O Sergas, condenado polo dano neurolóxico sufrido por unha muller tras unha incorrecta aplicación da epidural

Instalacións para atender partos no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar o Sergas a indemnizar con 70.000 euros unha muller polos danos derivados da anestesia epidural que lle aplicaron nun parto natural que tivo lugar en outubro de 2013 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. A vítima, que tiña 34 anos nese momento, sufriu posteriormente o denominado síndrome de cola de cabalo, un dano neurolóxico nun grupo de nervios que determina a sensación e o funcionamento da vexiga, intestinos e pernas.

A vítima, que tiña 34 anos, sufriu posteriormente o denominado síndrome de cola de cabalo, un dano neurolóxico nun grupo de nervios que determina a sensación e o funcionamento da vexiga, intestinos e pernas

Nun primeiro momento a demanda presentada pola muller contra o Sergas foi xulgada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago, que non considerou acreditada a existencia de relación de causalidade entre a anestesia e a técnica empregada e a síndrome de cola de cabalo que sufriu a afectada; así mesmo, tampouco aprezou a existencia de mala praxe na administración da anestesia. Con todo, o órgano de primeira instancia condenara o Sergas a indemnizar á muller con 40.000, ao considerar que non se lle proporcionara á paciente unha información suficiente e coa debida calidade sobre a posibilidade do dano neurolóxico que tivo lugar.

Hospital Clínico de Santiago CC-BY-SA Lmbuga

O TSXG aplicou a doutrina do "dano desproporcionado", que ten lugar, tal e como indica o Tribunal Supremo, “nos casos en que o acto médico produce un resultado anormal e inusualmente grave e desproporcionado en relación cos riscos que comporta a intervención”

A muller recorreu esa sentenza, por considerala insuficiente, alegando que si se producira mala praxe e que o dano neurolóxico sufrido tiña relación directa coa anestesia epidural que se lle aplicara. Agora a sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG vén de darlle a razón, nun ditame que sinala que “se ofrece como máis factible a afirmación -realizada polo perito que declarou a instancia da afectada- que a causa estivese nunha concentración esaxerada do fármaco a nivel das raíces lumbosacras ou nun contacto directo do fármaco coas raíces por atravesar a duramadre a agulla ou o catéter”. 

Ademais, afirma que “concorre o elocuente dato da proximidade temporal” entre a síndrome de cola de cabalo diagnosticado e a aplicación da anestesia epidural no parto, “polo que existe unha inicial presunción de vínculo causal entre un e outra, de modo que corresponde á Administración ofrecer unha posibilidade alternativa razoable e lóxica ao dito dano neurolóxico”, algo que, neste caso, non sucedeu.

“Nin o dano neurolóxico derivado da síndrome de cabalo era un resultado esperable do parto nin garda relación coa entidade desta intervención, sendo un resultado que non foi racionalmente explicado pola Administración”, sinala o TSXG

O TSXG aplicou a doutrina do "dano desproporcionado", que ten lugar, tal e como indica o Tribunal Supremo, “nos casos en que o acto médico produce un resultado anormal e inusualmente grave e desproporcionado en relación cos riscos que comporta a intervención”. Esta doutrina, fai responder á administración “cando se produce un resultado danoso que normalmente non se produce máis que cando media unha conduta neglixente, salvo que acredite que a causa estivo fóra da súa esfera de actuación”, indican os maxistrados.

Os xuíces subliñan que “nin o dano neurolóxico derivado da síndrome de cabalo era un resultado esperable do parto nin garda relación coa entidade desta intervención, sendo un resultado que non foi racionalmente explicado pola Administración”. Ademais, destacan que o SERGAS non achegou datos “sobre a técnica empregada en canto ás medidas de punción, tipo de agulla e catéter utilizado, a concentración de lidocaína ou as medidas regulatorias e de control da anestesia epidural”. Os xuíces engaden que as probas proporcionadas pola Administración autonómica e pola aseguradora non os convenceron “sobre a posible reacción de natureza inflamatoria/ inmunolóxica ao anestésico como causa do dano neurolóxico”.

Exemplo de administración da epidural CC-BY-SA Paul Anthony Stewart

A muller foi recuperándose parcialmente das súas lesións neurolóxicas, o que determinou unha redución na contía da indemnización que o TSXG lle recoñece

Co paso do tempo a muller foi recuperándose parcialmente das súas lesións neurolóxicas, o que determinou unha redución na contía da indemnización que o TSXG lle recoñece. A vítima solicitaba unha indemnización de 92.000 euros, que finalmente o tribunal fixa en 70.000, ao considerar que se produciu “unha evolución favorable en todas as áreas motora, sensitiva e de control de esfínteres”. O ditame destaca que en abril de 2015 a afectada xa recuperara “a forza en extremidades, aínda que presentaba cambras nocturnas en xemelgos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.