A Plataforma de Vítimas de Angrois emitiu este venres, no 13 aniversario do accidente que deixou 79 mortes, un comunicado no que lamentou que o sinistro de Adamuz do pasado xaneiro, no que morreron 46 persoas, non foi "nin un feito illado, nin unha desgraza imprevisible: é simplemente a consecuencia directa dun Estado que, tras a traxedia evitable de Angrois, decidiu mirar a outro lado, selando o coñecido 'pacto da curva' entre PSOE e PP".
Tras a absolución do cargo de Adif os afectados seguen reclamando unha investigación técnica independente como esixe a UE e "unha petición pública de perdón institucional por parte do Estado"
O novo aniversario do accidente de Santiago chega co caso pendente do Tribunal Constitucional despois de que a xustiza primeiro condenase ao mesmo nivel ao maquinista do tren Alvia e a un cargo de Adif e despois absolvese o pasado xaneiro a este último. Neste contexto, a Plataforma de Vítimas, que por segundo ano non realizará ningún acto colectivo en Santiago, sinala que o aniversario "non só chega marcado pola indignación ante os últimos fallos xudiciais, senón pola dolorosa constatación de que as traxedias se repiten cando o Estado decide mirar a outro lado".
Segundo a Plataforma, coa absolución do cargo de Adif "afiánzase unha idea demoledora: as decisións técnicas e políticas que causaron a traxedia non teñan consecuencias penais, nin políticas". Por iso, as vítimas seguen reclamando "unha investigación técnica independente, levada a cabo pola nova Autoridade Independente para a Investigación Técnica de Accidentes de Transporte, tal e como esixe Europa". Tamén queren "unha petición pública de perdón institucional por parte do Estado" polos "intentos de ocultación e polas trabas postas para impedir unha investigación independentes".
A Plataforma di que non deixará de loitar "ata conseguir que a vida dos pasaxeiros valga máis que os intereses de calquera goberno"
Por último, reclaman "que a seguridade dos viaxeiros sexa unha prioridade absoluta, situándoa de maneira firme e permanente por riba de calquera interese electoral ou comercial".
A plataforma remata asegurando que non deixará de loitar "ata conseguir que a vida dos pasaxeiros valga máis que os intereses de calquera goberno ou institución".