A falta de ambulancias volve pór o foco nun modelo de transporte sanitario "perverso"

Ambulancias do 061, nun centro sanitario galego CC-BY-SA Xunta

Na pasada semana, unha mobilización en defensa da sanidade pública e contra os recortes desenvolveuse no Rosal, que leva meses denunciando a escaseza de médicos e as precarias condicións da Atención Primaria, cunha soa doutora para atender máis de 6.000 habitantes. 

Días antes, a falta dunha ambulancia obrigara a profesionais do centro de saúde da localidade a trasladar un paciente -grave logo de sufrir un infarto- pola estrada ata o helicóptero do 061 que aterrara no campo de fútbol. Máis de 200 metros de percorrido ás carreiras, escoltados por Protección Civil e policía local, nunha imaxe que aumentou a indignación pola falta de recursos. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fala cunha técnica dunha ambulancia CC-BY-SA Xunta

A ambulancia do Rosal saíra dez minutos antes a outra emerxencia cara ao Hospital Álvaro Cunqueiro, a de Tui atopábase fóra da zona e a de Tomiño prestaba outro servizo na Guarda. O acontecido volveu situar o foco nun modelo de ambulancias criticado desde hai anos con dureza pola oposición, que pide recuperar a súa xestión pública, e tamén por persoal e sindicatos que advirten tamén da longa conflitividade en moitas empresas. 

O traslado dun home grave en padiola e pola rúa ata un helicóptero do 061 por falta de ambulancia no Rosal volveu situar no foco o modelo de transporte urxente

Outros casos, como a morte dun home en Lalín hai dous anos tras esperar máis de media hora por unha ambulancia ou a dun veciño de Dozón en 2019 tras 45 minutos de agarda, centraran as críticas nun modelo que, desde a oposición, cualifícase de "perverso". 

No caso do transporte sanitario urxente, o servizo foi licitado por uns 185 millóns hai xa uns anos cun contrato ata 2023. Aumentáronse en sete as ambulancias, ata as 125 en total en Galicia, que é dividida en varias áreas con cadansúa empresa xestora e gañadora do concurso. A Coruña, Baixo Miño, Barbanza-Muros, Bergantiños-Costa da Morte, Caldelas-Limia, Ferrol, Lugo, Mariña Lucense, Ourense, Pontevedra, O Salnés, Santiago, Valdeorras-Verín-Lemos e Vigo son as zonas de actuación das ambulancias, xestionadas tamén por 14 empresas (ou unións temporais de empresas) contratistas. Co seu domicilio social na Coruña, Mos, Lugo, Burela, Ourense, As Pontes, Santiago ou O Barco, pero tamén en Murcia, Cáceres, Leganés ou Valladolid.

"O Sergas está atrapado neste modelo, nun sistema perverso porque está en mans de empresas que negocian á baixa no que ofrecen", di Julio Torrado, voceiro de Sanidade do PSdeG no Parlamento, que presentou varias iniciativas para que a Xunta recuperase a xestión pública e directa das ambulancias, ao igual que fixo o BNG tamén. 

BNG e PSdeG piden a xestión pública das ambulancias e a fin dun modelo "perverso" e "en mans de empresas que negocian á baixa"

Ante estas demandas, hai menos dun ano o PP defendeu o "modelo de éxito" e rexeitou a xestión directa das ambulacións polo Sergas, tras presumir de "importantes melloras" desde 2021, tanto no número de vehículos como nas súas condicións. Fíxoo logo de que, tempo atrás, a policía constatase numerosas eivas de seguridade ao fío dunha investigación xudicial sobre un presunto amaño nun concurso. Daquelas pescudas descubrírase que varias empresas tiñan matriculados e rotulados os vehículos coa simboloxía da Xunta moito antes de que se resolvese a adxudicación.

"É un modelo opaco e escurantista que tende claramente ao oligopolio e no que unhas poucas empresas controlan e deciden e teñen agarrada a Xunta", define unha fonte coñecedora do modelo. A clave, como engade Julio Torrado, é que "as empresas concursan á baixa para gañar o concurso e logo con eses cartos teñen que cubrir un servizo que non é barato". "Se non lles chega, solicitan extras ao Sergas ou descólganse dos convenios, como fixeron en moitos casos, reducindo custos nas retribucións e condicións do persoal, que acaban tendo condicións demoledoras", destaca. 

Mobilización de técnicos das ambulancias CC-BY-NC-SA CIG

O resultado, unha enorme conflitividade laboral durante anos, con folgas, protesta do persoal ante recortes, despedimentos e incumprimentos de convenios ou por irregularidades e falta de medios nos vehículos. 

"Por desgraza, o modelo baséase en intentar que a Administración aforre o que poida e en facer un servizo cos menores cartos posibles; é o propio sistema o que crea un déficit", explica Xesús Pastoriza, responsable de Transportes da CIG, que destaca que o principal problema do modelo "é a falta de recursos e de medios". 

"Non hai dotación suficiente de ambulancias, sobre todo, precisamente, no transporte urxente e a Xunta intentouno paliar nalgunhas zonas pero noutras aínda se precisan máis, sobre todo en áreas onde as distancias son moi grandes, como na Costa da Morte ou no Deza; se tes dous accidentes a un tempo, unha emerxencia de 15 minutos pode tornarse nunha de 45", engade. 

"É difícil non atopar unha comarca que non teña unha queixa fundamentada da necesidade de incrementar a dotación de vehículos”, di Torrado tras lembrar os últimos problemas en Baixo Miño, como antes na Mariña, o Ortegal, o Deza ou Terra de Montes. 

"As empresas son donas absolutas dun sistema onde o Sergas acaba atrapado, tende que ceder ou asumindo a escaseza de recursos ou os problemas"

Para Julio Torrado, o feito de que a patronal de ambulancias fora unha das que advertira da "inviabilidade" do sistema no caso da suba do salario mínimo é ben definitorio de que supón o modelo. "As empresas son donas absolutas dun sistema onde o Sergas acaba atrapado, tende que ceder ou asumindo a escaseza de recursos ou os problemas", explica. "Se non lles chegan os cartos, recortan ou piden máis, ese é o resumo". 

Para o deputado do PSdeG, o modelo de ambulancias en Galicia "aumenta o factor de risco". "Ninguén di que o feito de que unha ambulancia chegue antes salve ou non unha vida porque non o sabemos, pero a cuestión aquí é reducir esa marxe de incerteza e evitar a indefensión dos usuarios", engade quen proclama que "a maior eficiencia posible" debe ser o obxectivo. 

Mobilización do persoal das ambulancias de Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Para Pastoriza, testemuña de moitos dos problemas no sector, as ambulancias son "o irmán pobre para o Sergas". "Temos que partir da base de que os seus traballadores non son considerados persoal sanitario, sendo o primeiro chanzo da atención", explica. Ademais, destaca que a mobilización e a loita sindical, "moi activa", logrou mellorar moito as condicións ante unhas circunstancias repetidas tantas veces: "As empresas van ao límite cos cartos e isto non é unha fábrica onde se pode reducir produción para baixar os custos... O único sitio de onde podían sacar era pagando menos, suprimindo dietas ou non abonando as extras". 

"As empresas van ao límite cos cartos pero isto non é unha fábrica onde poden reducir produción: se queren reducir custos, pagan menos", explica a CIG

Malia que a Xunta o nega con contundencia, sindicatos e oposición insisten na necesidade de que o modelo vire a unha xestión pública. "Non está claro que o sistema concesional sexa máis eficiente e, aínda que probablemente o investimento inicial fose maior sendo público, iso só demostraría que as condicións laborais e de recursos actuais están por baixo do que se precisa", aclara Torrado, que lembra que comunicades como Balears, Extremadura, La Rioja, Canarias ou Navarra traballan por mudar ou xa mudaron a xestión cara a unha pública. 

"Non hai maneira de argumentar que reverter o servizo ao sistema público non sexa perfectamente válido, como mínimo é unha opción política”, engade Torrado, que se preguntan “quen hai nas empresas concesionarias” para que a Xunta “prefira que sexan as concesionarias” as que xestionen as ambulancias. "Se, como afirma o Goberno, nada di que un modelo sexa mellor que o outro, ese argumento xa é suficiente para reverter o modelo concesional e recuperar a xestión pública”, aclara. 

"Deberíase camiñar, ao igual que en moitos outros ámbitos, cara a un servizo público xestionado por unha empresa pública para, xa de inicio, cortar con esta sangría nos concursos, onde se baixan os prezos ao máximo para acabar empeorando o servizo e as condicións do persoal", insiste Pastoriza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.