Sanxenxo e Xunta acordan ofrecer pisos gratis polo verán para atraer médicos de familia de fóra de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e Telmo Martín, nun centro de saúde en Sanxenxo CC-BY-SA Xunta

Pisos gratis durante catro meses para incentivar a contratación de médicos de familia durante o verán. Esa é a fórmula que o Concello de Sanxenxo e a Xunta acordaron para lograr que o maior número posible de proesionais sanitarios traballen nos centros de saúde da localidade durante a época estival, na que pode multiplicarse ata por cinco a poboación. 

Xa que logo, o Concello dará aloxamento e porá a disposición dos facultativos de fóra de Galicia que decidan ir traballar a Sanxenxo durante o próximo verán ata catro vivendas das que se fará cargo do alugueiro, para o que realizou xa unha retención de gasto de 32.000 euros por se fosen necesarios para os arrendamentos. 

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, ante o centro de saúde de Baltar, en Portonovo CC-BY-SA Xunta

Sergas e o Concello de Sanxenxo asinaron un convenio que pretende "impulsar a contratación de médicos durante un período de sobreesforzo asistencial"

Esta medida é a principal do convenio piloto asinado este mércores entre o alcalde da localidade, Telmo Martín, e o xerente do Sergas, José Flores, nun acto no que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez. 

A falta de médicos xeneralizada e o feito de que Sanxenxo multiplique por moito a súa poboación durante os meses do verán levou ao Concello a asinar este convenio tras "meses" de conversas coa Consellería de Sanidade "para impulsar a contratación de médicos durante un período de sobreesforzo asistencial". 

O xerente do Sergas, José Flores, destacou a iniciativa e subliñou que se trata dun programa piloto que, no caso de obter os resultados esperados, "podería ser estendido a outras entidades locais que presenten as mesmas necesidades conxunturais ao longo da xeografía galega". "Todos coñecemeos o déficit de médicos na Atención Primaria e o que se busca é atraer profesionais médicos de fóra de Galicia", explicou. 

A Xunta aclara que a iniciativa de cesión de vivendas por parte das administracións locais pode ser "estendida" a outros concellos coas mesmas necesidades

Ademais, aproveitou para agradecer "o grandísimo esforzo" que fan xa os profesionais sanitarios da Atención Primaria nas sete áreas sanitarias, "facendo verdadeiros quebracabezas para conseguir dar asistencia nos centros de sáude e nos PAC".

A sinatura deste convenio chega aos poucos días de se coñecer que Galicia non foi quen, por primeira vez en moitos anos, de cubrir todas as prazas de formación para medicina de familia e despois de que os datos revelasen que, nos últimos cinco anos, máis da metade dos facultativos que realizan o MIR na Atención Primaria acaben rexeitando seguir nela. 

Praia de Caneliñas, con vivendas ao fondo, en Sanxenxo © Concello de Sanxenxo

Precisamente, este mesmo mércores, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que o problema da Atención Primaria "non é un problema de investimento, senón de atopar recursos humanos". 

Por outra banda, nunha rolda de prensa conxunta coa Xunta deste pasado martes, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, subliñou que o municipio conta “con máis de 16.000 vivendas censadas” das que “só están ocupadas aproximadamente 5.500, que son onde vivimos os 18.000 veciños que ten Sanxenxo”. 

Nese mesmo acto, a Xunta publicitou no Club Náutico da localidade que as súas axudas para reformar vivendas "tamén son para segundas residencias".

Telmo Martín era socio da inmobiliaria Construcuatro cando esta cobrou sobreprezos a compradores de vivendas de protección autonómica en Vigo, feitos polos que a empresa foi condenada polo Tribunal Supremo. A mesma construtora de Martín foi tamén multada con tres millóns de euros por invadir dominio público cun edificio de seis plantas en Sanxenxo, pero o Goberno de Feijóo perdooulle a sanción en 2011.

"Non é a vivenda, son as condicións precarias"

Pola súa banda, desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo advírtese de de que o problema do sistema sanitario na súa localidade "e no resto de Galicia, por extensión, non é a falta de vivenda, senón as precarias condicións laborais do persoal, a non cobertura de ausencias e a falla de previsión e xestión". "Facernos crer que o problema é outro, é unha falta de respecto tanto a traballadores como a persoas usuarias", din nun comunicado no que consideran "unha mofa" o anuncio do acordo entre Sergas e Concello para ceder vivendas gratis aos médicos de familia de fóra do país. 

Pancarta da plataforma pola sanidade pública de Sanxenxo CC-BY-SA Plataformaen Defensa Sanidade Pública de Sanxenxo

"É totalmente discriminatorio para o persoal que traballa todo o ano nos centros de saúde do noso concello e un claro intento populista de ocultar os problemas de fondo que acarrexa a sanidade pública en toda Galicia", di a plataforma, que aclara que os problemas non son só en Verán, senón "durante todo o ano". "En Vilalonga as persoas usuarias chegaron a quedar sen atención en varias ocasións ao non ter sido cubertas as ausencias do persoal", lembra. 

Para o colectivo, os problemas dos que agora advirten Xunta e Concello son froito de "anos" nos que o Sergas foi "desmantelando a Atención Primaria" ao "non planificar nin contemplar as xubilacións do persoal en todas as categorías". "Os contratos que prevalecen son os interinos e por horas, días, semanas e, con sorte, meses… Despois de tal trato (ou máis ben, maltrato), encóntranse con que a súa xestión levou a que o persoal marchase e non quede apenas xente para traballar nas condicións precarias que ofrecen", di o documento. 

"A falta de investimento público e deixar deteriorar a Atención Primaria ou priorizar a atención hospitalariatrae estas consecuencias", conclúe a plataforma. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.