A xustiza anula o acordo plenario que buscaba o cesamento do alcalde de Viana do Bolo

Casa do Concello de Viana do Bolo CC-BY-SA La fábrica de nubes

O xulgado Contencioso-Administrativo número un de Ourense vén de rexeitar o acordo do pleno municipal de Viana do Bolo, que o pasado 20 de outubro decretara deixar vacante a acta de concelleiro do alcalde da localidade, Secundino Fernández (BNG), por unha suposta incompatibilidade para ocupar o cargo. O acordo plenario, aprobado a iniciativa do PP e grazas á abstención do único edil do PSOE e dun dos concelleiros do Bloque, supuña que Fernández debía deixar a alcaldía.

A sentenza coñecida hoxe confirma a inexistencia de incompatibilidades, polo que Secundino Fernández seguirá á fronte do Concello

Porén, dende un primeiro momento o rexedor presentou unha denuncia ante unha posible vulneración de dereitos fundamentais, denuncia que foi atendida pola Xustiza, que xa o 26 de outubro anulou cautelarmente o acordo plenario, ao non constar que incorrera "nas causas taxativas de incompatibilidade reguladas na lei".

A sentenza coñecida hoxe confirma a inexistencia de incompatibilidades, polo que Secundino Fernández seguirá á fronte do Concello. Fernández é funcionario activo da Xunta (como perito agrícola) e o propio pleno municipal modificara a súa dedicación exclusiva por outra parcial, recoñecendo a compatibilidade.

O xuíz afirma que o acordo plenario "dirixíase na práctica a derrocar o Alcalde electo con omisión total e absoluta do procedemento establecido para tal fin, que é o da moción de censura"

O ditame, moi rotundo, sinala que "resulta totalmente improcedente o acordo", aprobado "en clara fraude de lei". O xuíz afirma que o aprobado no pleno do 20 de outubro "dirixíase na práctica a derrocar o Alcalde electo (e incluso a expulsalo da Corporación municipal), con omisión total e absoluta do procedemento establecido para tal fin, que é o da moción de censura". E engade que "nin sequera cunha moción de censura se podería privar a D. Secundino da súa condición de concelleiro".

O rexedor valora positivamente unha sentenza que "ven restaurar os meus dereitos cívicos". "Aquí pretendeuse perverter totalmente a legalidade e dar un Golpe de Estado municipal, saltando todas as regras democráticas. Pretendían derrocar un alcalde por medios totalmente antidemocráticos e ilegais", sinala. E afirma que "as persoas que pretenden chegar ao poder por estes medios non merecen representar as veciñas e veciños de Viana do Bolo". "Estes concelleiros que actuaron deste xeito non son democráticos, non respectan a vontade do pobo e pretenden manter o poder por calquera medio. Para eles a institución municipal era da súa propiedade e para o uso e goce deles e dos seus amigos; por iso non soportan a perda das eleccións", denuncia.

O PP gobernou Viana do Bolo entre 1983 e 2015, agás un período de catro anos (1999-2003) en que o fixo o PSOE. Nas eleccións do pasado 24 de maio, o BNG fíxose coa alcaldía, ao obter 5 concelleiros (41% dos votos), os mesmos que os populares (46%), e 1 do PSOE (12%). O PP obtivera o 63% dos votos catro anos antes.

"Para eles a institución municipal era da súa propiedade e para o uso e goce deles e dos seus amigos; por iso non soportan a perda das eleccións"

Así mesmo, Secundino Fernández, que agradece o apoio da veciñanza de Viana do Bolo e o do BNG, diríxese aos "concelleiros asinantes e impulsores deste pleno e deste acordo plenario", indicándolles que "se lles queda a mínima decencia política, deberían dimitir e marchar ás súas casas". "Non merecen seguir nesta corporación por min presidida, non merecen seguir cando pretenden manchar a miña honradez persoal baseándose en calumnias e falsidades", conclúe.

 

Casa do Concello de Viana do Bolo CC-BY-SA La fábrica de nubes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.