O 3 de xaneiro do ano 2018 un home chegou ao servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), derivado dende o PAC do Carballiño. Eran pouco máis das 12 do mediodía. A triaxe obrigatoria tivo como resultado unha cor amarela, un código que segundo os protocolos indica que o cadro do paciente era grave, polo que debía ser atendido en menos dunha hora. Porén, a atención tardou case catro horas (ata as 15.55 horas), un atraso que puido afectar ao seu desenlace. O home faleceu no hospital tres días despois, cunha tensión arterial moi elevada que provocou unha lesión directa sobre as arterias cerebrais.
Na triaxe inicial advertiuse que o seu estado era grave, con presión arterial moi elevada e visión dobre, pero aínda que cada vez se foi poñendo peor, non foi atendido, falecendo tres días despois
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Ourense vén condenar ao Sergas a indemnizar con 86.366 euros á filla do doente por este atraso na súa primeira atención, que a sentenza cualifica como "inxustificable". O maxistrado entende que ese atraso causou “que se agravase a súa situación e se elevase a súa tensión arterial, sen que se fixese nada para tratala, o que provocou un empeoramento e unha lesión directa sobre as arterias cerebrais”.
A sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Ourense condena o Sergas a indemnizar con 86.366 euros á filla do doente
O xuíz destaca que o home “presentaba diversos síntomas, tanto ao chegar ao hospital como, especialmente, durante a súa espera, compatibles cun problema neurolóxico”. Porén, aínda que a súa situación se foi agravando mentres agardaba en Urxencias, en ningún momento se intentou nin sequera controlar a súa tensión arterial, malia ser "un tratamento farmacolóxico sinxelo".
Ademais, indica que “superado o prazo máximo no que debía ser visto por un médico, non consta que se fixese ningún control do estado do doente, e iso a pesar das reiteradas queixas e advertencias da familia ao persoal do hospital”. Os acompañantes do enfermo tiveron que ir buscarlle unha cadeira de rodas, pois "vía dobre e caíaselle un ollo" e, segundo consta no ditame, “advertiron ao persoal de urxencias reiteradamente, mesmo dixeron que podía sufrir un ictus, recibindo unicamente por resposta que non podían facer nada”.
“Superado o prazo máximo no que debía ser visto por un médico, non consta que se fixese ningún control do estado do doente, e iso a pesar das reiteradas queixas e advertencias da familia ao persoal do hospital”, indica a sentenza
O Sergas, que acepta que "existiu unha perda de oportunidade polo atraso en ser atendido en urxencias", alegou na súa defensa que "aínda que se dera unha atención correcta e dentro dos prazos marcados polo seu estado, o resultado tería sido previsiblemente o mesmo". Porén, o maxistrado afirma sobre esta cuestión que "descoñezo, e creo que ninguén poderá sabelo con certeza, se o resultado tería sido o mesmo de prestarse a atención médica no prazo marcado, pero o que é incuestionable é que, se se respectaran os protocolos, seguramente se podería ter dado unha mellor e máis rápida resposta”.
O xuíz tamén destaca que “agrava o atraso” o feito de que o paciente non acudise a urxencias polo seu propio pé ante unhas molestias puntuais, senón que foi derivado polo Punto de Atención Continuada do Carballiño. “En realidade, o tempo de espera foi maior, xa que se debe presumir que desa derivación se advirte ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a fin de que fose tomando as medidas correspondentes”, sinala. A sentenza engade, así mesmo, que “non hai medio algún de proba que permita xustificar o atraso na atención ao paciente”.