O investimento do Estado en Galicia cae un 32% ao chegar á fin das grandes partidas do AVE

Montoro e os secretarios de Estado do seu Ministerio, achegando o proxecto ao Congreso © Congreso dos Deputados

O tren de alta velocidade e, máis concretamente, a conexión con Madrid a través do AVE vén sendo o gran protagonista dos Orzamentos Xerais do Estado para Galicia dende hai unha década. Esta circunstancia foi aproveitada polos sucesivos Gobernos de España -e tamén pola Xunta, cando o signo político de ambos gobernos coincidiu- para presentar o montante total dos investimentos previstos, con independencia de que despois non fosen executados na súa totalidade. Malia acumular tantos atrasos como promesas de novas datas -a última, 2020, é a sexta- o certo é que as grandes partidas orzamentarias para o tren rápido van chegando á súa fin e os Orzamentos Xerais de 2017 son a primeira mostra desta circunstancia, cunha caída do investimento previsto en Galicia superior ao 32%.

O proxecto orzamentario entregado este martes no Congreso dos Deputados polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, prevé un investimento real para Galicia de 924,54 millóns de euros, 442 millóns menos que nas contas de 2016. Isto implica un retroceso do 32,38%, o terceiro maior entre as comunidades autónomas, só por tras de Andalucía e a Comunitat Valenciana. Redúcense tamén, aínda que en menor medida, dous dos fondos de achegas estatais ás competencias da Xunta, o fondo de suficiencia, con 558,9 millóns (un 1,25% menos) e o de compensación interterritorial, con 44,34 millóns (un 1,5% menos).

As contas de Adif consignan 461 millóns para continuar as obras entre Ourense e Zamora

Neste contexto, practicamente a metade do investimento real territorializado para Galicia segue destinado, na liña de exercicios anteriores, ás devanditas obras do AVE a Madrid. As contas de Adif, a empresa pública encargada da construción, consignan 461 millóns de euros para continuar coas obras entre Ourense e Zamora, nas que o groso dos traballos xa se executou en anos anteriores. De feito, o proxecto reflicte un progresivo descenso dos investimentos previstos tamén para os anos seguintes a medida que se achegue a posta en servizo da liña. Cabe agardar, daquela, que nos vindeiros anos continúe un descenso na previsión de investimentos para Galicia que neste 2017 cae xa ao seu nivel máis baixo dende 2004.

Fronte ao empurrón final ao AVE coa Meseta, as obras das liñas ferroviarias interiores de Galicia seguen sen arrincar

Fronte ao empurrón final á liña ferroviaria coa Meseta, as obras das liñas interiores de Galicia aínda pendentes, de Ourense a Vigo e Lugo, seguen sen arrincar. Para a liña Ourense-Vigo por Cerdedo, os orzamentos volven consignar unha partida anecdótica de 500.000 euros, dun investimento total previsto superior aos 2.000 millóns, para continuar cos mesmos estudos previos que se veñen reformulando hai anos. Prorrógase así a promesa pública dunha liña futura directa a Vigo que en privado poucos políticos seguen a defender. Para a liña Ourense-Lugo, os orzamentos prevén 13,5 millóns, que deberían permitir pór en servizo un pequeno treito de 7 quilómetros que leva 11 anos en obras. Pero as contas adían a anos seguintes os cartos necesarios para iniciar os traballos no resto da liña.

Canto á conexión con Portugal, as contas inclúen partidas para completar e mellorar a electrificación entre Vigo e a fronteira, pero prevén que o groso da actuación se realice en 2018, axustando así os tempos españois aos portugueses, onde a obra é máis complexa e onde se prevé o remate en 2019.

Estradas e outros investimentos

Alén do AVE as principais protagonistas do proxecto orzamentario estatal para Galicia son as infraestruturas viarias. Así, a Dirección Xeral de Estradas, tamén dependente do Ministerio Fomento, consigna algo máis de 171 millóns de euros a un conxunto de obras entre as que volve figurar novamente a autovía A-54 que nun futuro unirá Lugo e Santiago. Tras ser escenario de ata tres inauguracións doutros tantos treitos durante o ano electoral de 2015 o montante máis relevante que Fomento prevé achegar a estas obras en 2017 é o do treito Lavacolla-Arzúa (30 millóns) e reserva ademais 10 millóns para o que unirá Palas de Rei e Melide, ralentizado por cuestións ambientais. A programación plurianual do Orzamento fixa, en calquera caso, un horizonte para esta autovía que vai alén do ano 2020.

A autovía Santiago-Lugo, a circunvalación de Pontevedra ou a ampliación do polígono industrial de Balaídos son algúns dos investimentos máis cuantiosos que prevé o proxecto

Entre as autovías que Fomento dota con orzamentos significativos para 2017 figuran tamén 15 millóns de euros para o treito Vilaboa-A Ermida da A-57 -a circunvalación de Pontevedra-, 10 millóns para o que nun futuro será a autovía que enlazará Ourense e Lugo, a A-56, ou 5 millóns de euros para a primeira fase do coñecido como "enlace orbital" de Santiago, que unirá a autovía do aeroporto -inicio da A-54- coa autoestrada AP-9, unha obra reivindicada dende hai tempo na capital galega pola súa importancia para as conexións dos polígonos industriais.

Tras a rede viaria os portos, con 67 millóns de euros -case un terzo, para o porto exterior da Coruña- ocupan tamén un lugar destacado nuns Orzamentos do Estado que, asemade, tamén recollen as contas da Zona Franca de Vigo. Nelas inclúese un investimento total de 26,1 millóns de euros, dos que 10,1 millóns irán destinados á ampliación do polígono industrial de Balaídos, onde se asenta a factoría de PSA Peugeot-Citroën, e 4 millóns á adquisición do vello edificio da antiga panificadora, no centro da cidade, para reconvertelo, en colaboración co Concello, nun novo centro cultural.

Entrega simbólica das contas á presidenta do Congreso, Ana Pastor © Congreso dos Deputados

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.