Feijóo en 'Good bye, Rajoy'

Feijóo, con Rajoy e Casado na primeira xornada da convención do PP en Madrid CC-BY-SA PPdeG

Este ano cumpriranse tres décadas dos momentos en que está ambientado o inicio da historia relatada en Good Bye, Lenin!, aquel filme de 2003 no que Wolfgang Becker presentaba un mozo residente na RDA a tentar que a súa nai, acabada de espertar dun coma de oito meses, non se decatase de que caera o Muro de Berlín e que á propia Unión Soviética lle estaba a suceder o mesmo. Para facelo, o fillo interpretado por Daniel Brühl artellaba toda caste de simulacións, dende pedir á veciñanza que finxise que nada mudara ata producir falsos telexornais con novas encadradas nunha realidade que xa non era tal.

Se alguén ausente da actualidade sintonizase co discurso de Feijóo na sesión inaugural da convención do PP podería pensar, agás por algúns detalles, que os inéditos sucesos de finais de maio de 2018 non aconteceran

Case oito meses, como os do coma da nai de Good Bye, Lenin!, son os que transcorreron dende que a vaga expansiva da sentenza do caso Gürtel levou por diante o Goberno de Mariano Rajoy a través dunha moción de censura do PSOE de tan improbable triunfo que nin sequera o propio Rajoy semellou velo vir ata que xa era inevitable que lle pasase por riba. Un espírito semellante á do personaxe do fillo do filme semellou destilalo o discurso co que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou a convención que o PP celebra esta fin de semana en Madrid, o evento que os conservadores presentaron con linguaxe semi-bélica. Seica procuran o "rearmamento" ideolóxico.

Se alguén ausente da actualidade sintonizase co discurso de Feijóo na sesión inaugural do conclave ben podería pensar, agás por algúns detalles, que os inéditos sucesos de finais de maio de 2018 non aconteceran. Nin Pedro Sánchez na Moncloa nin Rajoy fóra dela; nin o PP na oposición en España e no Goberno de Andalucía, pero tras un duro devalo nas urnas e cun novo partido de extrema dereita á alza que ameaza os seus caladoiros electorais.

No discurso inaugural Feijóo tocou algúns dos grandes éxitos da casa. Como informou Íñigo Aduriz para eldiario.es, o presidente galego cargou contra a "dureza intransixente" e fixo gala de "moderación" , de "sentido común" e mais de "cercanía". Virtudes todas elas que atribuíu a Rajoy, gobernante de maiorías "nítidas" e "xestión incuestionable". Entre rexeitamentos aos que "nos queren facer renunciar a unha parte de España" e rexeitar "leccións" doutros partidos sobre o tema, apenas un par de mencións a que Rajoy "marchou con elegancia" e ao "futuro" do partido con Pablo Casado á fronte permiten distinguir o discurso do que podería ter pronunciado antes do tremor de terra político de hai oito meses.

Discurso de Feijóo ante a convención do PP CC-BY-SA PPdeG

Rajoy explicou que está "estupendamente" e deixou, querendo ou non, unha imaxe calma e retranqueira que é, en canto a actitude, un antónimo do vociferante Casado

Tras o presidente da Xunta foi a quenda de Mariano Rajoy, cuxa presenza na convención tivo a forma de diálogo con Ana Pastor, que politicamente falando é, posiblemente, o máis parecido a un diálogo do ex-presidente do Goberno de España consigo mesmo. Relaxado e retranqueiro, Rajoy comentou as bondades de "estar na realidade" e sen "sectarismo" e sen facer caso aos "doutrinarios", que non son "bos". 

El agora, explicou, está "estupendamente". A xente trátao "ben" e "a aqueles que non lles gusto, que son moitos, pois teñen o bo gusto de non contarmo". Querendo ou non, deixou na convención popular a imaxe de señor de Pontevedra que tanto cultivou e que, entre lembranzas sobre a necesidade de "traballar moitísimo" e algunha que outra chanza, é en canto a actitude un antónimo do vociferante Casado cando mimetiza o argumentario da escisión polo extremo dereito.

Pero, como no filme, os tempos son outros. Máis adaptada aos novos temas de moda no seo do PP estivo a intervención do presidente Feijóo noutro dos faladoiros da convención, o que xuntou a líderes autonómicos do partido coa vista posta nas eleccións de maio, que tamén son autonómicas en 13 comunidades. Alí Rajoy xa marchara e nese foro retrucou a aqueles "compañeiros de Ciudadanos e de Vox" que o caricaturizan como "nacionalista" (galego) por falar galego en público ou dicir que está a prol do vixente modelo autonómico. 

Máis adaptada ao novo tempo do PP estivo a segunda intervención de Feijóo, na que clamou que "a maioría dos galegos do PP son españois"; antes, un dos relatores convidados polo partido dera en pedir o voto para Vox tras atacar ao Goberno de Rajoy

Xa o facían con Fraga dende algúns foros -lembrou- e agora con el. "Non me molesta que digan que son nacionalista", pero si que llo digan á "maioría absoluta dos galegos que nos votaron". Porque "a maioría dos galegos do Partido Popular son españois aínda que lles moleste a algúns" e "esta é a nosa bandeira", dixo sinalando unha bandeira española que se proxectaba nunha gran pantalla. 

Apenas media hora antes destas verbas de Feijóo a convención acollera un coloquio sobre "a unidade de España e o futuro de Cataluña" ao que os de Casado convidaron a, entre outros, un membro do que segundo o programa oficial do evento é "a plataforma cívica Tabarnia", un colectivo nacionalista español que simula impulsar unha comunidade autónoma con áreas de Catalunya nas que o apoio ao independentismo non é masivo. O representante dese grupo deu en pedir o voto para Vox tras atacar ao anterior Goberno de España. Do Good Bye, Rajoy non quedaban nin os títulos de crédito. Polo si ou polo non, no programa oficial do evento xa destacaban que as opinións lanzadas polos relatores da convención non tiñan por que ser "asumidas como propias" polo PP.

Feijóo escoita o concelleiro do PP vigués e líder das Novas Xeracións do PP, nun intre da convención © NNGG PP

Por se alguén albergaba algunha dúbida de que os tempos do marianismo pasaran, chegou José María Aznar

Por se alguén albergaba algunha dúbida de que os tempos do marianismo que aínda evocaron os discursos de Feijóo e do propio Rajoy na primeira xornada xa pasaran a historia, na xornada do sábado chegou o personaxe cuxa sombra paira sobre o PP dende que Casado ascendeu ao liderado: José María Aznar. 

Unha vez enterrado os tempo de Rajoy e en pleno proceso de depuración dos seus partidarios -coa excepción do andaluz Moreno Bonilla por razóns obvias-, o pai político do Plan Galicia, que levaba anos a arrenegar do partido que lle legou Fraga amosouse exultante. O seu disque herdeiro partidario e ideolóxico, Casado, "é un líder coma un castelo" e agora hai que votar ao PP, proclamou tras moito tempo sen facelo. O unxido vaino ter "difícil", pero vai operar "sen tutelas nin tutías", chanceou parafraseando a Fraga en 1989, cando lle cedeu o liderado. 

Gonzalo Caballero dá por feito que a actuación de Feijóo na convención implica a súa "entrega política" a posibles pactos coa extrema dereita, dos que os candidatos locais do PPdeG non renegan

Mentres Aznar non aforraba xestualidade para bendicir politicamente a Casado, dende Galicia o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, daba por feito que a actuación de Feijóo nese foro implica a súa "entrega política aos pactos con Vox". Despois de que varios dos candidatos urbanos do PPdeG manifestasen abertamente que pactarían coa devandita formación de extrema dereita se lles cumprise para gobernar, Caballero lamenta que os populares galegos abandonen "o centro político e o galeguismo" para ir cara a un escenario "perigoso". "Ata Mariano Rajoy tivo que ir advertir de que non se pode caer no sectarismo". Rajoy, a esa hora, xa era ninguneado por Aznar entre aplausos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.