Vaia por diante que isto é ficción, un xogo matemático e xornalístico cuxo parecido coa realidade, de chegar a darse, sería pura coincidencia. Con esta cautela por diante, procedamos. Non estamos na primavera de 2015, senón no outono de 2016. Tras as efervescentes eleccións municipais de hai pouco máis dun ano a Alberto Núñez Feijóo chegoulle o momento de disolver o Parlamento e chamar o electorado para renovalo. Polo medio houbo, ademais, unhas xerais. Este cóctel deu lugar a que as galegas e galegos votasen exactamente igual que nos comicios locais. E este foi o resultado.
A treboada electoral iniciada nas europeas de 2014 derivou en que o PP se resentise moi notablemente. Segue sendo a forza máis votada do país, pero o seu nivel de representación é historicamente baixo, inédito dende que existe o PP e moi semellante ao dos tempos da Coalición Popular de Albor. Os populares perden seis escanos e quedan en 35, a tres da maioría absoluta.
Co resultado das municipais o PP perdería seis escanos e ficaría a tres da maioría absoluta, volvendo a niveis semellantes aos dos tempos de Coalición Popular
Fronte ao desplome conservador os socialistas recupéranse notablemente. Despois de perderen asentos no Parlamento nos comicios de 2009 e 2012 o PSdeG regresa a niveis próximos aos dos tempos de Emilio Pérez Touriño e pasan de 18 a 24 deputados. Ese ascenso equivalente ao descenso do PP sérvelles para encabezar unha eventual maioría alternativa e, polo tanto, para teren opcións de presidir a Xunta.
Para teceren un goberno distinto ao PP os socialistas terán que entenderse coas forzas que sentan no resto de escanos, cuxa composición tamén se reconfigura. O BNG non regresa aos seus mellores tempos pero suma un escano ata ter 8. As mareas, que en certo xeito recolleron o testemuño de AGE e das plataformas de unidade nas cidades e algunhas vilas, obteñen 7 escanos. O Parlamento seguirá, ademais, tendo Grupo Mixto, nesta ocasión composto por un único deputado, o representante do partido Democracia Ourensana.
Esta reconfiguración de forzas na Cámara débese ás notables variacións de apoios nas diferentes provincias. O PP perde escanos en todas agás en Ourense, onde conserva os 8 de 2012. A perda distribúese de xeito equitativo entre A Coruña, Lugo e Pontevedra, un descenso de dous deputados en cada unha do que se beneficia especialmente o PSdeG, que suma un escano coruñés ata chegar os 6, dous lucenses ata obter outros 6 e tres pontevedreses, onde chega aos 8. O BNG, pola súa banda, perde un escano por Pontevedra, onde fica con dous, pero suma un en Lugo ao que xa tiña e outro na Coruña, onde logra tres.
Como advertíamos ao comezo do texto, nada disto aconteceu. O futuro do lexislativo galego non está escrito, menos nun escenario político como o actual e, moitísimo menos, tomando como referencia unhas municipais.