O Sergas paga 83.000 euros de xuros de demora a empresas con cartos para mellorar centros sanitarios

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

Sanidade vén sendo condenada de xeito recorrente por demoras no pagamento de facturas a provedores

De xeito reiterado o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta que Galicia é unha das comunidades que máis rápido paga aos seus provedores. Tamén a Consellería de Sanidad gábase do mesmo. Porén, esta última vén sendo condenada de xeito recorrente a asumir xuros de demora por milleiros de facturas que paga tarde. 

Agora, mesmo sen chegar a haber condena xudicial, a propia consellería vese obrigada a destinar cartos inicialmente previstos para mellorar centros sanitarios a pagar xuros de demora por uns 83.000 euros.

Medicamentos dispensados polo SERGAS CC-BY-SA Xornal Certo

Segundo documentación que o Goberno galego vén de remitir ao Parlamento de Galicia, só en novembro o Sergas tivo que tramitar dous expedientes de modificación orzamentaria para pagar xuros de demora. 

Unha das modificacións orzamentarias, por importe de 46.223,97 euros, empregou cartos previstos para plans directores de mellora de centros sanitarios para pagar xuros de demora "como consecuencia de sentenza e reclamacións previas efectuadas por diversas empresas". O outro expediente, por 36.955,58 euros, tirou os cartos do mesmo destino orixinal, melloras en centros sanitarios, para pagar xuros de demora neste caso sen sentenza xudicial senón nunha fase previa de reclamación por parte de varias empresas.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, co presidente Rueda, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Veñen sendo reiteradas as sentenzas que condenan o Sergas a pagar xuros de demora por facturas de provedores pagadas tarde. Nun caso desvelado hai unhas semanas por este diario Sanidade chegou a esixir á empresa afectada que lle certificase as datas nas que a propia Xunta lle pagara as facturas orixinais para así calcular o tempo de demora. O TSXG criticou que a Xunta pedise algo "que xa obraba nos arquivos do organismo sanitario", o que é "contrario ao principio de boa administración e calidade dos servizos públicos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.