que atribúe tamén este colectivo á "mala xestión que se está a facer por parte das direccións de Recursos Humanos" das diferentes áreas sanitarias. De "completa anarquía" chegaron a cualificar nalgunhas das concentracións as enfermeiras a organización por parte do Sergas.
"Pola túa saúde, polos nosos dereitos, por unha sanidade pública de calidade", reivindicaron enfermeiras nas cinco convocatorias deste martes, que contaron co apoio dos colexios oficiais de enfermaría de Lugo e da Coruña, co da xunta de persoal do HULA e a comisión de centro do CHUAC ou co da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte. "Nin un paso atrás", advertiron en mobilizacións moi concorridas, nalgunhas co apoio de sindicatos e formacións políticas e nas que se clamou por "estabilidade laboral" e se volveron denunciar os contratos por días, a falta de descanso ou as dobres quendas incentivadas con pagas extras "cando hai xente ao final das listas sen chamar".
Así, as demandas baséanse nas melloras das condicións laborais e, no concreto, reclaman a mellora das ratios enfermeira-doente, así como do sistema da contratación, da estabilidade e da transparencia. Ademais, piden a recuperación do 100% da paga extra, unha retribución "xusta e igualitaria" das horas fóra de xornada ordinaria, o encadre da carreira profesional —incluíndo a experiencia laboral da UE— ou unha xubilación anticipada aos sesenta anos.
Precisamente, respecto ás pagas extraordinarias, o sindicato de enfermería SATSE reclama tamén a recuperación da integración destes aboamentos e denuncia que aínda hoxe continúa vixente unha "medida excepcional" pola crise de 2010 que recortou estes pagamentos extras a enfermeiras e fisioterapeutas.
Mentres, desde o Sergas defenden que o cadro de persoal da enfermaría incrementouse en máis de 1.000 profesionais de media, tanto na Atención Primaria coma nos hospitais, e tamén que se teñen mellorado bastante as condicións de traballo.