Vox queda sen a súa única representación institucional en Galicia

Lilian Cerdeira, nunha votación no pleno do Concello de Avión © Vox

Vox queda sen o único cargo electo que tiña en Galicia. A formación de ultradereita contaba cunha concelleira no municipio ourensano de Avión, que supoñía a única representación institucional dun partido que non logrou entrar nunca nin no Parlamento, nin nas deputacións nin obter escano galego para o Congreso. Xa non a ten. 

Lilian Cerdeira, concelleira ata hai pouco de Vox en Avión, decidiu deixar a formación que lidera Santiago Abascal, segundo conta o diario ABC. Fíxoo nunha carta enviada ao pleno con data do pasado 2 de abril e na que alega "motivos persoais" para se "desvincular" do partido de extrema dereita. 

Así e todo, Cerdeira deixa claro tamén na carta que non renuncia á súa acta de concelleira, que manterá de maneira independente, "sen adscrición a ningún grupo político específico", unha condición que pide que sexa rexistrada de xeito oficial no Concello. Unha mudanza que así se fixo nun pleno de finais do pasado mes de abril e que confirma Galicia como o único territorio do Estado onde Vox non ten represenntación ningunha nas institucións.

Lilian Cerdeira, único cargo electo de Vox en Galicia, desvinculouse de Vox para manterse como concelleira non adscrita en Avión

Lilian Cerdeira, nada en Caracas e con orixes en Avión, obtivo nas eleccións municipais de maio de 2023 un total de 156 votos (o 18% do total) que lle outorgaron representación nun concello onde o PP goberna con maioría tras achegarse ao 50% dos sufraxios (máis de 450), polos 269 da candidatura independente de Novos Aires por Avión. 

Foron uns comicios onde a extrema dereita Vox seguiu sen callar en Galicia, aínda que, sen obter representación, na Coruña lograra 4.500 votos, en Vigo 3.500, en Santiago 1.600, en Pontevedra 1.400 e arredor de mil en Ourense, Lugo ou Ferrol.

No conxunto de España a formación de extrema dereita conseguira daquela 1,6 millóns de votos, o 7% do total, e acabou por ser fundamental en moitos concellos e mesmo comunidades para que o PP de Feijóo gobernase onde non obtivo maioría absoluta. 

Meses despois, nas xerais, Vox obtivo os seus peores resultados tras Euskadi, sen chegar ao 5% dos sufraxios. 

Nas eleccións galegas de febreiro de 2024, e malia aumentar o seu apoio en 0,15 puntos e nuns 5.000 votos con respecto a 2020, o partido de extrema dereita —o cuarto por número de votos aquel 18F— quedou no 2,19% de apoio

Galicia queda como único territorio do Estado sen representación de Vox; nas pasadas europeas foi a comunidade con menor apoio á ultradereita tras Euskadi

Nos últimos comicios, as eleccións europeas de xuño de 2024, Galicia volveu ser un dos territorios con menos apoio á ultradereita, que así e todo duplicou votos. Vox e Se acabó la Fiesta (SALF) obtiveran conxuntamente o 6,35% dos votos, fronte ao 2,6% acadado por Vox en 2019. Máis de 70.000 sufraxios fronte aos 37.892 de cinco anos antes. 

Tan só en Euskadi (4,4%) VOX e SALF acadaran un resultado máis baixo que en Galicia. Despois, tan só en Navarra e Catalunya a suma de VOX e SALF ficou por debaixo do 10%. No resto do Estado, a ultradereita chegara a superar o 22% en Murcia e o 18% en Canarias, roldando o 17% na Comunitat Valenciana, Andalucía, Castilla-La Mancha, Balears e Aragón. En Madrid superara o 15%. No conxunto de España VOX e SALF acadaran un 14,3% dos votos, máis do dobre que Vox en solitario cinco anos antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.