Pontón chama a poñer fin ao "Goberno intranscendente" de Feijóo: "Hai outra Galiza posíbel e mellor"

Ana Pontón, durante a súa intervención no debate da política xeral CC-BY-NC-SA BNG

"Ata vostede sabe que este é o seu derradeiro debate como presidente da Xunta". A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afrontou este martes o debate de política xeral dende o que, afirma, é o convencemento da fin do ciclo político de Feijóo e o seu "Goberno intranscendente" e sen "proxecto" ante o que ofreceu a "outra Galiza posíbel e mellor" que, di, representa o Bloque.

"Ata vostede sabe que este é o seu derradeiro debate como presidente da Xunta"

Para a líder do Bloque o discurso co que Feijóo iniciou o último gran debate da lexislatura é a mostra do seu esgotamento. "Rescata as propostas de Fraga nos 90", como fiar o futuro do país ao Xacobeo ou potenciar a marca Galicia Calidade cando "xa estamos entrando na segunda década do século XXI".

Pontón dedicou a primeira parte do seu discurso a identificar as que, ao seu xuízo, son as "cinco crises" nas que o PP "deixa sumida Galiza": demográfica, económica, social, ambiental e de autogoberno. "Cantos destes problemas vai solucionar o Xacobeo?", preguntouse retoricamente a nacionalista para despois afirmar que gran parte delas pasan por "unha nova estratexia económica que vaia moito máis alá do turismo".

Pontón conversa con Noela Blanco (PSdeG) no inicio do pleno © Parlamento de Galicia

Así e todo, Pontón dubida de que o Goberno do PP desa desenvolvido esa "nova estratexia" no económico nin no social. Non en van, exemplificou, "vostede foi un precursor no desmantelamento das políticas de igualdade; o que agora escandaliza en Andalucía xa o fixo vostede a chegar ao Goberno. Tampouco no autogoberno, reprocha: o goberno de Feijóo logrou "cero competencias en dez anos".

"Galiza ten futuro porque o actual goberno non ten futuro"

Constituír unha comisión de estudo sobre un novo modelo de financiamento, unha banca pública galega, un novo decreto para potenciar as linguas no ensino ou destinar ata o 1% do orzamento da Xunta á loita contra a violencia machista son algunhas das propostas que Pontón deixou nun debate no que, afirma, mestura "preocupación" con "ilusión". "Estou ilusionada -explicou- co futuro que pode ter Galiza se cambia o rumbo".

"Galiza ten futuro porque o actual goberno non ten futuro", conclúe a líder do Bloque, para quen o Executivo que dirixe Feijóo xa só está centrado na "supervivencia" política do propio presidente. "Galiza -proclama- merece un presdiente ou presidenta que coñeza a realidade do seu país e non a Arcadia feliz que vostede narrou esta mañá".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.