Tras enfrontamentos directos como o do peche do paridoiro de Verín, o presidente ourensán promete agora “absoluta colaboración e cooperación institucional cun novo goberno popular”
Como se fosen formacións diferentes, este mércores o presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, fillo do anterior, José Luis Baltar, puxo en valor diante do presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, os votos que consegue na provincia e, ante advertencias do candidato fronte aos riscos dun “multipartito”, o ourensán prometeulle “colaboración”. O PP de Ourense, dixo Baltar, “terá de novo un papel decisivo para darlle a Feijóo a cuarta maioría absoluta”, evidenciando así que en anteriores comicios a fortaleza dos populares nesa provincia facilitou a presidencia da Xunta.
A reivindicación do seu propio papel e a promesa de colaboración prodúcense despois de diversos enfrontamentos directos entre o líder ourensán e Feijóo que se remontan ao intento do segundo hai dez anos de que Baltar non herdase o partido do seu pai, que na época en que preparaba a súa sucesión enchufou ilegalmente na Deputación a 104 persoas próximas ao partido, o que o acabou condenando por prevaricación. O enfrontamento máis recente produciuse tras a decisión de Feijóo de pechar o paridoiro de Verín, á que Baltar se opuxo expresamente e en reiteradas ocasións ata que o Goberno galego tivo que rectificar.
Malia o antecedente recente de Verín, Feijóo prometeu unha “xestión sanitaria seria e na que se poida confiar, continuando coa ampliación das infraestruturas e servizos”
Malia ese antecedente recente de Verín, este mércores no mitin que Feijóo e Baltar compartiron en Ourense, ao que tamén asistiu o presidente do PP e da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, o candidato á Xunta prometeu unha “xestión sanitaria seria e na que se poida confiar, continuando coa ampliación das infraestruturas e servizos”.
Pola súa banda Baltar puxo como exemplo do feito nestes anos grazas á colaboración da Xunta e a Deputación, entre outros, "o parque acuático de Monterrei cuxo proxecto xa está en marcha", un complexo prometido por Feijóo na campaña de 2016 que agora é adiado cando menos ata 2023.
Baltar salientou que o seu é “o único goberno popular de Galicia nunha deputación”, grazas a un bipartito con Democracia Ourensana
Tras o enfrontamento directo polo paridoiro de Verín e as advertencias de Feijóo fronte ás “incertezas” que suporía un “multipartito” á fronte de Galicia, este mércores Baltar prometeu “unha política de absoluta colaboración e cooperación institucional cun novo goberno de Feijóo”. Un goberno que, salientou, será posible grazas ao “papel decisivo” do PP de Ourense, do que lembrou que conseguiu “o maior número de alcaldías nas últimas municipais” e é “o único goberno popular de Galicia nunha deputación”, grazas ao seu acordo para formar gobernos bipartitos tanto nesa institución como no Concello de Ourense con Democracia Ourensana.