Caballero presenta o PSdeG como "alternativa real" á "estabilidade da agonía" do goberno de Feijóo

Gonzalo Caballero, no seu escano ao inicio do debate de política xeral de 2019 © Parlamento de Galicia

"Se lles pedimos aos galegos que sinalen tres decisións positivas da Xunta nesta lexislatura non habería resposta, porque non hai acción política". O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chegou ao debate de política xeral de 2019, o derradeiro da lexislatura, cun duplo reto: afrontar o primeiro gran debate parlamentario da súa traxectoria como deputado e facelo ademais como líder da primeira forza da oposición, condición que os socialistas recuperaron tras a ruptura de En Marea. E fíxoo coa intención de presentarse como "a alternativa real" ao PP para as eleccións previstas en 2020.

"Se lles pedimos aos galegos que sinalen tres decisións positivas da Xunta nesta lexislatura non habería resposta, porque non hai acción política"

Como nos últimos meses, Caballero asentou o seu discurso na idea do remate do "ciclo" político de Feijóo tras dez anos no poder. O presidente do Goberno galego "amosa fartura e cansanzo" e boa mostra disto, asegura, é que dende 2016 o Parlamento leva aprobado "o menor número de leis da súa historia". Feijóo, reprochou o socialista, "proclama que Galicia é o modelo", pero en realidade "Galicia é moito máis que o seu goberno", cuxas proclamas de "estabilidade" son "a estabilidade da agonía".

Gonzalo Caballero e outros membros do Grupo Socialista, no debate de política xeral do 2019 CC-BY-NC-SA PSdeG

Para Gonzalo Caballero, o discurso co que Feijóo inaugurou o debate de política xeral centruse en "volver prometer o que prometeu en anos anteriores" e "xa non é crible". "O seu discurso só certifica que o seu proxecto está esgotado, que o seu tempo político á fronte de Galicia rematou" e faino, cre, cun "suspenso notorio en moitos eidos de xestión" que torna en "palmario no eido sanitario". "Meteron a sanidade pública na UVI e só cando milleiros de persoas saíron á rúa por todo o país tiveron que recoñecer o fracaso".

O secretario xeral do PSdeG contrapón o que considera fracasos do Executivo do PP coas decisións do Goberno de Pedro Sánchez en materias como a suba do salario mínimo.

O secretario xeral do PSdeG contrapón o que considera fracasos do Executivo do PP coas decisións do Goberno de Pedro Sánchez en materias como a suba do salario mínimo. Esas decisións, cre, si son apoiadas pola "nova maioría" que xa hai en Galicia, a poboación que "vive nunha Galicia distinta á que vostede debuxa", a mesma pola que o PP "perdeu tres eleccións no que vai de ano".

Nun discurso respondido dende as bancadas do PP con risos -algúns populares incomodáronse especialmente cando Caballero instou a Feijóo a "facer menos caso ao señor Tellado e ao señor Rueda e máis ao señor Puy-, Gonzalo Caballero concluíu tentando bosquexar o que o PSdeG presenta como "o proxecto de país" dos socialistas "para unha nova década" con medidas en materia económica, territorial ou de erradicación da violencia machista. 

Mentres, láiase, Feijóo "centrase" na "confrontación" con Pedro Sánchez. Especialmente no que atinxe ao financiamento e aos 700 millóns de euros pendentes de ingresar a Galicia por parte do Ministerio de Facenda. "Entregouse a un relato cun percorrido curto, o flotador estaba pinchado" e agora, que o Goberno central "resolve, vostede segue optando pola confrontación" ata acusar o Executivo socialista de deteriorar a democracia pola nova convocatoria de eleccións xerais. En realidade, acusa, "a corrupción do PP foi o que máis danou a saúde democrática" nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.