Antón Sánchez apela á "Galicia que soubo resistir" para acabar cun goberno "insubstancial" e "de propaganda"

Antón Sánchez, durante o debate de política xeral © Parlamento de Galicia

“Precisamos un goberno que traballe polo interese xeral e non un que practique a corrupción que supón traballar para os poderosos, un goberno capaz de levar a cabo os moitos retos que temos pendentes”, rematou a súa intervención Antón Sánchez, portavoz do Grupo Común da Esquerda, que apostou por un futuro executivo “que estableza as bases dun futuro, que pense no ben común e non na privatización nin na precarización das nosas vidas” e por “unha Galicia soberana que aposte por reforzar o autogoberno”.

“Precisamos un goberno que traballe polo interese xeral e non un que practique a corrupción que supón traballar para os poderosos", dixo Antón Sánchez 

“Temos que activar a toda esa Galicia que se move na defensa dos seus dereitos”, insistiu Sánchez ollando xa cara ao futuro electoral tras un discurso no que falou da “década perdida” con Feijóo e dun “goberno insubstancial” e de “propaganda” logo de “dez anos de recortes e desigualdade”. 

“Hai unha Galicia cansa das súas falsas promesas”, advertiu Sánchez a Feijóo, ao que considerou “un problema” que terá unha solución “democrática” cunha “maioría da Cámara a favor dun cambio político, en defensa do autogoberno e ao servizo das maiorías”. 

Antón Sánchez, durante o debate, xunto a Manuel Lago © Parlamento de Galicia

Antón Sánchez fixo balance dos anos de Feijóo á fronte da Xunta advertindo da “cor negra” que tingue o país e as protestas contra a “manipulación mediática” nos medios públicos, das enfermeiras eventuais pola precariedade no Sergas ou de todos os colectivos “que se organizan contra a depredación dos nosos recursos”. “Existen tantos conflitos en Galicia como intentos de vender a prezo de saldo o noso territorio”, dixo o portavoz de Común da Esquerda tras acusar o Goberno de aliarse “cos depredadores” e facer leis “a medida das multinacionais”. “Galicia é a zona cero dun fracasado experimento neoliberal”, dixo. 

Sánchez recriminou a Feijóo as nulas competencias transferidas, que non haxa “nin rastro dun novo sistema de financiamento local” ou do “bloqueo á lei para a transferencia da AP-9”. “Sempre que estivo o PP no Goberno do Estado foi vostede dócil”, dixo a quen acusou tamén de “frear a construción de vivenda pública” ou “liquidar o sistema financeiro galego e a industria”. “Prometeu unha fusión e unha caixa galega e temos un banco venezolano vendido a prezo de ganga”, asegurou, tras pedirlle ao presidente da Xunta que “deixe de boicotear a comisión de investigación das caixas”. 

Sánchez acusa a Feijóo de "promesas repetidas e incumpridas" e de "pór os negocios por diante de Galicia"

O portavoz dos comúns insistiu nas “promesas repetidas” pero “incumpridas” de Feijóo e lembroulle a súa aposta pola “fusión de concellos”. “Dúas fusións, sen comarcalización e sen áreas metropolitanas funcionando”, lembroulle, tras advertirlle tamén daqueles 128 procesos de concentración parcelaria e “doutras medidas estrela que non pasaron de titulares e propaganda”. “Non estamos aquí para escoitar promesas, senón para ver feitos”, repetiulle. 

Ademais, criticou unha política de austeridade que acabou por “deteriorar os servizos públicos e desacelerar a economía e o emprego, reducindo o gasto en sanidade e educación e aumentando a privatización”. “Por diante de Galicia están os negocios”, insistiu Sánchez facendo referencia aos “beneficios” de Audasa ou aos “favores” a ENCE e lembrando a “década perdida” para o emprego e a grave situación do sector industrial, con peches, despedimentos ou ameazas de feche en empresas como Alcoa, Isowat ou Poligal. “As súas políticas esnaquizan vidas e condenan a mocidade á precariedade”, engadiu.

Para finalizar, Sánchez apelou a “unha Galicia que soubo resistir, que non se resignou e que se organizou para criticar as políticas de austeridade”. “Os cambios tardan, pero antes ou despois, o seu final chegará”, advertiulle a Feijóo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.