En 248 concellos houbo maioría conservadora e só en 65 gañaron as forzas progresistas. En cambio, en 2019 a esquerda impuxérase en 197 concellos e a dereita só en 116
Galicia xirou á dereita nestas eleccións do 9 de xuño. Os comicios de 2019 supuxeran un fito, xa que por primeira vez nuns comicios europeos o PSdeG foi a candidatura máis votada no país. Porén, cinco anos despois os socialistas deixáronse 8 puntos que unidos aos outros catro que Sumar e Podemos perderon en relación ao resultado de Unidas Podemos do ano 2019, debuxan un escenario máis conservador, malia o ascenso (+4,3 puntos) do BNG.
O PP, cunha suba de 13 puntos, aproveitou a desaparición de Ciudadanos, que en 2019 obtivera case o 7%. Ademais, a ultradereita de VOX e SALF acadou o 6,3% dos votos, case catro puntos máis dos que tivera VOX hai cinco anos.
O mapa resultante é o dunha Galicia tinguida de azul escuro, con 248 concellos con maioría conservadora e unicamente 65 con vantaxe progresista. En 2019 a esquerda impuxérase en 197 concellos e a dereita só en 116.
As forzas progresistas foron as máis votadas en 5 das 7 cidades, todas agás Lugo e Ourense
A esquerda unicamente mantén a súa maioría anterior na Ría de Vigo e Baixo Miño, Ferrolterra, parte da Ría de Arousa, Costa da Morte e algúns concellos illados en Lugo (sobre todo nas montañas orientais) e Ourense. Iso si, as forzas progresistas foron as máis votadas en 5 das 7 cidades, todas agás Lugo e Ourense.
Cómpre ter en conta que no 2019 as eleccións europeas se celebraron en coincidencia coas municipais, uns comicios que adoitan marcar o sentido do voto para moitas persoas.
PP: Absorción de Ciudadanos e dominio absoluto en case todo o país
O PP foi a forza máis votada en máis de 300 concellos e non baixou do 30% en ningún
O triunfo do PP foi incontestable. Foi a forza máis votada en máis de 300 concellos e non baixou do 30% en ningún. Parte do seu éxito explícase pola absorción de Ciudadanos, pero non só, xa que a metade da súa suba porcentual non procedeu do partido laranxa. Mellorou os seus resultados en todas as localidades agás unha ducia, con subas superiores aos vinte puntos en 33 concellos.
PSdeG: Descenso en case toda Galicia
Os socialistas só melloraron a porcentaxe acadada en 2019 en nove concellos e baixaron en todos os demais
Os socialistas rozaron o empate co PP a nivel estatal, pero en Galicia deixáronse oito puntos en relación ao seu excelente resultado de hai cinco anos. O PSdeG perdeu apoio en case todo o territorio e só gañou en Vigo e nalgúns pequenos concellos rurais, habituais feudos socialistas, coma Ribeira de Piquín, Entrimo, Pedrafita do Cebreiro, Calvos de Randín, Negueira de Muñiz, Fornelos de Montes ou A Capela.
Os socialistas só melloraron a porcentaxe acadada en 2019 en nove concellos, encabezados por Mondoñedo, Moeche, Allariz e Cervo, e baixaron en todos os demais, con perdas ao redor dos vinte puntos en Muxía, Dumbría, Sobrado, Pol ou Meira.
BNG: Ascenso en 254 concellos
O BNG mellorarou os seus datos en 254 concellos e empeoráronos en 59. Cómpre destacar o seu ascenso en Santiso, Cangas, O Grove ou Redondela
O BNG acadou o seu segundo mellor resultado nunhas eleccións europeas, só por detrás do de 1999 e situouse a pouco máis de dez puntos do PSdeG. Os nacionalistas melloraron os seus datos en 254 concellos e empeoráronos en 59. Cómpre destacar o seu ascenso en Santiso, Cangas, O Grove ou Redondela, aínda que tamén tivo perdas importantes en destacados feudos municipais, coma Moeche, San Sadurniño ou Tomiño, nunha evolución na que a coincidencia coas eleccións locais en 2019 seguramente inflúe en gran medida.
VOX: A ultradereita avanza
VOX superou o 5% en 57 concellos
VOX segue sen acadar en Galicia unha implantación comparable á da maior parte dos territorios do resto do Estado, pero nestes comicios europeos consolidou as súas posicións, mesmo a pesar da aparición do SALF do ultra Alvise. Os resultados provisionais outórganlle o seu mellor resultado en Boimorto cun 19%, pero haberá que agardar á revisión de posible erros no escrutinio. En calquera caso, a formación de extrema dereita supera o 5% noutras 56 localidades, encabezadas por Ribeira, Vilariño de Conso, A Capela ou Ponte Caldelas.
Sumar: Fracaso sen paliativos
Sumar acadou un novo fracaso electoral, con pouco máis do dous por cento dos votos e seis puntos por debaixo do resultado de Unidas Podemos de 2019. Mugardos, O Grove e Cangas foron os seus mellores escenarios, algo por riba do 4%, pero mesmo en cidades como A Coruña ou Santiago, a formación non chegou ao 3%.
SALF: Sumando votos para a reacción
Os votos a SALF reforzaron a xa importante maioría da dereita
Se Acabó la Fiesta, a formación do ultra Alvise, non acadou unha implantación moi notable en Galicia nestes comicios, aínda que se situou á par de formacións teoricamente máis consolidadas como Sumar ou Podemos. Ademais, os seus votos reforzaron a xa importante maioría da dereita. Aínda que Irixoa e Negueira de Muñiz foron os concellos onde obtivo unha maior porcentaxe, o litoral sur da provincia de Pontevedra, o Barbanza e a área metropolitana da Coruña foron os lugares nos que acadou máis apoios.
Podemos: Por debaixo do 2%
Podemos superou a Sumar en Santiago e A Coruña
Podemos non chegou ao 2% dos votos este domingo, ficando mesmo por detrás de Sumar e SALF. Con todo, a formación liderada por Irene Montero superou o 3% en Vigo, A Coruña, Santiago e Cangas, superando a Sumar na cidade herculina e na capital de Galicia