A Xunta Electoral de zona de Ribadavia vén de abrir expedientes de sanción contra dez cargos do Partido Popular, entre eles o seu presidente e candidato á reelección Alberto Núñez Feijóo, por ter realizado diversos actos prohibidos pola Lei Electoral durante a campaña.
Son, en total, cinco expedientes de sanción incoados logo da denuncia do PSdeG de Ribadavia pola infracción do artigo 50.2 da Lei Electoral. Nel aclárase que desde que se convocan as eleccións e ata que se celebran "queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alucións ás realizacións ou aos logros obtidos, ou que utilice imaxes ou expresións conicidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas concorrentes aos comicios".
A xunta electoral abriu expediente a Feijóo, Baltar, Tellado ou Santalices, entre outros cargos
O PSdeG, tal e como aclara, escolleu varios actos que considerou prohibidos pola Lei Electoral, aínda que advirte que "son só algunhas das numerosas infraccións e atropelos que cometen os dirixentes do PP en cada proceso electoral". Entre os cargos populares aos que se lles abriu expediente están tamén a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, o seu secretario xeral, Miguel Tellado, un deputado autonómico e o presidente da Deputación de Ourense e líder do partido na provincia, José Manuel Baltar. Tamén tres alcaldes e a número un da candidatura provincial, Marisol Díaz.
A demanda contra Feijóo foi por "anunciar accións públicas e vender logros" durante un acto co alcalde de Beade
A denuncia contra Feijóo refírese a un acto celebrado xunto ao alcalde de Beade e, tal e como aclaran os socialistas, "anunciar accións públicas e vender logros en contra do que marca a lexislación electoral". No caso de Baltar, a demanda ten en conta diversos "actos públicos da Deputación logo de convocadas as eleccións utilizando esta institución para poñer en valor a favor do seu partido actuacións públicas como os actos de colocacións de monolitos".
Tamén foi denunciado e expedientado o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto ao deputado César Fernández Gil e o secretario xeral e voceiro do PP, Miguel Santalices. Do mesmo xeito, a demanda recaeu sobre a cabeza de lista por Ourense do partido, Marisol Díaz, logo de que, segundo aclara o PSdeG, "expuxese logros da Administración para favorecer o PP".
Ademais, López Abella e os alcaldes de Leiro, Cortegada e Beade foron tamén denunciados por "celebrar actos anunciando accións da Xunta, contra a obriga de neutralidade en período electoral das Administracións".
Os expedientados poden presentar alegacións a un expediente que pode acabar cunha sanción de entre 300 e 3.000 euros
Todos os cargos do PP aos que se lle vén de abrir expediente foron advertidos de que poderán ser sancionados con multas entre 300 e 3.000 euros, tal e como se pode comprobar na documentación á que tivo acceso Praza. Todos eles teñen quince días para presentar alegacións.
Desde o PSdeG da comarca do Ribeiro entenden que estas denuncias son obrigadas para "loitar pola calidade democrática e liberdades" que, segundo din, "sofren serios abusos na provincia de Ourense por parte da dereita máis retrógrada, dirixida por un imputado por delitos moi graves, como José Manuel Baltar".