500 profesionais das fundacións de investigación sanitaria contan agora cun convenio colectivo que equipara os seus dereitos aos dos empregados do Sergas en canto a permisos e categorías profesionais
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou este luns na sinatura do primeiro convenio colectivo específico para o persoal das fundacións de investigación sanitaria, entidades privadas segundo os seus estatutos, que ata o de agora non contaban cunha regulación uniforme entre si nin do seu persoal con respecto ao resto do persoal sanitario.
Estas institucións privadas son as encargadas da xestión dos Institutos de Investigación Biomédica en Galicia, que son "o principal instrumento a través do que a Xunta de Galicia e o Sergas canalizan a súa actividade de investigación e innovación no eido sanitario". Así o explica a propia Consellería de Sanidade, cuxo titular –García Comesaña– participou no proceso de negociación cando ocupaba o cargo de xerente da área sanitaria de Vigo.
O convenio aplícase desde o 1 de xaneiro e terá unha vixencia de dous anos
A xerente da área sanitaria de Santiago - Barbanza, Eloína Núñez, participou no acto de sinatura como presidenta do patronato do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Da mesma maneira que o fixo o xerente da Coruña, Luis Verde, como presidente do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC); e o xerente da área de Vigo, Javier Puente, polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).
No acto deste luns no edificio administrativo do Sergas en Santiago tamén participaron os representantes dos respectivos comités de empresa, así como o xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, quen participou dunha negociación que afecta a preto de 500 profesionais, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro deste ano, e que se levou a cabo nun total de 25 reunións da comisión de negociación e noutras catro xuntanzas coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.
Fica pendente a equiparación salarial e máis abordar a estabilidade das contratacións do persoal investigador
Con estes tres convenios idénticos, pois se trata de tres entidades diferenciadas, conséguese a equiparación do persoal investigador do eido sanitario cos empregados públicos en canto aos permisos de conciliación, traslados, exercicio do teletraballo, medidas de igualdade de xénero e coa implantación de plans de formación anuais. "A equiparación salarial está bastante lonxe para ser competitivos co resto de Europa", explican fontes coñecedoras da negociación, que apuntan que a estabilidade dos contratos tampouco fica solucionada con este convenio.
Porén, o persoal das fundacións de investigación sanitaria acolleu este convenio con certo optimismo ao acadar con el unha regulación do cadro de permisos e da clasificación das categorías profesionais, seguindo o modelo europeo. O feito de que nin o avance na situación salarial nin o referente á estabilidade estean incluídos neste convenio é o que derivou na súa curta duración: está vixente a efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro e seguirá ata 2023. Polo que a finais do ano que vén as partes terán que reanudar as negociacións, esta vez xa cun marco unificado.
CIG-Saúde defende que as fundacións de investigación sanitaria sexan "100% públicas" e crear a figura do investigador no Sergas
"A sinatura de hoxe é un paso importante para seguir a desenvolver as capacidades do noso sistema público de investigación sanitaria, que ten que complementarse con retos que temos por diante como é o maior apoio ás spin-offs, a integración da formación da investigación clínica ou o avance cara a unha carreira investigadora", salientou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña no acto de sinatura.
Neste sentido, o sindicato maioritario no sector da Sanidade en Galicia, a CIG-Saúde, defende que o seguinte o paso é que as fundacións de investigación sanitaria deixen de ser entidades privadas de xestión pública para ser "100% públicas" e que se aborde a creación da figura do investigador como persoal estatutario dentro do Sergas.