O Parlamento insta a Xunta a reducir a eventualidade por debaixo do 8% no persoal do Sergas

Enfermeira nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

A Cámara aproba por unanimidade unha proposición do PSdeG que suxire a Sanidade que faga contratos de substitución polo período completo das ausencias ou amplíe as ofertas públicas de emprego para a sanidade pública

O Parlamento acada a unanimidade para instar a Xunta a "aplicar un plan de choque fronte á precariedade e eventualidade no Sergas", que marca o obxectivo "de reducir e manter por debaixo do 8% o volume de persoal en situación de eventualidade". Esta petición enmárcase na liña dos plans de recuperación e resiliencia impulsados desde a Unión Europea, como recolle a lei estatal de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. 

O pleno da Cámara aprobou este martes unha proposición non de lei do Grupo Socialista que defendeu o deputado e portavoz en Sanidade do PSdeG Julio Torrado, quen saudou o "cambio de postura" no Partido Popular para reclamarlle ao Goberno galego que cumpra co acordo e "demostre que aceptan a realidade da situación da sanidade pública".

Pleno do Parlamento deste martes CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Ese "plan de choque" que propón o Parlamento inclúe varias medidas que desde a Consellería de Sanidade poderían aplicar para acadar ese obxectivo de redución do seu cadro de persoal eventual: a "contratación do persoal substituto (por baixas, vacacións, etc.) polo tempo completo de duración da ausencia do/a profesional a cubrir", "estender ao completo do persoal do sistema sanitario a carreira profesional" e "ampliar o volume de ofertas públicas de emprego para profesionais destinados ao sistema público de saúde". 

Torrado acusou os responsables sanitarios de "recortar onde non deben, quitándolles condicións ao mellor do sistema sanitario, que son os profesionais"

O deputado Julio Torrado censurou que o goberno galego teña que pagar o canon á empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo "co diñeiro que lle quitan aos profesionais sanitarios", en referencia ao sobrecusto de 20 millóns de euros que a Xunta terá que pagarlle á empresa privada que xestiona o hospital debido á inflación, como avanzou Faro de Vigo

Na súa defensa da proposición na Cámara, o socialista situou a xestión de recursos humanos por parte do Sergas no eixo do déficit de médicos e médicas e na precariedade que están a xerar os problemas de atención sanitaria en Galicia. Torrado acusou os responsables sanitarios de "recortar onde non deben, quitándolles condicións ao mellor do sistema sanitario, que son os profesionais".

O deputado do PSdeG Julio Torrado este martes no Parlamento CC-BY-SA PSdeG

A proposición non de lei aprobada no pleno tamén insta a Xunta a "ampliar a tres anos a oferta de contratos de continuidade para facultativos e estender o formato a outras categorías laborais, especialmente
enfermería". Entre os datos facilitados por Julio Torrado, destacou que no Sergas "o 35% das enfermeiras teñen contratos temporais, chegando a asinar 200 contratos nun ano a mesma persoa".

A Cámara reclama un informe co "volume" e os "formatos" de vinculación laboral no Sergas nun prazo de dous meses

No texto aprobado polo Parlamento tamén figura a petición dun informe "que inclúa, como mínimo, o volume e formatos de vinculación laboral dos profesionais sanitarios no Sergas, desagregado por áreas sanitarias e distribuído por categorías laborais". A unanimidade da Cámara dálle un prazo de dous meses á Xunta para remitirllo.

"Esta situación –incidiu o socialista– provoca un déficit na xestión asistencial que ten situado á atención primaria na situación máis crítica que nunca, con esperas interminables que fan que o dereito á atención sanitaria no sistema público non estea garantida". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.