O Ministerio Público desbota avalar un perdón total ao traballador, único condenado polo sinistro do Alvia, pero si dá o visto e prace a unha redución parcial da súa condena a dous anos e medio de prisión
Francisco José Garzón, o maquinista do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 descarrilou na parroquia compostelá de Angrois deixando 79 persoas falecidas e 144 feridas, é o único castigado penalmente no proceso xudicial polo sinistro. Aí sucedeu despois de que, a principios deste ano, a Audiencia da Coruña corrixise a sentenza inicial dun xulgado de Santiago que o condenaba en igualdade de condicións co agora absolto ex-director de Seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte, a dous anos e medio de prisión.
Como avanzou Praza.gal, o maquinista formalizou o pasado maio os trámites ante o Ministerio de Xustiza para solicitar un indulto, quer total ou parcial, que evite o seu ingreso en prisión. A medida de graza, dependente en última instancia da vontade política do Goberno de España, viña sendo pedida por compañeiros do traballador e mesmo apoiada por parte das vítimas. E agora recibe outro relevante apoio: o da Fiscalía no seu informe preceptivo ao respecto.
O documento, asinado este pasado 2 de setembro polo fiscal xefe de Santiago, Antonio Roma, e a cuxo contido puido acceder este xornal desbota a posibilidade dun indulto total -anular a condena por completo- pero amósase a prol dunha redución parcial da condena. Dada a ausencia de antecedentes penais, un perdón de apenas medio ano sobre o total imposto abriría a porta a que Garzón non fose preso, ao xeito do indulto que foi aprobado en 2009 en Navarra para dous maquinistas condenados por un accidente no que faleceran 18 persoas en 1997.
O fiscal Antonio Roma ve acreditadas "razóns de xustiza e equidade" para o indulto parcial, resalta o apoio de parte das vítimas á medida e acolle argumentos da petición do maquinista como a necesidade de coidar da súa nai
Argumenta o fiscal Roma -que ao comezo do proceso xudicial chegara a pedir catro anos de prisión parao maquinista- que "a gravidade obxectiva dos feitos" acontecidos en Angrois e a "entidade da infraccion penal" o levan a "desaconsellar" unha "remisión absoluta da pena". Mais si observa "circunstancias extraordinarias que permiten considerar" que a "execución íntegra da condena" ao maquinista "produce actualmente unhas consecuencias de intensidade superior á necesaria para a satisfacción dos fins lexítimos de prevención e reinserción.
Neste sentido, o Ministerio Público dá por bos boa parte dos argumentos sostidos polo maquinista na súa petición de graza. A comezar pola concorrencia de "razóns de xustiza e equidade" reguladas na Lei do Indulto, como que Garzón "non se subtraeu en ningún momento á acción da Xustiza" ou a súa "adecuada integración social, familiar e laboral" ata o "longo período transcorrido entre a data dos feitos e a firmeza da condena".
O informe do fiscal considera "igualmente significativo que unha parte das vítimas e prexudicados expresasen a súa conformidade" co indulto. E Tamén atende outra das razóns esgrimidas polo traballador: que "desempeña labores efectivos de asistencia e coidado dun familiar necesitado de apoio continuado", a súa nai, nonaxenaria. Salienta, asemade, que el mesmo padece unha enfermidade respiratoria.
Existe, daquela, a xuízo da Fiscalía unha "base obxectiva suficiente para considerar desproporcionado o cumprimento total da pena" e coida que a medida "pode concretarse" coa "substitución" da condena total imposta, dous anos e medio de prisión, "por outra inferior". Ese indulto parcial permitiría, explica, que o tribunal que o condenou a "suspenda por un tempo adecuado á gravidade da conduta sentenciada". É dicir, seguiría condenado por 79 homicidios por imprudencia grave profesional, pero non iría ao cárcere.
A xuíza activa a suspensión da pena ata a resolución do indulto
A maxistrada pide ao avogado do maquinista que se pronuncie sobre a posibilidade de suspender a pena ata que se resolva o indulto, como permite o Código Penal, e ordena á aseguradora de Renfe pagar as indemnizacións de vítimas que poidan estar pendentes
O informe da Fiscalía cadra coa orde da xuíza que ditou a primeira sentenza sobre Angrois para, unha vez decretada a súa firmeza -nos termos dispostos pola Audiencia-, comece a executarse. Fíxoo, informa o Tribunal Superior de Xustiza, nun auto que inclúe pedir ao avogado do maquinista "que se pronunciase sobre a posible suspensión da devandita pena" atendendo ao artigo do Código Penal que contempla facelo "en tanto non se resolva sobre a petición" do indulto.
No mesmo auto ordena á aseguradora de Renfe, QBE, que "no prazo dun mes abone as cantidades liquidadas pendentes de pago en concepto de indemnización, no caso de que non consten totalmente satisfeitas, desagregando importe, concepto e preduxudicado". A sentenza da Audiencia deixou esta compañía como única responsable civil do sinistro, dada a absolución do cargo do Adif e, ademais, mellorou as contías e extensión das indemnizacións a vítimas.