Villares pide á Xunta que actúe ante a "emerxencia climática, social e feminista que vive Galicia"

Luís Villares intervén durante o debate de política xeral © Parlamento de Galicia

“Conseguiu sacar á rúa mocidade de todo o planeta”. Luís Villares, como antes fixera a súa formación política, fixo unha chiscadela ao movemento ecoloxista e contra o cambio climático, citando e gabando a irrupción de activista Greta Thunberg no inicio da súa intervención. Nela, pediu á Xunta “medidas concretas” fronte á “emerxencia climática”. “Debe ser unha prioridade para a humanidade no seu conxunto da que nós, como galegas e galegos, debemos participar”, dixo. 

O portavoz do Grupo Mixto advertiu dunha Galicia “que vive nunha situación de emerxencia”, de “emerxencia climática, feminista e social e económica”. Todo xunto, avisa, deriva tamén na crise demográfica e cun goberno “sen ideas nin proxecto de país” e ao que pediu que reaccionase de vez. 

Villares pediu ao Goberno que actúe ante "unha situación de emerxencia climática, feminista e social e económica" e acusouno de non ter "nin ideas nin proxecto"

Porque Villares tirou dos problemas ambientais vinculados tamén aos económicos e sociais que se derivan ou que os provocan. Censurou que non se “tivesen buscado alternativas” ao peche “inevitable” das centrais térmicas de Meirama e das Pontes ou a “desorde forestal e monocultivo de eucalipto que aumenta a voracidade dos incendios” acentuado, dixo, “cun novo plan forestal que aínda quere 35.000 hectáreas máis” desta especie. Ademais, censurou “a incompetencia” do Goberno de Feijóo á hora de impulsar o tren de proximidade ou para evitar as “30.000 explotacións gandeiras abandonadas en dez anos”. 

Villares intervén no debate de política xeral no Parlamento CC-BY-SA EM

Ao tempo, ofreceu ás forzas progresistas “un acordo social contra o cambio climático” no que se impliquen “os sectores sociais, culturais e sindicais da sociedade civil” e ante un Goberno galego, dixo, que está “ao servizo dos lobbys que vampirizan o público” e que se prega, tamén, a empresas que impulsan proxectos empresariais tan criticados como a megamina en Touro. 

Villares acusou a Feijóo de “propaganda” e de “poñer o traxe de vítima” xusto antes de insistir na “emerxencia feminista” e na necesidade de aumentar o orzamento para as políticas de apoio e protección ás mulleres que sofren violencia de xénero e de atacar “o problema de raíz que é o machismo”, para acabar reprochando ao presidente da Xunta os acordos do seu partido con Vox. 

Villares acusa a Feijóo de facer "propaganda" e "poñer o traxe de vítima"

O portavoz do Grupo Mixto advertiu tamén do “fracaso nas políticas de coidados e dependencia” e lembrou que a “medida estrela” de Feijóo nesta lexislatura era a construción de residencias de maiores nas sete cidades galegas, unha medida que se levará a cabo grazas á doazón de 90 millóns de euros da Fundación Amancio Ortega. “Ou o plan era unha farsa ou vostede xa sabía que lle caía; menos caridade e máis xustiza fiscal”, reclamou.

Alén diso, Villares lembrou que Galicia “aínda non recuperou o emprego de antes da crise” e que o país consolidou “a precariedade e a temporalidade”, citando como exemplos a situación da enfermaría eventual e a loita desas “mulleres bravas” ou a situación pola que pasan sectores como os dos teleoperadores. “Deixe de maltratar o persoal do Sergas”, finalizou, antes de insistir na “desvertebración” do país, na condena á mocidade a “emigrar” ou no drama demográfico e a “maior perda de galegofalantes da historia”. “Gasta máis en propaganda que en medidas”, rematou dirixíndose a Feijóo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.