Alberto Núñez Feijóo iniciou a súa réplica aos grupos da oposición no derradeiro debate de política xeral da lexislatura citando os nomes das persoas que lideraron as diferentes formacións da esquerda, tanto no Parlamento como organicamente, durante a década que xa acumula como presidente da Xunta. Saíulle unha vintena. O líder do PPdeG quixo evidenciar así a "inestabilidade" da que, ao seu xuízo, son sinónimo as forzas da esquerda. Pero evidenciou tamén, querendo ou non, unha das súas principais fortalezas nestes dez anos: a interinidade, na maior parte destes anos, nos liderados dunhas ou doutras forzas da oposición.
As formacións da banda esquerda esforzáronse durante a sesión, con diferentes formulacións, en facer ver que dez anos despois o proxecto político de Feijóo está "esgotado" e que o electorado galego pide cambio. Máis aínda porque nas xerais de abril "o 55%" do electorado "votou polas forzas progresistas", evocou o socialista Gonzalo Caballero no seu primeiro gran debate parlamentario como líder da primeira forza da oposición. Fixérono cun ton tan marcadamente preelectoral como as mensaxes sobre o seu futuro político coas que Feijóo salferiu as case oito horas de debate que acolleu este mércores o Pazo do Hórreo.
Feijóo salferiu as case oito horas de debate con mensaxes implícitas sobre o seu futuro político: "As galegas e galegos poden contar coa Xunta de Galicia e comigo" porque "non hai maior honra que servir a Galicia"
O presidente da Xunta alimentou as posibilidades de optar á Presidencia da Xunta por cuarta vez por varias vías durante o debate. Fíxoo, por exemplo, na conclusión do seu primeiro discurso. Tras erixir o seu Goberno en "modelo" para España e contrastalo coa "inestabilidade" do PSOE, o líder conservador manifestou que "o de menos é o futuro dos que estamos aquí" e "o de máis é que Galicia ten despexado o seu para os próximos doce meses", prazo máximo para a convocatoria de eleccións. Pero, tamén afirmou que o "reto" é "garantir un futuro certo" para a vindeira década e "as galegas e os galegos poden contar coa Xunta de Galicia e comigo" porque "non hai maior honra que servir a Galicia".
Os ruxerruxes sobre o significado das verbas presidenciais circulaban xa polo Pazo do Hórreo cando comezou a segunda parte da sesión, a do debate en sentido estrito. Nela as catro forzas da oposición -PSdeG, Común da Esquerda, BNG e o Grupo Mixto que integran catro membros de En Marea- quixeron presentar as súas credenciais en clave de alternativa progresista para 2020 tras a década de Feijóo. E foi neste punto no que o presidente da Xunta se apoiou no bloqueo estatal para volver xogar coa posibilidade de optar á Presidencia outra volta.
"Traballarei todo o que poida para que o PP de Galicia saque maioría absoluta nas seguintes eleccións"
"Queren que Galicia copie a inestabilidade de España", pero "este Goberno e eu estamos máis que despertos para que Galicia poida acadar os seus soños", proclamou antes de botar man das recentes declaracións de Pedro Sánchez a respecto de Unidas Podemos para volver xogar co futuro. "O que non nos deixaría durmir sería que unha oposición cuatripartita se convertese nun desgoberno", pero "como a maioría de Galicia quere centralidade e estabilidade, nós seguimos comprometidos con Galicia". Por todo isto, advertiu, "traballarei todo o que poida para que o PP de Galicia saque maioría absoluta nas seguintes eleccións" galegas.
Deste xeito, pinga a pinga, a incógnita sobre o futuro de Feijóo impregnou o debate. Mesmo deixando en segundo plano o anuncio do discurso inicial ao que o gabinete presidencial deu máis importancia, a gratuidade das escolas infantís dependentes da Xunta "a partir do segundo fillo" no ano electoral de 2020. Unha das medidas que para Feijóo amosan ás claras que o Executivo do PP ten "balance, estabilidade e obxectivos" para a vindeira década, a da "Galicia xacobea" que "ten que ser a mellor Galicia da historia para os galegos".
As forzas da oposición esfórzanse en facer ver que o proxecto de Feijóo está "esgotado" e, subliña Caballero, así ficou reflectido nos resultados das xerais, cando o 55% do electorado galego "votou polas forzas progresistas"
Da visión presidencial discrepa o socialista Caballero, para quen Feijóo ficou na "foto feita en 2016", a da maioría absoluta do PP, e non atende á "nova maioría social do país" que, "por moito que lles pese", quere un cambio pola esquerda. Tamén fai o propio Antón Sánchez dende Común da Esquerda, a cuxo xuízo a Galicia que "soubo resistir" será a que poña fin a un Goberno baseado na "propaganda". Tamén de cambio fala Ana Pontón dende o BNG, para quen "hai outra Galiza posíbel e mellor" que a aferrada á sucesión de Anos Santos. E Luís Villares, agora no Mixto, quen non atopa no PP "ideas nin proxecto".
Tanto Caballero como Pontón estarán nos carteis electorais de 2020. Pola banda dos comúns e de En Marea case todo está por dilucidar. No PP, atendendo ao suxerido este mércores, se cadra as incógnitas xa son menos, se ben cómpre non perder de vista que o contexto do derradeiro debate de política xeral da lexislatura é duplamente preelectoral e que antes das galegas de 2020 están as xerais do vindeiro 10 de novembro.