Vítimas de Angrois recorren ao Constitucional a absolución do cargo de Adif

Andrés Cortabitarte, cargo de Adif absolto pola Audiencia da Coruña, diante do maquinista, Francisco José Garzón, durante o xuízo en 2022 © Óscar Corral

Outro maquinista que viaxaba no tren e resultou afectado di vulnerado o seu dereito á tutela xudicial porque a Audiencia da Coruña corrixiu a condena de primeira instancia sen mudar nada dos feitos probados, o que ve "arbitrario"

Vítimas do accidente de Angrois xa comezaron a recorrer ante o Tribunal Constitucional a absolución do cargo de Adif que fora condenado inicialmente en 2024 por un xulgado do Penal de Santiago pero exculpado o pasado xaneiro pola Audiencia Provincial da Coruña. Os recursos sumaranse ao que tamén formulou xa ao Constitucional o maquinista do Alvia contra a súa propia e única condena polo accidente a dous anos e medio de cadea. 

Ademais, o maquinista tamén pediu o indulto ao Goberno de España e a suspensión da entrada no cárcere mentres non se resolvan eses dous procedementos. 

Vítimas de Angrois concentradas ante o Consello Xeral do Poder Xudicial en Madrid tras absolver a Audiencia da Coruña ao cargo de Adif © Plataforma de Vítimas do Alvia

O xuízo polo accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, no que morreron 79 persoas e outras 144 resultaron feridas, celebrouse entre 2022 e 2023. A primeira sentenza, emitida en 2024 pola xuíza do Penal que xulgou o caso, condenou ao mesmo nivel ao maquinista, Francisco José Garzón, por despistarse ao recibir unha chamada do interventor e non frear a tempo antes da curva e ao director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non habilitar medidas que paliasen ese previsible erro humano. Porén, en xaneiro a Audiencia da Coruña corrixiu esa sentenza e, sen mudar nada dos feitos probados, absolveu a Cortabitarte, unha decisión respaldada por dúas das tres xuízas do tribunal pero da que discrepou a terceira xuíza.

Outras vítimas, entre elas a Plataforma de afectados, están ultimando tamén os seus recursos contra o cargo de Adif, que se sumarán ao que tamén formulou o maquinista pedindo a súa absolución

Ante esa decisión, o maquinista, como condenado, só puido recorrer ante o Constitucional pedindo a súa absolución, o que fixo argumentando que se vulneraron os seus dereitos constitucionais de presunción de inocencia, igualdade de trato e tutela xudicial efectiva. Pero as vítimas poden recorrer a absolución do cargo de Adif, o que están comezando a facer agora. Xa o fixo un maquinista que viaxaba no tren como pasaxeiro e Praza.gal puido confirmar que tamén están ultimando os seus recursos outras vítimas, entre ela a Plataforma que agrupa a boa parte delas.

Sede do Tribunal Constitucional © Tribunal Constitucional

No seu recurso de amparo, o segundo maquinista do Alvia que viaxaba nel como pasaxeiro e que polo tanto tamén foi vítima salienta o voto discrepante dunha das tres maxistradas da Audiencia da Coruña e como as outras dúas absolveron o cargo de Adif sen mudar nada os feitos probados consignados pola xuíza de primeira instancia. Por iso o seu motivo de recurso é a vulneración do seu dereito á tutela xudicial efectiva e a "obter unha resolución motivada, fundada en dereito, non incursa en arbitrariedade, irracionabilidade/parcialidade ou erro fáctico patente", eivas que atribúe á absolución da Audiencia da Coruña.

Segundo o recurso, tanto a primeira xuíza de instancia como a maxistrada discrepante da Audiencia formularon as súas argumentacións a favor da condena do cargo de Adif "de forma congruente, detallada e motivada", algo que non fixeron as outras dúas maxistradas. Unha absolución que sostiveron "nos mesmos feitos probados da sentenza de instancia que determinan a responsabilidade penal como culpable do señor Cortabitarte, sen modificación de feitos, o cal resulta incongruente, arbitrario, irracional e ilóxico, o que debe dar lugar á súa nulidade de plano".

Pola contra, engade, absolveuse a Cortabitarte baseándose "en meras alegacións que non se recollen como feitos probados na sentenza", que a continuación detalla, como a responsabilidade que tiña como cargo á fronte da Seguridade na Circulación ou as decisións concretas que tomou e que rebaixaron a seguridade na liña de alta velocidade Ourense-Santiago. 

O recurso salienta a "especial transcendencia constitucional" do asunto por ser "o primeiro accidente catastrófico da alta velocidade española" que propiciou "un amplo debate institucional, nacional e internacional"

O recurso tamén defende a "especial transcendencia constitucional" do asunto para xustificar a súa admisión a trámite polo Tribunal Constitucional. Así, sinala que "nos atopamos ante o primeiro accidente catastrófico da alta velocidade ferroviaria española" unha "traxedia que deu lugar a un amplo debate institucional, nacional e internacional, sobre o cumprimento das normas de seguridade ferroviaria. Así, considera que a valoración que poida facer do caso ao tribunal pode "proxectarse sobre futuros supostos análogos", que "a controversia xurídica afecta directamente á aplicación e interpretación da normativa da Unión Europea en materia de seguridade ferroviaria" ou que a "exportación do risco" decidida por Cortabitarte en prexuízo do maquinista "podería proxectarse sobre outros ámbitos de actividade especialmente perigosos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.