O presidente da Xunta afirma que "Galicia, e os seus medios, están a disposición para todo no que poidamos axudar"
Galicia lembra a ferida do accidente ferroviario de Angrois e, como xa fixo no caso de Adamuz, volve volcar a súa solidariedade coas vítimas do terrible accidente que tivo lugar na mañá deste mércores á altura de Toledo, cos seus familiares e persoas do seu círculo afectivo.
O presidente da Xunta manifestou o seu "máis sentido pésame polos falecidos; e todo o apoio e cariño ao resto de afectados, familiares e achegados". Alfonso Rueda afirma que "Galicia, e os seus medios, están a disposición para todo no que poidamos axudar".
A Axencia Galega de Emerxencias está en contacto tanto co Goberno de España como co de Castela-A Mancha, segundo informou Rueda. Todas as formacións políticas con representación no país suspenderon as súas axendas públicas para este mércores.
A líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou "o apoio, a solidariedade e o afecto ás vítimas e ás súas familias nun momento tan difícil e tan duro como este". "Penso ademais que recollo o sentir de toda Galiza se digo que este tipo de accidentes nos chegan ao máis fondo porque aquí tamén vivimos un accidente ferroviario que segue marcando as nosas vidas e que, lamentablemente, non foi investigado no seu momento como debera", agregou.
"Desde o BNG queremos trasladar todo o recoñecemento e apoio para as persoas que están traballando nos servizos de rescate e de emerxencia, desde bombeiros, persoal que está na zona ou o persoal sanitario que está facendo un labor fundamental para salvar vidas, para axudar nun momento destas características", salientou Pontón, quen indicou que "hoxe non é o día para esixir responsabilidades nin explicacións, nin tampouco para sacar conclusións que poden ser precipitadas".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mostrouse "profundamente conmocionado" polo accidente. "En Galicia sabemos ben o que significa vivir unha traxedia así. Sei que non hai palabras que alivien a dor de quen perdeu un ser querido nin a anguria das familias que agardan novas dos seus. Quero trasladarlles todo o meu agarimo e solidariedade, así como a pronta recuperación dos feridos", sinalou Besteiro, que tamén recoñeceu o labor dos servizos de emerxencia que están a traballar sobre o terreo.
O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, expresou a súa consternación polo grave accidente ferroviario entre Los Yébenes e Urda, na provincia de Toledo. "Todo o meu cariño e apoio ás persoas afectadas e ás súas familias. Grazas aos equipos de emerxencia polo seu traballo nestes momentos tan difíciles", destacou.
O presidente da Plataforma de Vítimas de Angrois, Jesús Domínguez, lamenta que tras accidentes como o de Santiago ou o de Adamuz "non se aprende porque non hai consecuencias políticas". Contámolo aquí.
A Federación Galega de Municipios e Provincias súmase á convocatoria realizada pola FEMP e convida "a todas as institucións, entidades, traballadores/as e veciñanza a participar nun minuto de silencio hoxe, mércores 28 de outubro de 2026, ás 20 horas, ás portas dos concellos, como mostra de apoio".
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, enviou a súa "solidariedade" para as persoas afectadas polo accidente e "todo o ánimo" para os equipos de emerxencias. "En Santiago sabemos ben o impacto de situacións como esta", asegura.
A Federación Galega de Municipios e Provincias súmase á convocatoria realizada pola FEMP e convoca un minuto de silencio ás portas dos concellos "como mostra de apoio" este serán ás 20h
A actividade das catro Deputacións provinciais tamén quedou suspendida este mércores. Valentín Formoso, presidente da Deputación da Coruña, enviou o seu pésame a familiares e achegados das vítimas e aseverou que "a solidariedade e o apoio da provincia da Coruña están con vós". "Toda a provincia de Pontevedra está nestes momentos coas vítimas e os seus achegados, e desexamos unha pronta recuperación aos feridos", traslada o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
Os sindicatos tamén expresaron a súas condolencias. "Todo o noso cariño e solidariedade coas vítimas e as súas familias, o noso apoio ás persoas feridas, aos equipos de emerxencia e ás traballadoras e traballadores ferroviarios", manifesta UGT Galicia. "Queremos trasladar as nosas condolencias ás vítimas e a todas as persoas afectadas, incluídos os traballadores e traballadoras dos trens", traslada CCOO Galicia.
Dende a Confederación de Empresarios de Galicia expresan unha "profunda consternación" pola traxedia ferroviaria e trasladan condolencias e afecto "nestes momentos de dor".