Fiscalía e afectados recorren o arquivo da causa sobre a hepatite C: "Estamos na instrución e hai indicios dabondo"

Integrantes da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C © Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

A Fiscalía e a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C (PGAH) recorreron o arquivo da causa aberta contra os cargos da Xunta acusados de homicidio por atrasar fármacos contra esa enfermidade. O colectivo de afectados presentou un recurso de reforma ante o xulgado instrutor e o Ministerio Público, de apelación ante a Audiencia Provincial contra o auto do pasado 25 de novembro. En ambos casos búscase a reapertura dun proceso fronte a unha resolución que ambas partes consideran que "non está ben fundamentada desde o punto de vista técnico". 

Fiscalía e plataforma entenden que o xuíz pechou a causa malia haber "indicios suficientes" de posibles delitos, que é o que se busca na fase de instrución

Así o asegura Quique Costas, portavoz da PGAH, entidade que decidiu recorrer ao considerar que "hai indicios máis que suficientes" de que houbo "atraso na aprobación dos medicamentos por razóns orzamentarias". Ademais, tal e como se destaca no recurso, e como denuncia a plataforma, o arquivo da causa prodúcese en fase de instrución, cando "non é necesaria unha proba" senón "indicios" que consideran "máis que suficientes". 

Quique Costas, portavoz da plataforma de afectados, ao remate dunha manifestación CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

"Cremos que o auto comete un erro claro porque practicamente deixa xulgado o caso e absolve os acusados alegando que non eran competencia deles os feitos que se investigan ao seren daquela director xeral de Asistencia Sanitaria e subdirectora xeral de Farmacia", di Quique Costas, que advirte, en referencia a Félix Rubial e Carolina González-Criado, de que "non foron sometidos a este procesos por eses cargos, senón porque eran membros da subcomisión que decidía sobre os tratamentos, algo que se obvia"

"Estamos en fase instrutora e non xulgadora; non estamos no momento de xulgar, senón na de determinar se hai indicios de comisión de delitos"

"Estamos en instancia instrutora e non xulgadora; non estamos no momento de xulgar e decidir a culpabilidade, senón na de determinar se hai indicios de comisión de delitos", insiste Costas, que asume certa "decepción" polo arquivo, pero  tamén "confianza", ao coincidir os reparos da plataforma coas da Fiscalía, que advirte tamén no seu recurso de que a actuación dos investigados debe ser valorada no acto de xuízo oral e non debe ser valorada antes polo xuíz instrutor. 

A Fiscalía solicita así á Audiencia Provincial da Coruña que deixe sen efecto o auto impugando e que abra procedemento abreviado contra os investigados. No caso da plataforma, e de ser reformado o recurso de reforma, presentará outro de apelación tamén ante a Audiencia. 

“Non podemos afirmar que a morte ou falecemento dos pacientes lles sexa imputable causalmente aos investigados”, indicaba o xuíz Andrés Lago Louro no auto, onde subliñaba que “o falecemento sobreveu por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos”. 

Desde a PGAH confían en que o que eles consideran "erros" sexan "subsanados" a través destes recursos. Así, Quique Costas lembra que cada vez que a plataforma ou a Fiscalía tivo algunha diferenza co xuíz instrutor, a Audiencia acabou por darlles a razón, como cando o xuíz considerou que os investigados non debían ser xulgados por homicidio imprudente e só pro prevaricación. "Estamos confiados", insiste. 

A plataforma di que a Xunta pretende instalar "un relato falso, o que indica que é a oposición ou a nosa entidade a que denuncia e non a Fiscalía"

Respecto das reaccións políticas ao último auto e ás palabras de Feijóo nas que chegou a instar a oposición a pedir perdón por poñer en dúbida a actuación de dous cargos do Sergas, Costas lembra que "foi a Fiscalía quen presentou a denuncia que permitiu a apertura deste proceso". 

"Desde a Xunta sempre se deixa caer unha premisa falsa,  un relato, aquel que parece indicar que é a oposición ou a nosa plataforma a que denuncia, cando é rotundamente falso. Pregúntome se cando Feijóo insta a rectificar se está a referir ao Ministerio Público", destaca. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.