A xuíza que condenou o maquinista de Angrois apoia o seu indulto total

A xuíza do accidente de Angrois, Elena Fernández Currás, na primeira sesión do xuízo o 5 de outubro de 2022, e fragmento do seu informe favorable ao indulto CC-BY-SA Praza Pública

A maxistrada condenara ao mesmo nivel o condutor do Alvia e o director de Seguridade de Adif, pero despois a Audiencia da Coruña absolveu o segundo. Agora tamén a Fiscalía apoia un indulto, no seu caso parcial, para que non entre na cadea.

A maxistrada do Penal 2 de Santiago, María Elena Fernández Currás, foi a xuíza encargada de xulgar entre 2022 e 2023 o accidente de tren de Angrois de 2013 no que morreron 79 persoas e 144 resultaron feridas. A súa sentenza de xullo de 2024 condenou ao mesmo nivel ao maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, e ao daquela director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, a dous anos e medio de cadea. O primeiro despistárase e non freara a tempo antes da curva de Angrois na que descarrilou e o segundo, segundo a xuíza, non dispuxera as medidas de seguridade necesarias para evitalo. Pero en xaneiro deste ano a Audiencia Provincial da Coruña corrixiu aquela sentenza e absolveu o cargo de Adif por falta de probas, deixando o maquinista como único condenado. 

O maquinista de Angrois, Francisco José Garzón, co seu avogado na última sesión do xuízo, o 27 de xullo de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

Tras esa sentenza, e como avanzou Praza.gal, o maquinista formalizou o pasado maio os trámites ante o Ministerio de Xustiza para solicitar un indulto, quer total ou parcial, que evite o seu ingreso en prisión. A medida de graza, dependente en última instancia da vontade política do Goberno de España, viña sendo pedida por compañeiros do traballador e mesmo apoiada por parte das vítimas. A semana pasada o expediente recibiu un informe da Fiscalía favorable a un indulto parcial de seis meses que lle evite a entrada na cadea, e agora vén de chegar outro informe no que a primeira xuíza que o condenou, Fernández Currás, tamén se amosa favorable a un indulto, no seu caso total.

A xuíza di que "concorren razóns de xustiza e equidade" para o indulto e lembra que a Audiencia, malia corrixila e absolver o cargo de Adif, mantivo inalterados os seus feitos probados que sinalaban deficiencias de seguridade na liña Ourense-Santiago

Segundo indica no seu informe a xuíza Fernández Currás, "concorren razóns de xustiza e equidade para concederlle o indulto solicitado" porque xa non pode volver a cometer a mesma imprudencia profesional ao estar xubilado e carecer de antecedentes. 

No seu informe a xuíza lembra que a súa sentenza matizaba a responsabilidade do maquinista ao sinalar "a deficiente sinalización do treito no que se produciu o descarrilamento e de medidas de seguridade que diminuíran o risco dun exceso de velocidade", motivo polo que ela tamén condenara ao cargo de Adif. Pero malia que a Audiencia absolveu a este último por non considerar probado que el fose o responsable desas deficiencias, esa segunda sentenza mantivo inalterados os feitos probados declarados por Fernández Currás, entre eles esas deficiencias de seguridade da liña de alta velocidade Ourense-Santiago.

A xuíza de Angrois, Elena Fernández Currás, na xornada de conclusións do xuízo, o 20 de xuño de 2023, e ao fondo o maquinista e o cargo de Adif CC-BY-SA Praza Pública

A xuíza tamén sinala o "fondo pesar do penado pola dor xerada ás vítimas" e salienta que algunhas delas mesmo apoian o indulto. E conclúe que "aínda que a pena de prisión cumpra a súa finalidade de prevención xeral para que a sociedade e as vítimas confíen en que a comisión de delitos non resulta impune, ningunha finalidade de prevención especial canto á necesidade de resocialización ou de neutralización do risco de reiteración delitiva cumpriría, neste caso, respecto do penado". Así, Fernández Currás remata informando "favorablemente a petición de indulto total da pena de prisión solicitada polo penado e, subsidiariamente, ao indulto da parte da pena no que excede dos 2 anos", o que permitiría suspender o seu ingreso en prisión.

A semana pasada a Fiscalía emitiu un informe similar favorable ao indulto, no seu caso só parcial, de seis meses, que evite a cadea. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.