O perdón solicitado polo único condenado polas 79 mortes recibiu xa informes favorables da Fiscalía e da maxistrada que o xulgou, que revela que as vítimas que tamén emitiron valoracións formais o fixeron "maioritariamente a favor"
O maquinista, único condenado polo accidente do tren Alvia na curva de Angrois de Santiago do 24 de xullo de 2013, cando morreron 79 persoas e 144 resultaron feridas, segue recibindo apoios na súa petición de indulto. A Fiscalía apoia un indulto parcial de medio ano da súa condena a dous anos e medio que lle evite entrar na cadea, e o indulto total é defendido pola xuíza que o condenou conxuntamente cun cargo de Adif que despois foi absolto pola Audiencia da Coruña. É nese informe da maxistrada favorable ao indulto onde ela mesma revela tamén que as vítimas persoadas na causa que responderon á consulta que se lles fixo pronunciáronse "maioritariamente a favor" dese perdón.
En xullo de 2024 a xuíza do Penal 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, condenou ao mesmo nivel ao maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois, e ao daquela director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, por non habilitar medidas de seguridade que o evitasen. Pero en xaneiro deste ano a Audiencia da Coruña corrixiu esa sentenza e, sen mudar nada dos feitos probados que constataron a falta de seguridade da liña, absolveu o cargo de Adif por falta de probas de que el fose o responsable. Tras esa sentenza, que deixou o maquinista como único condenado a dous anos e medio de cadea, este pediu o indulto total ou parcial, xa que cun perdón de só 6 meses evitaría a entrada no cárcere.
O indulto é unha medida de graza competencia exclusiva do Goberno de España, pero na súa tramitación pídense informes coa valoración que poidan facer as diversas partes implicadas no proceso penal previo. A Fiscalía, que chegara a pedir catro anos de cadea para o maquinista, emitiu hai uns días un informe favorable a un indulto parcial que evite a súa entrada no cárcere. E agora vén de emitir un informe similar, pero apoiando o indulto total, a xuíza que o condenou en primeira instancia.
A xuíza de Angrois lembra que a curva era insegura, como ratificou a Audiencia da Coruña aínda que esta acabase absolvendo o cargo de Adif
A maxistrada, Elena Fernández Currás, inclúe no seu informe favorable ao indulto total o argumento de que a imprudencia do maquinista non foi a única causa do accidente xa que, aínda que a Audiencia corrixiu a súa condena do cargo de Adif, non mudou nada dos seus feitos probados que reflectían a inseguridade da liña de alta velocidade Ourense-Santiago. Isto é, que aínda que o cargo de Adif non puido ser condenado por falta de probas da súa responsabilidade, a curva era insegura e o accidente non foi só responsabilidade do maquinista malia acabar como único condenado. De aí que ao seu ver non mereza ser o único que entre na cadea.
Pero ese informe da xuíza tamén revela máis información. A maxistrada fala das alegacións formuladas á petición de indulto polos afectados persoados no proceso xudicial e di que "as vítimas que se pronunciaron o fixeron maioritariamente a favor". A xuíza tamén di que "algunhas das vítimas" sinalaron nas súas alegacións que "a condena moral do señor Garzón será de por vida, cumpra ou non a pena de prisión".
Cando o maquinista formalizou a súa petición de indulto o pasado maio, Praza.gal consultou con numerosas vítimas e puido constatar unha pluralidade de valoracións ao respecto que ían desde o apoio ao rexeitamento pasando pola indiferenza.