Feijóo culpa dos atrasos pasados do AVE a PSOE e BNG e dos que haxa no futuro, a En Marea

Feijóo, durante a sesión de control deste mércores © Xunta

O presidente da Xunta redistribúe as culpas dos atrasos pasados do AVE e anticipa a asignación das demoras que poidan producirse no futuro. O Parlamento acolleu este mércores a primeira sesión de control tras a xuntanza na que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e mais o propio Alberto Núñez Feijóo admitiron que a promesa de rematar a liña de AVE Madrid-Galicia en 2018 era tecnicamente imposible, adiando a 2020 a entrada efectiva en servizo cunha solución provisional ao paso da liña por Ourense. Na liña do xa expresado a pasada semana, cando reduciu á categoría de "engano" todos os prazos do AVE agás os prometidos polo gabinete de Mariano Rajoy, o xefe do Executivo atribuíu "en exclusiva" os adiamentos xa consumados a PSOE e BNG e os que eventualmente cheguen, a En Marea.

A primeira en evocar as múltiples datas prometidas foi a voceira do BNG, Ana Pontón, quen lembrou que a data inicial do remate dos traballos foi 2009, a lanzada polo goberno de Aznar "nos tempos en que lle impoñían a Medalla de Galiza a Álvarez-Cascos". Cando o PSOE regresou ao Goberno de España, recordou, "deuse de bruces coas mentiras do PP" e prometeu o remate para 2012, "que evidentemente tampouco cumpriu". Depois chegarían 2015, 2018 "e agora, 2019", unhas datas "nas que vostede tamén ten responsabilidade", acusou ao presidente, a quen reprocha que no canto de "defender os intereses" do país "nos regale un novo eufemismo, o do deslizamento de datas" e sexa "cómplice dos incumprimentos do señor Rajoy" escasos meses despois de presentar 2018 como prazo "irrenunciable" no programa electoral co que gañou as eleccións.

Pontón lembra que o PP presentou a data de 2018 como "irrenunciable" nas recentes eleccións galegas

A resposta de Feijóo á líder do Bloque foi a asignación das responsabilidades pasadas. "De 2005 a 2011 gobernou o PSOE en Madrid cos votos do BNG" e daquela "o que ocorreu durante esa época é responsabilidade súa, exclusiva". No que atinxe ao prazo de 2015, o asinado polo propio Feijóo na etapa de José Blanco no Ministerio de Fomento, o presidente resolve que simplemente tornou "imposible" e por iso "plantexei unha data, o ano 18".

Mellor a demora que un goberno da esquerda

Coas culpas pasadas outorgadas a socialistas e nacionalistas, chegou a quenda das futuras, adxudicadas na resposta ao voceiro de En Marea, Luís Villares. "Foi a Madrid a recibir instrucións de enganar a cidadanía dicindo que o AVE chegará en 2019, cando realmente non entrará en ningunha cidade galega ata, como mínimo, o ano 2022", afirmou Villares, toda vez que "o tramo Taboadela-Ourense non está nin licitado" e Fomento realizará "unha chambonada" que fará circular o tren "por doce curvas como a de Angrois". "Por que habíamos de crer o prazo de 2019? Tiveron que inventar o troceado dos treitos, igual que troceaban as mordidas para pagar as reformas das sedes do PP", di.

Villares: "Foi a Madrid a recibir instrucións de enganar, realmente o AVE non entrará en ningunha cidade galega ata 2022"

Feijóo retrucou ás acusacións de Villares caricaturizándoo. O voceiro de En Marea, ironiza, "chegaría ao Ministerio de Fomento e diría 'eu son o señor Villares', e automaticamente os túneles parados empezarían a abrirse". "Pero eu non son o señor Villares, son un galego e de parvo teño pouco" e por iso, afirma, denuncia que o atraso agora constatado é produto "da parálise" do Goberno de España "no último ano", asegura, aínda que durante o período do Goberno en funcións o Adif continuou a facer trámites da liña en treitos como o de Pedralba de la Pradería, na provincia de Zamora. Así e todo, di o presidente, "prefiro o atraso dun ano a un goberno entre o PSOE e Podemos, porque nos podíamos despedir do AVE para sempre".

Feijóo: "Prefiro o atraso dun ano a un goberno entre o PSOE e Podemos"

Neste escenario, Feijóo amosa a súa confianza no ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, a quen insta a distinguir "do Íñigo máis importante desta semana en España, Íñigo Errejón", e reitera a "finalización das obras" en "setembro de 2019", e "a partir de aí empeza o AVE en probas". Así e todo, o titular da Xunta lanza unha advertencia. Se Podemos "bloquea os orzamentos" do goberno de Rajoy, isto é, se non vota a prol, podería haber novos atrasos e estes serían responsabilidade de En Marea. "Espero que o seu grupo aprobe os presupostos", afirma.

En calquera caso, o tamén presidente do PPdeG desdeña calquera petición de explicacións a respecto do AVE que chegue dende En Marea e redúceo a un capítulo "entenrecedor". "Eu son veciño da calle Vista Alegre -di, en referencia a unha rúa santiaguesa situada a un quilómetro da residencia oficial de Monte Pío-, levan dous anos e non acabaron as obras" e ademais "levamos un inverno de fochancas no país", polo que Villares non debería "preguntar polo AVE". Adicionalmente, o presidente lanza unha advertencia xeral á oposición sobre estes prazos: "Non conten comigo para mentirlles aos galegos".

Luís Villares, voceiro de En Marea, na sesión de control © Parlamento de Galicia
Ana Pontón, durante a sesión de control CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.