Ábalos salienta que non pode despedir a Andrés Cortabitarte porque é empregado público pero non aclara por que segue nun posto de libre designación
A decisión feita pública este xoves pola Audiencia da Coruña de avalar a proposta do xuíz instrutor do accidente de Angrois de que un cargo de Adif, Andrés Cortabitarte, sexa xulgado ao mesmo nivel que o maquinista do tren non vai variar o feito de que siga a ocupar un posto de libre designación xa non ligado coa seguridade ferroviaria. Preguntado por el, este venres o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, salientou que non pode despedilo porque é un empregado público de Adif, pero non aclarou, malia que se lle pregunto especificamente por iso, por que segue nun posto de libre designación.
Ábalos foi o primeiro ministro de Transportes que, cinco anos despois do sinistro, pediu ás vítimas do accidente de Angrois “perdón en nome deste Goberno”. Tres días despois o daquela director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, naquel momento imputado polo sinistro pero hoxe xa fóra da causa, deixaba ese cargo no que seguira tras o accidente. Sucesivos gobernos do PP o mantiveran no mesmo posto de director de Seguridade na Circulación de Renfe no que solicitara a Cortabitarte, homólogo en Adif, desconectar a bordo dos trens Alvia o sistema de control da velocidade propio do AVE, e alí seguiu mesmo cando a finais de 2017 foi imputado pola xustiza. Non foi ata un ano máis tarde, xa co PSOE no Goberno central e tres días despois da reunión de Ábalos coas vítimas, que Lanchares deixou o posto.
Ábalos foi o primeiro ministro de Transportes que, cinco anos despois do sinistro, pediu ás vítimas do accidente de Angrois “perdón en nome deste Goberno”
Posteriormente a xustiza estableceu que Lanchares non tiña responsabilidade penal polo sinistro xa que en todo caso a responsabilidade de autorizar ou non a súa petición de desconexión da seguridade fora de Cortabitarte. Pola contra, Cortabitarte xa deixara a dirección de Seguridade na Circulación de Adif pouco antes de que ocorrese o accidente, pero foi recolocado noutros postos igualmente de libre designación. Xa co PP pasara a ser subdirector de xestión loxística de aprovisionamentos, mesmo posto no que se mantivo na nova estrutura de Adif aprobada cando chegou o novo equipo socialista.
Na reunión da plataforma de vítimas con Ábalos de setembro de 2018 pedíronlle que cesase tanto a Lanchares como a Cortabitarte dos seus postos de libre designación. Lanchares caeu tres días despois pero no caso de Cortabitarte as vítimas sinalaron que o ministro lles comunicara que sería cesado se chegase a abrirse xuízo oral contra el.
Ábalos atribúese o cesamento cando tamén estaba imputado do homólogo de Cortabitarte en Renfe, hoxe xa exculpado e fóra da causa
Agora, a piques de que se produza ese trámite da apertura do xuízo oral, unha vez que Audiencia avala o remate da instrución con Cortabitarte e o maquinista como únicos acusados, as vítimas reiteran a súa petición, pola que foi preguntado este venres Ábalos. O socialista asegura que “cumpriu” separando “ás persoas que tiñan responsabilidades naquel momento”, que non identificou pero que supostamente sería Lanchares. Pero no caso de Cortabitarte di que “este empregado público de Adif non ten ningunha responsabilidade na seguridade, desde logo non a ten no que estaba, o que non podemos é despedilo, é un empregado que non ten ningunha sentenza que o inhabilite”.
O ministro asegura que Cortabitarte “ten que afrontar as responsabilidades sobre o posto que tiña”, o de director de Seguridade na Circulación, pero que “non hai ningunha razón para inhabilitalo nin separalo”. “Pedíusenos no caso de Renfe e o fixemos”, asegura o ministro, malia que aquilo presentouse como unha “saída” de Lanchares, non como un cesamento por parte do ministro. “Fixemos canto se nos pediu”, insistiu Ábalos este venres sen contestar a por que Cortabitarte segue nun cargo de libre designación aínda que non teña relación coa seguridade.
“Non teño ningunha necesidade de encubrir a ninguén, non formei parte da época [do accidente] nin teño ningunha tendencia corporativista”, sentenciou para rematar o ministro, no cargo desde 2018, despois de que nos anos anteriores Adif e Renfe obstaculizasen de diversos xeitos a investigación xudicial.