As fundacións de investigación sanitaria naceron en Galicia entre os anos 90 e 2000. Impulsáronse coa intención de axudar o máximo posible, cos mellores materiais e medios, ao labor investigador no ámbito hospitalario. Vinculadas aos servizos clínicos, pescudan sobre enfermidades, diagnósticos, tratamentos e mellora da situación dos doentes. Son, xa que logo, claves e fundamentais no benestar e no sistema de saúde público.
Na actualidade, a Fundación Biomédica de Galicia Sur, a Profesor Novoa Santos e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela moven máis de 26 millóns de euros anuais e suman 440 traballadores. Deles, segundo denuncia o persoal, tan só entre un 10 e un 15% conta cun contrato indefinido. Sofren, din, “precariedade” en distintas formas: con contratacións temporais encadeadas –a maioría en fraude de lei”–, nula estabilidade, salarios baixos que non son acordes ao nivel profesional –non acadan o nivel da función pública no Sergas–, inexistencia dunha carreira investigadora que garanta a continuidade dos proxectos, carencias en seguridade e hixiene laboral ou recortes en investimento.
Nas fundacións de investigación sanitaria traballan 440 persoas; só entre o 10 e 15% teñen contrato indefinido e denuncian "precariedade", nula estabilidade, salarios baixos ou falta de carreira investigadora
Así o denunciaron este mércores os presidentes dos comités de empresa dos tres centros, que relatan unha situación “insostible” para a que demandan unha solución: un convenio colectivo galego para todas as traballadoras e traballadores destes organismos”, tal e como ocorre noutras autonomías.
Malia que consideran atopárense nunha situación anómala “insostible no tempo”, os tres presidentes dos comités de empresa –Paula Cerezo, Alejandro Lamelo e Ezequiel Álvarez– denuncian o “desleixo” da Administración, que non amosou “ningún interese en negociar o primeiro convenio proposto” tras a creación dos devanditos comités. Segundo din, tanto a Consellería de Sanidade como a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) “desvinculáronse totalmente do proceso negociador ao desestimar o noso requirimento, feito a través do Consello Galego de Relacións Laborais”. Unha solución que non chega malia que a levan demandando máis de seis meses.
Neste mércores, o persoal denunciou que “casualmente” este martes, e logo de que se convocase a rolda de prensa, as fundacións da Coruña e Santiago comprometéronse á negociación do convenio de forma individual. Os comités responderon reclamando “unha única negociación a nivel galego”, coas tres entidades a un tempo e para negociar “un único convenio a nivel galego”, polo que agardan que a entidade viguesa, que tamén se reunirá con eles, se sume. Ademais, dan quince días á Administración e ás fundacións para que dean unha resposta, que agardan sexa positiva, antes de iniciar unha mobilización.
O persoal das fundacións demandan un convenio colectivo galego para todo o persoal e denuncian o "desleixo" da Administracións ante as súas reclamacións para negocialo
Tras a creación dos comités hai un ano, impulsouse tamén un comité intercentros. Reclamaron xuntanza cos xerentes das áreas sanitaras implicadas e coas directoras das fundacións para informar da súa folla de ruta. Tamén unha reunión co conselleiro de Sanidade, que, segundo din, non os recibiu. Si falaron coa directora de ACIS, hai xa medio ano, para propoñerlle ser mediadora nunha negociación, opción que apoiou o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL). Pero nada máis souberon ata que nesta semana o ACIS respondeu ao CGRL rexeitando a proposta e emprazando a unha negociación con cada institución por separado.
O Sergas aposta pola negociación para "continuar o proceso de homoxeneización" nas fundacións, "neste caso nas condicións laborais do persoal"
Consultada por Praza.gal, a Consellería de Sanidade asegura que os representantes dos traballadores e os presidentes das fundacións, os xerentes das EOXIs da Coruña, Santiago e Vigo, “están a manter conversas para iniciar un proceso de negociación, a través das direccións das fundacións, que continúe o proceso de homoxenización, neste caso nas condicións laborais do persoal”. “É importante manter a aposta pola investigación en Galicia, neste caso dentro do ámbito sanitario, e por iso son necesarios todos os pasos que se están dando neste sentido”, insiste, sen aludir explicitamente a un convenio colectivo común.
Porque Sanidade lembra que en Galicia “había sete fundacións que se ocupaban da investigación nos distintos complexos hospitalarios” e que a tal hora “están xa agrupadas en tres fundacións que coinciden cos ámbitos das universidades e cos dos institutos de investigación”. Ademais, advirte que no país hai dous institutos de investigación acreditados polo Carlos III, “o que marca o nivel de excelencia no seu labor”.