A mensaxe foi lanzada en menos dunha semana, por duplicado e en dous formatos. O primeiro en facelo foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mesturándoo coa artillaría da resposta á oposición no Parlamento na última sesión de control. E despois, con fasquía máis solemne, Mariano Rajoy guindouna e fíxoa extensiva a todo o Estado no seu discurso de peche do congreso do PP tras ser referendado no seu liderado por máis do 95% dos votos. A cerna da cuestión é simple: se o Goberno de España non cumpre coas súas promesas en xeral e, máis concretamente, cos seus anuncios de investimentos en diversos puntos do territorio non será por falta de vontade, senón porque a oposición en xeral e o PSOE, en concreto, non aproban os Orzamentos Xerais do gabinete de Mariano Rajoy.
Unha vez completado o congreso realizado con aires de celebración no recinto da Caja Mágica de Madrid o Executivo de Rajoy prevé acelerar os trámites do seu proxecto orzamentario de 2017, para os que buscará un apoio duns socialistas que manterán a interinidade dos seus órganos federais ata mediados de xuño. Neste contexto, o revalidado líder conservador advirte de que a partir do mes de maio a lei lle devolve a capacidade de convocar eleccións cando o considere oportuno e amaga con facelo se non xunta apoios dabondo para o proxecto orzamentario, ao que nunca contou con sumar a Podemos.
Rajoy transmite así unha sensación de incógnita sobre unhas contas para as que, no entanto, os seus ministros xa están a comprometer publicamente gastos e prazos. O que o fixo con máis intensidade no que atinxe a Galicia é o titular de Fomento, Íñigo de la Serna, na súa recente xuntanza con Feijóo en Madrid. Alí o ministro expuso o sexto calendario para o remate da conexión coa Meseta con tren de alta velocidade: fin das obras nos últimos meses de 2019 e entrada en servizo efectiva en 2020. O encontro impulsou ademais, segundo o presidente galego, proxectos pendentes e esenciais no argumentario do PP cara ás transcendentais eleccións municipais de dentro de dous anos: estacións intermodais en cidades como A Coruña, Santiago e Vigo, a conexión da AP-9 coa Cidade da Cultura ou a eterna promesa de modernizar a conexión ferroviaria con Lugo.
O ministro de Fomento anunciou o sexto prazo de remate do AVE sen coñecer cando estarán aprobados os orzamentos dos que, admite Feijóo, dependen estas promesas
Pero os proxectos prometidos por Feijóo e De la Serna móvense actualmente nun percorrido circular. Non poden ser máis precisos porque non hai orzamentos, e se non hai orzamentos nun prazo razoable as promesas volverán esvaer, porque as datas tornarán outra volta en tecnicamente imposibles, como xa sucedeu, no caso do AVE, cos remates anunciados para 2009, 2010, 2012, 2015 e mais 2018.
É neste punto no que Feijóo emite a versión galega da advertencia xeral formulada por Rajoy. El, asegura, está en condicións de garantir os novos prazos do AVE e das demais infraestruturas. Pero se Podemos "bloquea os orzamentos", isto é, se non vota a prol, a culpa dos novos atrasos será de En Marea. E esa atribución de responsabilidades terá a súa tradución na batalla local do PP contra os gobernos da Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ferrol en Común, equipos "sectarios" cos que o PPdeG quere "rematar", declarou á Radio Galega este luns o secretario xeral da formación, Miguel Tellado, tras ser elixido como membro do comité executivo de Rajoy.
Os proxectos que dependen do financiamento estatal serán clave na estratexia do PP galego cara ás eleccións municipais de 2019
A guerra preventiva tamén atinxe, aínda que noutros termos, ao PSOE: polo momento non hai ataque directo ante a expectativa de que o seo dos socialistas se impoñan as teses que personifica a presidenta andaluza, Susana Díaz. Pero, en verbas do propio Feijóo en declaracións a La Voz de Galicia, "se seguise Pedro Sánchez non teríamos esta formulación". Serían tan culpables como os de Iglesias, porque "se non se aproban os Orzamentos, haberá repercusións nas obras públicas". E ademais, advirte, deberan ter en conta de que "se fose necesario convocar" unhas novas eleccións xerais, "o PP ten resoltos os seus temas internos e o seu candidato", polo que estaría "preparado" para outros comicios.
Neste sentido, a versión local da estratexia comeza tamén a ser aplicada. Feijóo iniciouna na xuntanza mantida a pasada semana coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dentro da rolda de contactos cos gobernos das cidades galegas -o vigués Abel Caballero vén de anunciar que non acudirá porque o presidente "non cumpre nada" do que promete-. Nese encontro o tamén líder dos populares galegos apostou por "un acordo PP-PSOE" para "priorizar o tramo" do AVE a Lugo, o mesmo que o propio Feijóo prometeu construír "con cartos da Xunta" na campaña electoral galega de 2009.