Réquiem polo "pacto de perdedores"

Feijóo e Moreno Bonilla, durante un mitin en Sevilla nunha imaxe de arquivo © PP-A

"Los andaluces eligieron un gobierno de cambio para poner fin a 40 años de penosas políticas socialistas". O pasado día 9 o PP e o partido Vox rubricaban o acordo para garantir os votos da formación de extrema dereita á investidura de Juan Manuel Moreno como presidente da Junta de Andalucía e o líder dos populares, Pablo Casado, escribía esa mensaxe nas súas redes sociais. O perfil oficial do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, divulgou o chío, que incluía a lenda "comienza el cambio".

Feijóo divulgou as mensaxes de celebración polo acordo do PP en Andalucía sen a participación da lista máis votada, o que definiu durante anos como "pacto de perdedores"

Alén das obvias diferenzas por tratarse do primeiro acordo político ás claras entre un dos principais partidos do Estado coa extrema dereita, a linguaxe empregada por Casado e difundida por Feijóo para celebrar o pacto no que sustentará o bipartito para gobernar Andalucía co imprescindible apoio de Vox non é moi diferente á que, en numerosísimas ocasións, empregaron forzas de esquerda para anunciaren coalicións. Para explicaren que deixaban sen poder ao PP ao sumaren maioría absoluta en parlamentos ou concellos onde os conservadores tiveran o maior número de votos nas urnas, pero sen representación dabondo para gobernar. Para celebraren, ao cabo, o que incontables dirixentes do PP, con Feijóo en lugar destacado, deostaron durante anos como "pactos de perdedores".

Moreno Bonilla será presidente cunha fórmula que, segundo Feijóo, "non ten tanto de democrático e nada de ético" porque "non pode ser presidente dunha comunidade quen perdeu"

Porque o que está a piques de suceder en Andalucía non é outra cousa que unha desas coalicións que "non teñen tanto de democrático e nada de ético" por non participaren nelas a forza máis votada, en verbas de Feijóo en xuño de 2015. Botando man das argumentacións pasadas do titular da Xunta, o seu compañeiro de filas Moreno Bonilla vai tornar en presidente de Andalucía porque na actualidade "é igual gañar que perder" e "isto é un problema". Porque, segundo afirmou en xaneiro de 2018, "non pode ser o presidente dunha comunidade autónoma quen perdeu", en referencia á súa oposición a que non goberne alguén distinto da persoa designada como candidata pola forza cuxas listas sumen máis votos. No caso de Andalucía, a socialista Susana Díaz.

Pero, tamén para Feijóo, o resultado de Andalucía mudouno todo. O electorado andaluz "díxolle á esquerda que non quere que siga gobernando e hai unha opción clarísima para que haxa un goberno distinto", defendeu o presidente galego. A prioridade é alternancia porque o PSOE gobernou durante os 36 anos da historia da autonomía en Andalucía. En Galicia, o PP encabezou a Xunta dende 1981 só con dúas parénteses: dous anos tras a moción de censura de 1987 os tres anos e medio de PSdeG e BNG.

Moreno Bonilla incorre ademais nun dos supostos que Feijóo lle reprocha a Pedro Sánchez: gobernar sen a forza máis votada e despois de empeorar o seu propio resultado electoral

A opción "clarísima" non é outra que a de Moreno Bonilla, que incorre ademais nun dos supostos que Feijóo vén reprochando a Pedro Sánchez dende a moción de censura coa que chegou ao Goberno de España en xuño de 2018: gobernar sen a forza máis votada e despois de ter un resultado electoral peor que o das anteriores eleccións. Non en van, os populares gobernaran a Junta tras perder seis escanos e case seis puntos de apoio cidadán con relación aos anteriores comicios. Ou, o que é o mesmo, tras un devalo que os levou ao seu peor resultado electoral en Andalucía en tres décadas, amortecido pola tamén histórica caída do PSOE.

O acontecido en Andalucía é tamén, non obstante, unha mensaxe para a esquerda alén do contexto andaluz. O PP de Casado xa advirte de que, se os números o permiten, reproducirá a coalición de dereitas alí onde sexa posible tras as eleccións municipais do 26 de maio, que tamén son autonómicas en 13 comunidades. E os acordos, atendendo a Andalucía, teceranse velozmente e sen atrancos, alén de escenificacións.

En maio o PP reproducirá os pactos de dereitas onde poida e os gobernos que emanen deles terán a lexitimidade democrática que os populares negaron á coalición que gobernou Galicia de 2005 a 2009

Morre ata nova orde para os populares, daquela, o slogan do "pacto de perdedores" se lles é posible sumar. E os gobernos que emanen deses acordos terán a lexitimidade democrática que, por exemplo, negaron máis ou menos abertamente ao Executivo de PSdeG e BNG que gobernou Galicia entre 2005 e 2009. "Porque cremos na liberdade e na democracia, deixade sempre que goberne a lista do candidato máis votado", clamaba Feijóo nun acto do PPdeG en 2007.

Feijóo, no seu escano como líder da oposición ao Goberno de PSdeG e BNG CC-BY-SA PPdeG

"Hoy se abre una nueva página de la historia de Andalucía. #ComienzaElCambio tras casi 40 años de monopolio de un gobierno socialista", sinalou Moreno Bonilla noutra mensaxe nas redes sociais divulgada polos perfís oficiais de Feijóo. O sector máis centralista do PPdeG aplaude ruidosamente o inminente novo goberno andaluz. Aínda que iso supoña soterrar o que, en verbas de Feijóo en 2014, é "o excelente principio de que goberne a lista máis votada" para que así "as minorías non se impoñan ás maiorías". 

Pactos como os que agora asinan para gobernar Andalucía supuñan, segundo Feijóo, "reinterpretar nos despachos o que din os cidadáns nas urnas"

Cómpre, cren os populares, saudar con entusiasmo os acordos asinados pola cúpula do seu partido coa extrema dereita de Vox, por unha banda, e con Ciudadanos, pola outra. Acordos postelectorais para lograr unha investidura sen a lista máis votada para os que Feijóo reservaba na primavera de 2015 nun acto de partido en Lugo unha definición pouco amable. Pactos como os que agora asinan os de Casado para facer presidente a Moreno Bonilla supuñan, segundo o presidente da Xunta, "reinterpretar nos despachos o que din os cidadáns nas urnas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.