"Atención preguiceira", "parsimonia", "a remolque": o Sergas "desamparou" unha doente que acabou na privada e agora debe indemnizala

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Un xulgado condena a Xunta a pagar a unha muller operada polo privado en Povisa “porque a pública non deu resposta á súa necesidade, a pesar de coñecer esa resposta e atoparse en plena disposición de ofrecela”

Un xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo vén de condenar o Sergas a pagar a unha muller os gastos en que incorreu na sanidade privada para diagnosticarse primeiro e despois extirpárenlle a vesícula ante a “desatención, ou atención indebida e preguiceira” do Sergas, que “desamparou” á doente. A muller acabou sendo operada pola privada en Povisa “porque a pública non deu resposta á súa necesidade, a pesar de coñecer esa resposta e atoparse en plena disposición de ofrecela”, di a sentenza, que condena a Xunta a pagarlle os gastos en que incorreu e unha indemnización pola demora indebida que sufriu, que atribúe tanto á atención primaria como á especializada.

Hospital Povisa en Vigo Dominio Público Povisa

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a muller obtivo nunha análise de sangue en novembro de 2017 uns resultados anormais, pero leves, nun parámetro que podería ser indicativo dalgún problema na vesícula. Catro meses máis tarde, en marzo de 2018, repetíronlle a análise cun resultado máis alto aínda, e a súa médica de atención primaria recomendou repetir novamente a analítica outros dous meses máis tarde. Dez días despois desa segunda análise a muller decidiu facerse unha ecografía nunha clínica privada, na que lle diagnostican unha probable lesión na vesícula de tipo benigno pero que segundo a sentenza “non era inocua” e que podía acabar sendo maligna e xerar cancro, segundo declarou posteriormente no xuízo como perito un ex-xefe de servizo dixestivo do Sergas agora xa xubilado.

Con ese diagnóstico da clínica privada a muller volve á súa médica de atención primaria e en maio esta derívaa ao servizo dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), onde en agosto de 2018 coinciden no diagnóstico da probable lesión da vesícula e lle pautan unha seguinte ecografía de control dentro dun ano. En marzo de 2019 unha nova análise volve detectar resultados anormais e en atención primaria deixan constancia de que está pendente dunha ecografía de control. 

Esa proba fanlla en xuño de 2019, volve apuntar as mesmas sospeitas de lesión na vesícula e o especialista de dixestivo do Chuvi páutalle unha nova ecografía de control outro ano máis tarde para en función dos seus resultados derivala ao servizo de cirurxía e aparato dixestivo. Pero en xullo de 2019 a muller volve facerse outra ecografía independente con resultados “altamente suxestivos” da lesión na vesícula, así que acode ao hospital privado Povisa e alí “se lle prescribe unha intervención cirúrxica preferente polo risco de complicacións futuras”.

Feijóo e Almuiña, responsables da Xunta e do Sergas cando ocorreron os feitos, nun acto no Chuvi CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Con ese diagnóstico de Povisa a muller volve ese mesmo mes de xullo á atención primaria do Sergas e a súa médica derívaa ao servizo de cirurxía xeral do Chuvi. Segundo defendeu a Xunta no xuízo, déronlle cita para catro meses máis tarde, en novembro, antes da seguinte ecografía de control que tiña pautada para xuño de 2020. Pero o xuíz di que “non hai proba diso” e que “asunto distinto” é que a médica de primaria pedise esa cita “de maneira interna” e non se lle comunicase á doente ata setembro. Pero o que pasou a comezos de setembro foi que a muller acabou operándose en Povisa.

"Desatención", "inacción" ou funcionamento "anómalo, inxustificable e inescusable" son algunhas das verbas que emprega a sentenza contra o Sergas

Segundo a Xunta, foi ela quen decidiu abandonar nese momento o sistema público, pero o xuíz discrepa e di que a cita que tiña para o Chuvi en novembro “nin hai rastro de que se lle comunicase á doente no momento, nin era unha cita para a ineludible intervención”, polo que ao seu ver esta podía ser demorada “indefinidamente, cando menos ata que se lle practicase esa ecografía” de control un ano máis tarde.

No xuízo compareceu como perito un ex-xefe de servizo dixestivo do Sergas xa xubilado pero que exerceu durante catro décadas na sanidade pública. O experto constatou o risco de que a lesión evolucionase a un cancro e cualificou a extirpación da vesícula como “ineludible”. Tamén dixo que o que sucedeu coa muller foi que “se lle deron largas desde o sistema público “cando había unha base certa da súa doenza e do seu correcto tratamento”. A sentenza repite en varias ocasións esa expresión, a de que lle deron “largas” en xuño e xullo de 2019 tanto na atención primaria como na atención especializada. Por iso, o xuíz condena o Sergas a pagar á muller “porque a pública non deu resposta á súa necesidade, a pesar de coñecer esa resposta e atoparse en plena disposición de ofrecela”.

Sentenza que condena o Sergas pola súa demora no diagnóstico e tratamento dunha muller CC-BY-SA Praza Pública

A xustiza condena a Xunta a pagar á muller o que gastou na privada e que o Sergas "aforrou debido á magnitude dos tempos que manexa para a prestación asistencial"

A resolución xudicial emprega todo tipo de cualificativos contra a actuación do Sergas, do que critica a súa “parsimonia e inacción”, a “desatención, ou atención indebida e preguiceira”, di que “desamparou á recorrente”, que actuou “a remolque do diagnóstico de outros, diferindo a solución ao problema de saúde que se coñecía tanto canto á súa orixe, como ao seu remedio” e que o seu funcionamento foi “anómalo, inxustificable e inescusable”.

A sentenza conclúe que houbo unha “demora indebida na posta a disposición da doente dos medios coñecidos para o seu tratamento” e que “as cousas podían, debían facerse doutro xeito, e non porque [a recorrente] abandonase ou fuxise do sistema público de saúde”, como argumentou a Xunta. Por iso, o xuíz condena o Sergas a abonarlle unha indemnización pola “demora indebida padecida e a falta de resposta asistencial” así como o gasto acreditado que fixo na privada para o diagnóstico e a operación, "probas diagnósticas e intervención cirúrxica que a demandada [a Xunta] debería acometer e aforrou debido á magnitude dos tempos que manexa para a prestación asistencial".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.