Afectados polo sinistro critican declaracións de cargos populares e socialistas que tras o accidente puxeron o foco só no condutor do tren e que agora evitan valorar o aval da Audiencia da Coruña a xulgar tamén a un cargo de Adif
Fronte ás diversas voces que, nos días seguintes ao accidente de Angrois, apuntaron desde PP e PSOE ao maquinista como único responsable do sinistro, o aval que vén de dar a Audiencia da Coruña para que tamén sexa xulgado un cargo de Adif está a recoller desas dúas formacións só declaracións de “respecto pola xustiza” como fórmula para evitar valorar a decisión xudicial. Fronte esas reaccións de perfil baixo, que contrastan coa profusión de declaracións de hai case oito anos en defensa da alta velocidade española e apuntando á responsabilidade do condutor, a Plataforma de Vítimas do accidente critica a todos aqueles que alentaron “a versión oficial de que fora o maquinista” sen que apenas se comezase a investigar o caso e apunta especialmente aos ex-ministros Ana Pastor e José Blanco, aos que di que “o seu tempo pasou xa”, parafraseando unha frase da popular.
Nun vídeo divulgado este venres, a plataforma de afectados lembra declaracións de políticos populares e socialistas que puxeron o foco no maquinista. Fronte a eles, salienta o presidente da asociación, Jesús Domínguez, a Audiencia da Coruña di agora que cando menos era necesario investigar as eivas existentes na liña, tan relevantes como que un cargo de Adif poida tamén ser xulgado por elas. Pero apuntan tamén que é necesario depurar as responsabilidades políticas e que o Estado español realice unha nova investigación técnica do sinistro fronte á que realizou no seu momento atribuíndo a responsabilidade ao maquinista.
O ministro de Transportes ofrece "colaboración" coa investigación tras os obstáculos que puxeron Adif e Renfe con anteriores responsables
Desde o Ministerio de Transportes, e tras diversos obstáculos á investigación postos por Adif ou Renfe durante mandatos dos seus antecesores, especialmente durante o da popular Ana Pastor, o actual titular, o socialista José Luis Ábalos, o primeiro que pediu perdón, ofreceu este xoves “toda a colaboración” do seu departamento para “aclarar causas” do sinistro, pero escudouse na “complexidade da causa” xudicial para evitar pronunciarse sobre a decisión da Audiencia sobre “un feito que se produciu hai xa algúns anos”.
Feijóo, que cando o único acusado foi o maquinista dixo que iso coincidía "co sentir maioritario da sociedade", pide agora "deixar que os xuíces tomen as súas decisións"
Desde a Xunta o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, pediuse “deixar que os xuíces tomen as súas decisións e exerzan as súas compentecias”. Declaración que contrasta coa valoración que o propio Feijóo fixo cando o xuíz instrutor propuxera xulgar só ao maquinista, antes de que a Audiencia o fixese seguir investigando o caso. Daquela o presidente si valorara a decisión xudicial, da que chegara a asegurar que “está a coincidir co sentir maioritario da sociedade” e mesmo que se producía “despois de coñecer o alcance e contido de toda a xénese do accidente”, malia que non só non se xulgara aínda o caso senón que non se investigara todo o que agora leva a acusar tamén ao cargo de Adif.
O BNG, con actuacións políticas que lograron avances na investigación penal, considera á vez "decepcionante" e "excelente" a decisión xudicial
Pola súa banda, desde o BNG a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, cualificou como “decepcionante” a decisión dunha “xustiza que parece máis pendente de protexer aos poderosos que de buscar verdade e reparación”. Pola contra, a voceira da formación nacionalista en Bruxelas, Ana Miranga, grazas a cuxas actuacións políticas se lograron avances na investigación penal, considerou a decisión xudicial inicialmente unha “excelente nova” para despois matizar que “falta que imputen aos responsables políticos de RENFE, Adif, Ministerio de Fomento”.