En Galicia VOX e SALF obtiveron conxuntamente o 6,35% dos votos, fronte ao 2,6% acadado por VOX en 2019. Máis de 70.000 sufraxios fronte aos 37.892 de hai cinco anos
Un dos titulares da eleccións europeas do pasado domingo foi o ascenso da formacións de extrema dereita no Estado español e no conxunto da UE. Galicia non foi allea a esa tendencia e VOX e Se acabó la Fiesta (SALF) obtiveron conxuntamente o 6,35% dos votos, fronte ao 2,6% acadado por VOX en 2019. Máis de 70.000 sufraxios fronte aos 37.892 de hai cinco anos. A ultradereita duplica os seus apoios en Galicia, pero o noso país segue a ser un dos territorios do Estado que mellor resiste á irrupción destas formacións marcadas polo machismo, xenofobia e ultraliberalismo económico.
Con todo, tan só en Euskadi (4,4%) VOX e SALF acadaron un resultado máis baixo que en Galicia
De feito, tan só en Euskadi (4,4%) VOX e SALF acadaron un resultado máis baixo que en Galicia. Despois, tan só en Navarra e Catalunya a suma de VOX e SALF ficou por debaixo do 10%. No resto do Estado, a ultradereita chegou a superar o 22% en Murcia e o 18% en Canarias, roldando o 17% na Comunidade Valenciana, Andalucía, Castela-A Mancha, Baleares e Aragón. En Madrid superou o 15%. No conxunto de España VOX e SALF acadaron un 14,3% dos votos, máis do dobre que VOX en solitario hai cinco anos (6,2%).
Os mellores resultados da extrema dereita chegaron ata agora nas eleccións xerais, cun máximo nos comicios de novembro de 2019 (15,2% no conxunto do Estado)
A ultradereita continúa deste xeito a súa tendencia de ascenso nas distintas eleccións celebradas na última década, un período no que non só VOX (e agora SALF e Aliança Catalana) conseguiron obter unha numerosa representación insitucional, senón que estas formacións foron quen de introducir na axenda política -especialmente na do PP- unha boa parte do seu ideario e programa.
Os mellores resultados da extrema dereita chegaron ata agora nas eleccións xerais, cun máximo nos comicios de novembro de 2019 (15,2% no conxunto do Estado), que decendeu ata o 12,5% na convocatoria de xullo de 2023. O 14,3% deste domingo nas eleccións europeas e, polo tanto, a súa segunda mellor marca.
Galicia é a única comunidade na que VOX non conta con representación no parlamento autonómico e só nas eleccións municipais do pasado ano acadou o seu primeiro concelleiro, en Avión
En Galicia os seus datos foron sempre máis cativos, cun máximo tamén nas xerais de novembro de 2019 (7,9%), cun descenso ata o 4,9% na seguinte cita. Nas eleccións ao Parlamento galego de 2020 e 2024 VOX moveuse ao redor do 2%, lonxe da posibilidade de obter un escano.
Galicia é a única comunidade na que VOX non conta con representación no seu parlamento autonómico e só nas eleccións municipais do pasado ano o partido liderado por Abascal acadou o seu primeiro concelleiro, en Avión.
VOX e SALF superaron o 9% en Ribeira, Marín, Negueira de Muñiz, Mondariz-Balneario, Sada e Ponte Caldelas
Aínda así, a ultradereita de VOX e SALF continúa, de vagar, co seu proceso de crecemento en Galicia, cunha implantación territorial que se estende, á vista dos datos destas eleccións europeas. A suma de ambas as dúas formacións superou o 9% en Ribeira, Marín, Negueira de Muñiz, Mondariz-Balneario, Sada e Ponte Caldelas. E pasou do 8% en A Capela, Pazos de Borbén, San Amaro, Irixoa, Boiro, Arteixo, Poio, Vilamartín de Valdeorras, Meira, Vilariño de Conso, O Barco de Valdeorras e Barbadás.
O mapa amosa unha distribución na que se mesturan concellos rurais, vilas de importancia (Ribeira, Boiro ou O Barco) e localidades próximas ás grandes cidades (Arteixo, Barbadás, Sada, Poio, Marín). De feito, tamén en Oleiros, Culleredo, Cambre ou Narón o resultado de VOX e SALF se achegou ao 8%.
Os resultados provisionais publicados na noite do domingo informan de que VOX acadou case o 20% dos votos en Boimorto, pero xa se comunicou que houbo un erro na notificación dos datos, que se corrixirá nos vindeiros días
Nas grandes cidades o seu apoio é algo inferior, pero notable
Nas grandes cidades o seu apoio é algo inferior, pero notable, especialmente en Ferrol (7,5%), Pontevedra (7,16%), Ourense (6,93%), Lugo (6,92%), A Coruña (6,8%) e Vigo (6,63%). Tan só en Santiago a súa suma non chegou ao 5%.