Cinco condenas da violencia machista no debate de política xeral: semellanzas e diferenzas

Votación unánime no remate do debate de política xeral de 2019 © Parlamento de Galicia

Este venres finalizou no Parlamento o derradeiro debate de política xeral da décima lexislatura galega. Tras a primeira sesión, centrada nos discursos do presidente da Xunta e das forzas da oposición e mais no posterior debate, chegou a das propostas de resolución. Trátase das conclusións que, en forma de medidas concretas, os grupos formulan para propoñer que a Xunta as cumpra -aínda que non son vinculantes- ou ben para impulsar que o Parlamento se pronuncie politicamente sobre un asunto determinado dos abordados.

Como marcan as regras do debate, cada grupo presentou cadansúas 40 propostas de resolución sobre os máis diversos asuntos.  Tanto o PP como as catro formacións da oposición -PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto- dedicaron unha ou máis propostas a condenaren a violencia machista e formularen medidas ao respecto. No entanto, as diferenzas entre elas ou a negativa a renunciar a algún dos aspectos reflectidos en cada texto impediu chegar a un acordo. Deste xeito, a única que o PP accedeu a aprobar foi a súa. Socialistas, comúns e Bloque abstivéronse, mentres que o Grupo Mixto votou en contra.

Das cinco propostas contra a violencia machista formuladas no debate o PP só accedeu a aprobar a súa, cunha dupla carga partidaria

O texto formulado polo grupo que lidera Alberto Núñez Feijóo traía consigo carga partidaria nunha dupla dirección. A primeira dirixíase con claridade a tentar marcar distancias, cando menos en Galicia, dos sectores do PP que se achegan e mesmo se adhiren aos postulados da formación de extrema dereita Vox opoñéndose ás normativas contra a violencia de xénero e mesmo negando a súa existencia. A segunda ía implicitamente contra as formacións da esquerda.

Unha mobilización feminista, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA EU

A proposta do PP condenaba ao mesmo nivel o "negacionismo" da violencia de xénero e os "intentos de patrimonialización partidista dos avances na loita" contra ela

Así, a proposición dos populares "condena de forma rotunda todo tipo de violencia contra a muller" e aposta por un "tratamento específico" da violencia de xénero e de recoñecer o "substrato machista" ligado a ela. Por iso, agregaba unha condena "explícita" aos "posicionamentos negacionistas que pretenden desvirtuar a dura realidade das vítimas da violencia de xénero". 

Pero, a continuación e ao mesmo nivel, expresaba a mesma condena aos "intentos de patrimonialización partidista dos avances na loita contra a mesma", punto que os grupos da esquerda non estiveron dispostos a aceptar. Non en van, na propia intervención do vicevoceiro parlamentario e secretario xeral do partido, Miguel Tellado, ficou claro que as forzas da oposición eran as destinatarias desta mensaxe.

Propostas da oposición

Alén da formulación de medidas concretas neste eido, tamén enunciadas na proposta do PP, pola banda da oposición a redacción da condena da violencia machista orientouse doutro xeito. Así, por exemplo, a proposta do PSdeG comezaba por "recoñecer a emerxencia feminista froito da continua violencia cara ás mulleres" e instaba a Xunta a "expresar o seu rexeitamento público a calquera manifestación ou posición política que propugne a eliminación ou minoración das medidas" para combatela. Ao tempo, os socialistas promovían a sinatura dun "Pacto Galego contra a Violencia Machista" coa súa correspondente dotación orzamentaria "antes de fin de ano".

Xunto a accións máis específicas -en áreas como o ensino, por exemplo-, a resolución sobre violencia machista redactada por Común da Esquerda secundaba a proposta de "comprometer o 1% do orzamento á loita contra as violencias machistas". Adicionalmente, pedía un compromiso explicito coa "folga feminista do 8 de marzo e non boicoteala vulnerando o dereito á folga" das traballadoras da Xunta, que segundo esta proposta debería tamén "apoiar activamente o conxunto das convocatorias do movemento feminista".

Miguel Tellado (PP), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG), Luca Chao (Común da Esquerda), Olalla Rodil (BNG) e Paula V. Verao (Grupo Mixto), durante o debate das propostas de resolución © Parlamento de Galicia

Pola banda do BNG a resolución proposta neste eido pasaba por "avanzar contra a violencia machista e atender ás esixenicas do feminismo galego". Así, ademais de reiterar a proposta destinar o 1% do orzamento a este ámbito, que o propio Bloque xa defendera con anterioridade, a formación que encabeza Ana Pontón reclamaba unha unidade "específica" para atender as agresións de xénero dentro da Dirección Xeral de Xustiza, "incorporar ao marco lexislativo os conceptos de feminicidio e consentimento" ou "rexeitar os acordos con partidos políticos que ameazan gravemento a integridade das mulleres ao negar a existencia da violencia machista".

Dende o Grupo Mixto, En Marea sintetizaba a súa resolución propoñendo un "plan de impulso á igualdade e loita contra as violencias machistas" que se centrase, por exemplo, na loita contra a violencia sexual. Asemade, reclamaban máis fondos "para a integración e promoción laboral" das vítimas destas agresións ou maiores recursos de atención psicosocial para menores vítimas da violencia machista.

Alén das relativas á violencia de xénero, finalmente o debate rematou con 57 resolucións aprobadas. En 24 delas houbo algún tipo de acordo do PP coa oposición. Pódense consultar todas as aprobadas nesta ligazón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.