A Consellería xustifica a privatización porque "na área sanitaria de Lugo non se dispón dos recursos propios suficientes"
Xa hai empresas preparándose para optar ao contrato de preto de 200.000 euros que a Xunta vén de ofertar para tarefas propias dos técnicos superiores en documentación sanitaria, que inclúen o acceso a todo o historial dos pacientes ingresados en calquera dos hospitais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos desde fóra da rede do Sergas.
A Consellería de Sanidade recoñece que o proceso de codificación dos diagnósticos dos pacientes e mais das altas hospitalarias “require dun alto nivel de cualificación e experiencia”. “É esencial que as altas se codifiquen en tempo e forma, sen que se xeren atrasos no proceso, debendo contar con persoal especializado”, incide na súa resposta a Praza.gal. Porén, profesionais técnicos desta categoría consultados por este xornal manifestan que a última vez que se contratou a empresas externas este labor producíronse “erros graves”, que foron recoñecidos por altos cargos desta consellería.
Sanidade traslada que “na área sanitaria de Lugo non se dispón dos recursos propios suficientes para a codificación da totalidade das altas xeradas. Polo tanto, esta contratación complementa a actividade realizada polo persoal propio, non a substitúe”. Profesionais da Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia (Atessga) aseguran que “agora mesmo non hai recursos suficientes en ningún centro hospitalario de Galicia” porque “a Xunta non fixo unha previsión das necesidades” e “as listas de contratación levan 15 anos paradas”.
Profesionais da Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia aseguran que "agora mesmo non hai recursos suficientes en ningún centro hospitalario de Galicia" porque "a Xunta non fixo unha previsión das necesidades" e "as listas de contratación levan 15 anos paradas"
Técnicos superiores en documentación sanitaria que traballan no Sergas corrixen a Consellería e negan que este contrato sexa “complementario”, pois a propia estimación de altas anuais que fai o Sergas no prego de prescricións técnicas da licitación equivale ao 100% das altas da área sanitaria de Lugo nun ano. A resposta do Sergas, por outra banda, é que “o expediente non supón en ningún caso unha privatización da codificación, senón que é un reforzo do proceso que desenvolve o persoal propio adscrito ao servizo e permite garantir o axeitado nivel de codificación”.
“Todo o que pasa por un hospital hai que codificalo. Codificar é transformar unha linguaxe médica noutra alfanumérica, que se emprega para mandar todos os datos ao Ministerio de Sanidade e para facer estudos epidemiolóxicos de todo tipo. Por exemplo, se queremos saber cantas próteses de cadeira se puxeron en Galicia para comparar co resto de Comunidades, precisas ir a ese código concreto para ese procedemento e obterás o dato. Ou se queremos saber como evolucionaron os pacientes cunha enfermidade que foron tratados cun determinado fármaco, ou se unha doenza ten máis incidencia en mulleres que en homes. Para todo iso é preciso que haxa unha boa codificación, que é a nivel europeo, e que se interpreten as normas da mesma maneira para que todos falemos o mesmo idioma”, debulla unha técnica superior que se dedica á codificación en Galicia.

Profesionais consultados por Praza.gal sinalan que hai dez anos que o Sergas non contrata técnicos superiores en documentación sanitaria e que a cirurxía maior ambulatoria, todas esas operacións que non implican o ingreso do paciente durante máis de 24 horas no hospital, non se están a codificar cando o Ministerio de Sanidade obriga a facelo. “En Galicia só estamos codificando as altas de hospitalización e da atención a domicilio”, aseguran.
"Non está garantida a calidade da codificación ao privatizar", aseguran os especialistas en documentación sanitaria. Tampouco a confidencialidade, que para o Sergas está "totalmente garantida"
“Sobrevivimos”, din os técnicos. “O déficit de persoal é tan enorme que necesitaríamos duplicar o persoal agora mesmo para poder sacar adiante en condicións todo o traballo que hai. Pero neste momento hai 6 ou 7 persoas con praza en propiedade en toda Galicia e na última OPE, que está sen resolver, convocaron 13 prazas. Só hai que botar as contas... Pero a solución non é subcontratar, somos un servizo sanitario: os datos ben recollidos son fundamentais para o bo funcionamento dun hospital”, engaden.
“Non está garantida a calidade da codificación ao privatizar”, insisten tras aportar o exemplo da auditoría que realizaron dos datos do estudo GalFlu codificados por unha empresa externa, nos que detectaron “erros graves de concepto de codificación” e que notificaron a Saúde Pública, que acusou recibo e lamentou a situación. A esta experiencia suman o caso que sucedeu na área sanitaria de Vigo, onde a CIG-Saúde freou a privatización da codificación das historias clínicas e o Sergas tivo que contratar dous técnicos polas súas listas.
Ao mesmo tempo, estes profesionais detallan que quen codifica ten acceso a todo o historial dun paciente, incluídos todos os seus datos persoais como o enderezo ou o número de teléfono, á parte de todas as cuestións médicas. Fontes consultadas por Praza.gal aseguran que empresas coas que contratou o Sergas noutras ocasións lle encargaron o traballo a técnicos do País Vasco, “que por moi segura que sexa a VPN, non sabemos desde onde están traballando e quen pode ver a súa pantalla”.
A Consellería sinala que a confidencialidade da información dos historiais clínicos “atópase totalmente garantida” coas condicións recollidas no prego de prescricións técnicas da licitación, ao que tivo acceso este xornal e no que se indica que o 70% do persoal contratado non ten que estar nas instalacións do Sergas mentres realiza o traballo.