O Tribunal Supremo vén de emitir unha sentenza, con data do 28 de febreiro, que desmonta o sistema de cómputo do Sergas do tempo de servizos prestados do seu persoal eventual. A ese persoal temporal ao rematar os seus contratos de corta duración pagábaselle a porcentaxe de vacacións non desfrutadas que xeraran, pero ese tempo non se computaba no seu historial, como si se fai coas vacacións do persoal fixo, o que para o Supremo é unha discriminación.
O alto tribunal di, nun proceso defendido pola CIG, que "resulta discriminatorio para o persoal temporal en relación co fixo que non se compute o tempo de vacacións compensadas economicamente como servizos prestados"
O caso agora analizado polo Supremo parte dunha petición dunha traballadora que viña sendo chamada desde 2006 polo Sergas para facer substitucións e que reclamou que se computasen no seu historial, a efectos de antigüidade e trienios, os días de vacacións non desfrutadas que se lle foron pagando ao longo dos anos. O Sergas rexeitouno e iniciouse un longo proceso xudicial co apoio da CIG.
Un xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra recoñeceu en marzo de 2021 o dereito da muller a que lle computaran o tempo de vacacións no historial. A Xunta recorreu e en decembro daquel ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou o dereito da muller. Pero a Xunta volveu recorrer en casación ante o Supremo e agora este fai firme ese dereito.
Na sentenza o alto tribunal lembra que "non poderá tratarse aos traballadores cun contrato de duración determinada dunha maneira menos favorable que aos traballadores fixos polo mero feito de ter un contrato de duración determinada, a menos que se xustifique un trato diferente por razóns obxectivas". Ante esta premisa, o Supremo di que o tempo de vacacións "entra, sen dúbida algunha, dentro da noción de condicións de traballo". E engade que "dado que ninguén discute que ao persoal fixo do Sergas se lle computa o tempo de vacacións anuais como servizos previos, o único interrogante é se existen razóns obxectivas" para non facelo co persoal eventual que fai substitucións de corta duración e que polo tanto non ten vacacións como tales senón que estas se lles pagan.
Fronte ao argumento da Xunta de que a razón do distinto trato era que as normas estatais así o establecían, o Supremo conclúe que non hai tales razóns e que en todo caso primaría a normativa europea que impide a discriminación. Así, o alto tribunal conclúe que "resulta discriminatorio para o persoal temporal en relación co persoal fixo que non se compute o tempo de vacacións compensadas economicamente como tempo de servizos prestados". O único matiz que engade é que "se a persoa realizou algún traballo para a Administración nese tempo de vacacións compensadas economicamente, non poderá computarse dúas veces".
A CIG levará a sentenza á Mesa Sectorial para que se aplique o novo cómputo das vacacións como servizos prestados "nas listas de contratación, nas oposicións, nos concursos de traslados, nos trienios e na Carreira Profesional"
A CIG salienta que a sentenza do Supremo dá a razón ao que o sindicato viña defendendo, que as vacacións xeradas en cada contrato computen "nas listas de contratación, nas oposicións, nos concursos de traslados, nos trienios e na Carreira Profesional", como ocorre co persoal fixo. O sindicato di que agora levará esta sentenza á Mesa Sectorial "para negociar a súa aplicación nos distintos procesos" e defender "o dereito do persoal temporal a vacacións e á puntual liquidación económica".