O grupo do PSOE no Congreso confirma ás vítimas de Angrois que rectifica e apoia agora unha investigación política

A portavoz parlamentaria do PSOE, Margarita Robles, de vermello, xunto a outros deputados socialistas frontes a vítimas de Angrois Dominio Público @gpscongreso

O grupo parlamentario do PSOE no Congreso dos Deputados deu este luns o primeiro paso na rectificación da negativa que viña mantendo ata agora a apoiar unha comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois. A nova portavoz parlamentaria tras a recuperación por Pedro Sánchez da secretaría xeral do partido, Margarita Robles, recibiu a representantes das vítimas e transmitiulles a súa postura favorable a impulsar esa investigación, pero indicoulles que é unha decisión que terá que tomar formalmente a executiva do partido nunha próxima reunión. Esa comisión política que agora si está disposto a levar adiante o PSOE implicaría que tivesen que comparecer na Cámara baixa tanto o ex-ministro socialista de Fomento José Blanco, agora eurodeputado, como a popular Ana Pastor, agora presidenta do Congreso.

A nova portavoz parlamentaria, Margarita Robles, recibe aos afectados e trasládalles a súa postura favorable, que espera que a executiva do partido ratifique nunha próxima reunión

Tras o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, e do que agora se cumpren catro anos, PP e PSOE pecharon filas e rexeitaron calquera investigación política do sinistro máis alá da xudicial (que aínda está en marcha e analiza a responsabilidade penal dun cargo de Adif) e da análise técnica oficial realizada por Fomento (que concluíu culpando só ao maquinista do tren). Nestes catro anos, alí onde e cando o PP tivo maioría absoluta, tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia, para impor a súa negativa, os socialistas abstivéronse. Porén, os socialistas votaron en contra cando o voto negativo dos populares era insuficiente. Unha unidade de acción en contra da investigación política que veñen reclamando as vítimas que estas atribuían ao interese de ambos partidos por protexer aos ex-ministros Blanco e Pastor, no cargo respectivamente cando se inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago e cando se autorizou que os trens Alvia circulasen por ela sen o sistema de control constante da velocidade (o ERTMS).

A postura socialista comezou a cambiar cando hai un ano a Axencia Ferroviaria Europea criticou o xeito en que Fomento realizara a investigación técnica do sinistro, unha crítica que contribuíu a que a causa xudicial se reabrise

A postura socialista comezou a cambiar cando hai un ano a Axencia Ferroviaria Europea criticou o xeito en que Fomento realizara a investigación técnica do sinistro, unha crítica que contribuíu a que a causa xudicial se reabrise e estea a analizar a responsabilidade do ex-director de Seguridade na Circulación de Adif Andrés Cortabitarte, no cargo entre 2006 e 2013, tanto co PSOE como co PP. Desde as críticas da Axencia Ferroviaria Europea e o xiro na instrución xudicial, os socialistas, primeiro no PSdeG e posteriormente en Madrid, comezaron a virar a súa postura.

Os socialistas primeiro admitiron a necesidade dunha nova investigación técnica e agora, unha vez consumada a chegada de Pedro Sánchez á secretaría xeral, impulsarán tamén unha análise política do caso. Prospección esta que viña sendo reclamada por deputados críticos coa anterior xestora do partido como o ex-alcalde de San Sebastián Odón Elorza, ao que nos últimos tempos tamén se comezaron a sumar deputados galegos, como a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, presente este luns na reunión coas vítimas.

Reunión de vítimas de Angrois cos deputados do PSOE Dominio Público @gpscongreso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.