As asociacións de afectados polos accidentes de 2013 e o pasado xaneiro, con 79 e 46 mortos, salientan que "o erro humano nunca é a causa dunha traxedia nun sistema complexo e regulado como é o ferroviario"
A Asociación de Vítimas de Adamuz e a Plataforma de Vítimas do Alvia, principais representantes dos afectados polos sinistros de 2013 e o pasado xaneiro, que deixaron 79 e 46 persoas falecidas, fixeron público este xoves un comunicado conxunto no que critican que "sen verdade, xustiza e investigacións independentes as traxedias repítense". Ante o foco que está a poñer o Goberno de España nun suposto erro humano no centro de control de Adif, igual que en 2013 se apuntou de xeito inmediato ao maquinista do Alvia, as dúas asociacións, a partir das súas propias experiencias, salientan que "se pode elixir entre culpar ou aprender, porque ambas son incompatibles".
O comunicado sinala que "o erro humano nunca é a causa dunha traxedia nun sistema complexo e regulado como é o ferroviario" e que consideralo así ten unha "consecuencia obvia: a repetición de traxedias".
As asociacións lamentan que España teña o "récord mundial de traxedias e falecidos en alta velocidade" e consideran que "se prioriza a non asunción de responsabilidades por parte do Estado, tanto a nivel político, técnico e xudicial fronte á seguridade e vida dos pasaxeiros.