O anuncio de que a vista non se celebrará ata máis de nove anos despois do accidente leva á plataforma de afectados a lembrar os erros cometidos polo propio sistema xudicial durante a instrución da causa
A plataforma de vítimas do accidente de Angrois fixo público este venres un duro comunicado no que critica o “despropósito na administración galega de xustiza” tras sucesivas declaracións de altos cargos da xudicatura e a fiscalía nos últimos días nas que foron pospoñendo a celebración do xuízo, que non será antes do noveno aniversario do sinistro. Os afectados lembran no seu comunicado os sucesivos obstáculos que tivo a instrución xudicial por parte do Goberno de España e da Xunta de Galicia, pero tamén salientan que o propio sistema xudicial cometeu erros que contribuíron a demorar a investigación.
O xuíz instrutor do accidente de Angrois deu por rematada a investigación co maquinista e un cargo de Adif como acusados en setembro de 2020. A Audiencia Provincial da Coruña ratificou esa decisión sete meses despois, en abril de 2021. Pero case un ano máis tarde segue sen haber data para o xuízo.
A pasada fin de semana o fiscal superior de Galicia, Fernando Suances, amosou nunha entrevista na Cadena Ser a súa esperanza en que a vista se puidese celebrar “antes do verán”. Pero uns días despois este xoves o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, descartábao e apuntaba a despois do verán, dous anos despois do remate da instrución, argumentando a dificultade de organizar un xuízo con tantas testemuñas e peritos. Nada dixo dos recursos postos a disposición da xuíza para poder acometer esa organización. Recursos materiais, humanos e de tempo que en parte son responsabilidade da Xunta, como administración competente en Galicia.
"O que poden facer desde o TSXG é arranxar o problema estrutural que teñen", di a plataforma de vítimas
Ante esta situación a plataforma de vítimas lembrou este venres que o propio presidente do TSXG lles contestara o pasado novembro nunha carta admitindo que o proceso xa durara “moito tempo” e prevendo o xuízo para este comezo de 2022. “Efectivamente o caso é complexo, pero hai algúns feitos que o señor Castroverde parece esquecer”, din agora os afectados, que lembran que “durante a instrución acumuláronse atrasos e erros por parte do xulgado”, como cando o erro cometido nun enderezo demorou a obtención dun informe por parte dunha axencia europea, como revelou Praza.gal no seu momento. Tamén lembran que a Xunta impuxo ao xulgado como peritos a dous funcionarios propios sen experiencia en materia ferroviaria, un dos cales mesmo plaxiou parte da súa peritaxe. E salientan igualmente “a ocultación e demora de entrega de documentos por parte de Renfe e Adif”, como tamén vén contando este diario.
Tras esta sucesión de obstáculos á investigación, a plataforma de vítimas conclúe o seu comunicado sinalando que “o que si poden desde o TSXG é arranxar o problema estrutural que ten e deixar de facer declaracións baleiras que o único que xeran é máis dor e incerteza entre as vítimas e familiares”.