En abril de 2023, a Consellería de Sanidade asinou un pacto co sindicato médico CESM para desconvocar a folga de persoal facultativo que a organización gremial convocara en solitario. En pouco máis dunha semana provocara a suspensión de máis de 1.600 operacións cirúrxicas, case 3.000 probas e unhas 32.000 consultas.
A extensión do complemento ao persoal médico que tamén exerce na privada foi un dos pactos do Sergas co sindicato gremial CESM para desconvocar a folga de 2023
O acordo consistira, esencialmente, en melloras retributivas para médicas e médicos e incluía ampliar aos que tamén traballan na privada o denominado "complemento específico", un plus salarial ata daquela reservado a profesionais que exercen exclusivamente no Sergas. En paralelo, Sanidade tamén acordara cos sindicatos da Mesa Sectorial -órgano formal de interlocución co persoal, composto segundo os resultados das eleccións sindicais- subas retributivas para outras categorías profesionais.
Xa no verán, Sanidade afinara o compromiso co CESM: o persoal médico do Sergas que tamén traballa na privada comezaría a acceder ao plus xa en 2024. Fronte aos 900 euros adicionais de médicas e médicos que se dedican só á pública, os que tamén traballan na privada cobrarían uns 720. Actualmente, xa gozan del algo máis de medio milleiro de facultativos.
A suba salarial supón algo máis de 700 euros mensuais para persoal médico, pero non para outras categorías na mesma situación
Segundo adiantou La Voz de Galicia e puido confirmar Praza.gal de fontes oficiais da Consellería de Sanidade, o pasado febreiro foron xa, concretamente, 524 as nóminas de médicas e médicos do Sergas que tamén traballan na privada que incluíron o complemento específico. O custo para o erario, atendendo ás cantidades anunciadas, roldaría os 360.000 euros o mes pasado.
Os orzamentos do Sergas para 2024 consignaban 202,6 millóns de euros para o pagamento dos complementos específicos das diversas categorías profesionais, uns 11 millóns máis que no ano previo. Este incremento non é atribuíble en exclusiva á decisión política de estendelo ao persoal médico que traballa tamén na privada, precisamente porque o Goberno galego non o tomou para o resto do persoal do Sergas.
Que este incremento salarial se limite só ao persoal médico é unha das diversas críticas que a decisión suscitou no sindicato maioritario da sanidade pública galega, a CIG-Saúde. A Xunta "negociou cos lobbys médicos" sen sequera "pasar pola mesa sectorial" para comezar a aplicar unha medida que, salientan, "discrimina outros colectivos profesionais" que no Sergas teñen "salarios próximos ao salario mínimo" e que seguirán "véndose obrigados a renunciar ao complemento específico completo no caso de compatibilizar o seu traballo na pública e na privada".
CIG Saúde censura que a Xunta accedese ás peticións dos "lobbys médicos" no canto de "potenciar a dedicación exclusiva". Rueda vén xustificando que a medida tamén tenta "reter profesionais" no Sergas
En calquera caso, CIG-Saúde rexeita a extensión do complemento e sufragalo cun "diñeiro de todos os galegos que tería que destinarse a financiar a nosa sanidade pública". A estimación do sindicato é que pode chegar a custar un millón mensual que podería destinarse a "reforzar cadros de persoal, reducir listas de agarda e mellorar a calidade asistencial".
"A dedicación exclusiva é positiva para o sistema sanitario público e debe ser mantida e potenciada como unha forma de retribuír os profesionais que opten por ela", agregan dende a CIG-Saúde, xa que "facilita que o persoal médico dispoña de máis tempo para a súa actualización profesional" e evite "potenciais conflitos de intereses". "Este conflito de intereses é especialmente evidente cando falamos de postos de xefaturas", advirten.
A Xunta, pola súa banda, vén defendendo que abonar este complemento ao persoal médico do Sergas que tamén exerce na privada se basea no "principio de igual traballo, igual salario", resumira o presidente Alfonso Rueda. Ademais, agregara o pasado 2023, procuraban "reter os profesionais na sanidade pública" e equiparar a súa situación á doutros servizos de saúde do Estado.