A incidencia da COVID en Galicia segue a baixar aos poucos, estancándose xa no menor nivel dende agosto, pero a un ritmo de descenso que non se corresponde co necesario alivio nos hospitais, moito máis lento.
Os efectos máis duros da terceira vaga, no que ten que ver cos casos activos ou os contaxios, continúan a descender, pero os datos de hospitalización, aínda que mellores, seguen a ser altos, cun pequeno descenso.
O número de hospitalizados por COVID volve baixar, ata 320, pero hai aínda na UCI 75 persoas
Aí, o número de pacientes de COVID hospitalizados en Galicia baixaron de novo, con 320 persoas ingresados con coronavirus, tres menos que na xornada anterior. Nas UCI, hai 75 ingresadas, tamén tres menos.
Con todo, en coidados intensivos hai aínda máis doentes que antes das festas de Nadal e do comezo da terceira onda, confirmándose así a tendencia advertida polo Sergas dunha vaga máis dura, con maior afectación e con estancias máis prolongadas nas UCI.
En canto aos casos activos, Sanidade suma tamén ao seu cómputo un total de 112 casos novos (94 deles confirmados cunha PCR), os rexistrados entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado, 13 de marzo. As cifras supoñen un desenso importante con respecto aos 277 do día anterior, marcados polos brotes rexistrados nunha residencia en Silleda e nun colexio de Ferrol.
Sanidade suma 112 casos novos fronte aos 277 da xornada anterior
Xa que logo, o número de casos activos de COVID en Galicia sitúase nos 2.749, cun descenso máis ralentizado nos últimos días. O descenso prodúcese en todas as áreas sanitarias de Galicia, agás na de Ourense, que suma 13 novos positivos fronte aos 11 da xornada anterior.
O impacto da pandemia segue a facerse moi palpable no número de mortes. Son xa, en Galcia, 2.296 falecementos de persoas diagnosticadas con COVID, logo de que o Sergas notificase neste sábado seis novas vítimas.
Desde o inicio da pandemia, o número de persoas curadas son 109.729, o que supón que 211 pacientes recibiron o alta nunha xornada.
En canto á taxa de positividade, sitúase en Galicia nesta altura e a sete días no 1,93%, cun importante descenso que mantén o país por baixo do 5%, que é o limiar que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. Con todo, as diferenzas son importantes entre as diferentes áreas, coa da Coruña destacada como unha de maiores cifras.
En Galicia hai 131 concellos sen casos novos de coronavirus nos últimos 14 días
A situación vai mellorando tamén aos poucos no conxunto dos concellos galegos, aínda que de maneira moi feble e cun lixeiro descenso. Segundo os últimos datos, son 131 os concellos sen casos novos de coronavirus nos últimos 14 días, e 172 sen detectar positivo ningún na última semana.
No que ten que ver coas cidades, o descenso é tamén constante en case todas as urbes. A Coruña, a máis destacada no plano negativo, baixa por fin dos 200 casos de incidencia acumulada (IA) a 14 días (casos por 100.000 habitantes).
Na Consellería de Sanidade preocupa agora o brote de coronavirus detectado o pasado mércores en Sarria, tal e como informa El Progreso. O gromo iniciouse entre varios traballadores dunha explotación gandeira e conta xa con 19 casos acumulados, logo dos icnco primeiros infectados, que pasaron a 13 no seguinte día. Ademais, afecta xa outras granxas de vacún doutras localidades como Samos e Láncara.
En Galicia, desde o inicio da pandemia, contaxiáronse de COVID un total de 114.755 persoas. Do total, e ata o momento, 27.687 corresponden á área da Coruña; 21.558 á de Vigo; 18.264 á de Santiago; 14.701 á de Ourense; 12.548 á de Pontevedra; 11.871 á de Lugo e 8.126 á de Ferrol.