O coronavirus xa non presiona en exceso os hospitais galegos ou, cando menos, xa non condiciona o groso da súa actividade. Con este pano de fondo, o Servizo Galego de Saúde ultima os seus plans para este verán e, como antes da pandemia, esta planificación inclúe a "adecuación da hospitalización convencional durante o período estival", isto é, o peche ou "bloqueo" dun determinado número de camas hospitalarias, que desta volta serán unhas 600.
Nos últimos días, Sanidade foi confirmando ao persoal e á súa representación sindical o número de camas que prevé deixar fóra de funcionamento durante o verán nas diferentes áreas sanitarias. Á espera da confirmación dos datos da área de Santiago-Barbanza -prevense que se concreten contra mediados deste mes de xuño-, cabe agardar que sexan un chisco máis ou un chisco menos de 600.
Segundo eses datos transmitidos aos sindicatos, aos que puido acceder Praza.gal, as áreas que xa confirmaron a súa planificación teñen previsto pechar unhas 560 camas. En termos absolutos, as áreas máis poboadas serán tamén as que máis camas bloquearán (180 en Vigo, 152 na Coruña-Cee), seguidas pola área de Pontevedra-O Salnés (122). Na área lucense serían 70 e na ferrolá, algo menos de 40. Mentres, segundo esta previsión, a área de Ourense non pechará ningunha.
As camas hospitalarias bloqueadas son arredor do 10% das dispoñibles e Sanidade vén reiterando que as abriría antes do previsto se fosen precisas
As fontes consultadas explican que o groso destes peches se producen dende principios ou mediados de xullo e ata o mes de setembro, aínda que hai excepcións. Así, por exemplo, no servizo de Medicina Interna do hospital provincial de Pontevedra xa hai 33 camas bloqueadas dende finais de maio. Nesta mesma área, o bloqueo de camas chegará alén de mediados de setembro, caso de 28 en Traumatoloxía do hospital de Montecelo.
Noutras áreas, a distribución é diferente. As fontes consultadas detallan que na área sanitaria de Lugo -que abrangue toda a provincia-, os peches concéntranse nunha planta de Cirurxía e noutra de Medicina Interna do HULA. Exemplifican tamén que en Ferrol, as 36 camas pechadas serán nunha única planta do Hospital Naval.
En xeral, as camas pechadas durante o verán veñen supoñendo arredor do 10% das dispoñibles nos hospitais públicos galegos. En anos anteriores, o Sergas e a Consellería de Sanidade encadraron estes peches na menor actividade de determinados servizos sanitarios durante o verán, vinculada entre outros aspectos ás vacacións do persoal. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén reiterando que as camas pechadas poden volver abrirse antes do previsto se son precisas.
Os ingresos coa COVID impactan máis nas camas convencionais que nas UCI
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, os datos máis recentes (de 2020, primeiro ano da pandemia) amosan que Galicia segue contando cunhas 10.000 camas hospitalarias (contando hospitais públicos e privados). Delas, algo menos de 9.000 están en funcionamento.
Nos últimos meses, o efecto das vacinas e as características das actuais variables predominantes están a provocar que os ingresos hospitalarios de pacientes coa COVID impacten máis nas camas convencionais que nas UCI. Nesta liña, ás seis da tarde do pasado xoves o Sergas computaba 404 camas convencionais e 15 postos de UCI ocupados por pacientes co coronavirus. Cómpre ter en conta, ademais, que Sanidade vén sinalando que arredor da metade das persoas ingresadas co virus son hospitalizadas por outra patoloxía.