13 anos do accidente de Angrois, pendente do Constitucional e dun indulto

O maquinista de Angrois, Francisco José Garzón, ao fondo, único condenado polo accidente, e diante del o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, absolto en xaneiro pola Audiencia da Coruña tras condenalo tamén un xulgado de © Óscar Corral

Tras a decisión da Audiencia da Coruña de absolver en xaneiro a un cargo de Adif, o maquinista, único condenado, pediu o indulto e ao tempo recorreu ao Constitucional, como as vítimas, á espera aínda das investigacións técnica e política

O 24 de xullo de 2013 un tren Alvia de alta velocidade descarrilou na curva de Angrois, na entrada de Santiago, tras despistarse o maquinista ao recibir unha chamada do interventor do convoi e non frear a tempo. Polas 79 mortes e 144 persoas feridas que deixou o sinistro foron condenados hai dous anos por un xulgado do Penal de Santiago tanto o maquinista como un cargo de Adif por non habilitar medidas de seguridade que evitasen o previsible erro humano. 

Pero o pasado xaneiro a Audiencia Provincial da Coruña absolveu o cargo de Adif por considerar que non hai probas suficientes de que el en concreto fose quen debía previr ese risco. Así que 13 anos despois do accidente o maquinista vén de quedar como único culpable, á espera de que o Tribunal Constitucional revise se o proceso xudicial se desenvolveu con garantías e de que o Goberno de España decida sobre a petición de indulto que xa lle formulou o condenado. 

Vítimas de Angrois concentradas ante o Consello Xeral do Poder Xudicial en Madrid o pasado xaneiro en protesta pola absolución do cargo de Adif © Plataforma de Vítimas do Alvia

Os máis de dez anos pasados entre o accidente e as sentenzas xudiciais, así como as discrepancias nelas reflectidas entre as xuízas que revisaron o caso e absolveron o cargo de Adif malia non mudar unha soa coma dos feitos probados, abriron a porta a recursos ante o Tribunal Constitucional por parte tanto do único condenado como de vítimas do sinistro. 

As vítimas, con valoracións dispares sobre o indulto pedido polo maquinista, critican que, tras a condena inicial, o cargo de Adif fose absolto por dúas das tres xuízas da Audiencia da Coruña sen mudar unha coma dos feitos probados

Segundo o recurso do maquinista ao Constitucional, o proceso xudicial vulnerou os seus dereitos de presunción de inocencia, igualdade de trato e tutela xudicial efectiva xa que, argumenta o seu avogado, "existiu unha presunción de culpabilidade desde o inicio" e non se lle aplicaron atenuantes por dilacións indebida, auxilio ou reparación do dano ás vítimas. 

Pola súa banda, a plataforma de vítimas, que segue insistindo en responsabilidades máis alá do maquinista, pon o foco na vulneración da súa propia tutela xudicial efectiva porque cos mesmo feitos probados a Audiencia da Coruña realizou unha valoración distinta da primeira sentenza condenatoria do cargo de Adif "sen unha xustificación ou explicación suficiente", unha "grave falta de motivación e irrazonabilidade" que vulneraría tamén os dereitos constitucionais dos afectados.

Á espera do que decida o Constitucional, uns días antes de presentar o seu recurso de amparo, e de xeito paralelo, o avogado do maquinista pediu tamén ao Goberno de España oficialmente o indulto para o seu defendido. Condenado a dous anos e medio de cadea, unha medida de gracia parcial de só medio ano, como xa se deu no pasado a outros maquinistas con condenas similares e como defenden maquinistas e parte das vítimas, evitaríalle entrar en prisión. Porén, os indultos veñen sendo cada vez menos, con só 13 na última década en Galicia.

13 anos despois España aínda non realizou unha investigación técnica independente de acordo coa normativa da UE

Pero máis alá da causa xudicial, as vítimas lembran que España segue sen realizar a investigación técnica oficial do accidente que esixe a normativa europea, logo de que a publicada un ano despois do sinistro fose descualificada pola Axencia Ferroviaria Europea por falta de independencia e poñer o foco só no maquinista.

No eido político si está a avanzar, tras anos de demora e co recente aliciente do accidente de Adamuz, en Córdoba, a creación dun novo ente único e independente que se encargue desas investigacións técnicas de sinistros ferroviarios, aéreos e marítimos.

Porén, nada se volveu saber da "resposta política" concreta ao accidente de Angrois que esixen as vítimas logo de que a comisión de investigación política aberta en 2018 no Congreso dos Deputados nunca emitise as súas conclusións. Así que 13 anos despois Angrois segue á espera de pronunciamentos nos ámbitos penal, técnico e político.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.