Os datos empeoran en todas as áreas sanitarias agás Pontevedra, e en Ferrol dispáranse a 90 días, cando a lei establece un máximo de 60
Tras dispararse o tempo medio de espera por unha cirurxía no Sergas no primeiro semestre de 2020, coa aparición da pandemia da COVID-19 e as restricións que implicou, o sistema sanitario parecía que comezaba a normalizar a situación. Os seguintes datos que a Xunta fixo públicos, do segundo semestre de 2020 e o primeiro de 2021, melloraban sucesivamente as cifras. Pero o segundo semestre de 2021 empeorou novamente.
Se no pico da pandemia a espera cirúrxica se disparara a 101 días, e despois fora baixando a 72 e 70 días nos seguintes semestres, a finais de 2021 a cifra volveu aumentar a 77,3 días. Así o reflicten os datos feitos públicos por sorpresa pola Xunta con notable demora este venres -se os datos son bos o Goberno galego adoita convocar ou avisar previamente aos medios de comunicación, pero se son malos como os de agora publícanse na web un venres, reducindo así o seu impacto público-.
Os 77,3 días de espera cirúrxica media supoñen que esta se sitúa máis de medio mes por riba do límite legal fixado pola propia Xunta en 2016 nun máximo de 60 días. As cifras, ademais, reflicten un empeoramento xeral en todas as áreas sanitarias a respecto das de hai un ano agás na de Pontevedra-Salnés, onde baixa de 73,7 a 62, situándose como a que agora presenta mellores datos. No resto, a peor situada é a de Ferrol, que chega a 89,8 días de espera.
Hai que ter en conta que o segundo semestre, no que se inclúe o verán e o groso das vacacións, adoita presentar cada ano peores datos que o primeiro semestre. Ademais, desde 2014 o Sergas deixou de ofrecer datos trimestrais, como facía ata daquela.
Tamén os datos das consultas externas empeoran, con 56 días de espera cando un ano antes eran 49
Os datos de espera tamén empeoran nas consultas externas ao comparar as cifras que agora se coñecen de finais de 2021 coas que había a finais de 2020. Se daquela a demora situábase en 49 días, nos últimos datos aumenta a 56,4 días. Neste caso as peores cifras danse na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, cunha media de 79,6 días, mentres que os mellores datos están en Vigo, con 40,9 días.
O peor hospital canto á espera das consultas é o da Mariña, que pasou de 100 a 131 días
Canto aos datos por hospitais, os da Mariña e Valdeorras son os que máis tardan nas consultas externas. Pero se o primeiro empeorou pasando dunha media de 100 días a finais de 2020 a 131 días a finais de 2021, o segundo mellorou reducindo os tempos de 149 a 106 días.